spot_img
InicioBaixo MiñoA GuardaAtadeiras-Redeiras, un oficio que segue gañando batallas á máquina do tempo

Atadeiras-Redeiras, un oficio que segue gañando batallas á máquina do tempo

A Historia é unha máquina social que todo o cambia. En xeral os oficios tradicionais pagan un alto prezo por mor do “progreso”. No caso do mar, xa non quedan cordeiros e poucos son os veleiros e carpinteiros de ribeira que poden ser vistos nos peiraos. Dornas, gamelas, veleiros, molleiros e volantas son pezas de museo. O de redeira é unha das poucas artes que as máquinas e robots inda non puideron substituír. O intentan pero non hai caso, non lles saen ben. Por iso, paga a pena nunha ruta mariñeira facer unha visita a estas heroínas da resistencia. A ver como o fan?

Para falar coas redeiras guardesas da Asociación Atalaia se debe atravesar todo o porto até a última nave. Foilles adxudicada en 2008 pola Xunta de Galicia, cando o goberno autonómico atopou que o pais quedaba baleiro de persoas con estas destrezas e coñecementos. Porque sábese que sen redeiras non hai redes, nin pesca, nin peixe nas casas. “Conchi”, que enche agullas dende os 12 anos, lembra que o proceso de “salvamento” e dignificación do oficio naceu dos grupos de redeiras dos peiraos. Atoparon eco na última presidencia de Manuel Fraga, e gañaron pulo durante a xestión de Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana.

Atadeiras-Redeiras, un oficio que segue gañando batallas á máquina do tempo
De esquerda a dereita Marina, Conchi, Carmiña, Sara, e Manoli integrantes da Asociación de Redeiras Atalaia da Guarda.
Actualmente traballan 9 redeiras nesta nave que alugan no porto de A Guarda.

“Carmiña”, filla dunha mestra de redeiras e con case 40 anos de oficio, salienta que xa estaban fartas de ser as “invisibles” do mercado. Para mostra un botón: só a industria pesqueira entorno a Vigo factura 3.000 millóns de euros ao ano, segundo o concello olívico. Unha redeira gaña 4 euros/hora de media, brutos. E igual cantan mentres traballan.

“Sara” é do relevo xeracional. A moza vén de familia mariñeira, dunha nai que foi a súa primeira mestra de atar, pero fixo a FP de Marín para titularse como redeira. Non coñeceu as chabolas onde as súas antecesoras tecían aos pés do Trega. Está actualizada nas reviravoltas do mercado. Loita contra a precarización das traballadoras. Afirma que a negociación directa con armadores trouxo estabilidade. Pactaron prezos e prazos de entrega máis racionais. Antes os barcos chegaban con mil redes para armar e reparar en 15 días. Iso eran 14 ou 16 horas de xornada sen días de descanso. Como as súas compañeiras é autónoma.

“Marina”, que tamén aprendera de nena nas chabolas, fai fincapé na dureza do oficio. Estas mulleres deben levantar redes que van dos 10 aos 25 quilos ou máis de peso. Deben descargar contedores con miles de redes e transportalas a la nave. Antes o facían coa cabeza, agora hai grúas e carretillos. Sen embargo, sempre algo hai que cargar a man a cotío. Atar e armar deturpa mans, pulsos, osos e columna, ademais de ter que facer parte do traballo á intemperie. Sen embargo a maioría das enfermidades do oficio non están contempladas legalmente.

“Conchi” sabe do valor do seu traballo para o mercado pesqueiro. Xunto as súas compañeiras reivindica que os seus coñecementos e destrezas non se acadan dun día para outro. Que as máquinas inda non son capaces de facer artes e redes coa eficacia e consistencia conque o fan elas. Que continuidade do oficio depende da solución de tres problemas graves: a súa marxinación por parte do mercado; o intrusismo laboral (sumerxido e con prezos case de escravitude), e a falta de relevo xeracional como consecuencia dos poucos incentivos económicos e sociais.

As redeiras saben moitas cousas, a máis importante: “Que sen redes non hai pesca e non hai redes sen redeiras”

Sabias que..Atadeiras-Redeiras, un oficio que segue gañando batallas á máquina do tempo

  • -A pesar que é un traballo feminizado foi nos inicios feito por homes mariñeiros.
  • -As primeiras redeiras-atadeiras eran as mulleres, irmás e fillas destes mariñeiros. Comezaron coas reparacións dos aparellos para que os mariñeiros puideran volver rápido ao mar.
  • -Que a finais do século XX a Xunta de Galicia tivo que saír aos portos a buscar ás poucas que quedaban co oficio para que este non desaparecera.
  • -Que a Federación Galega de Redeiras Artesás fundouse recen no ano 2004.
  • -Que as redeiras da Guarda están especializadas na confección, armado, reparación e mantemento das chamadas “Artes menores”: Rascos e Trasmallos para a pesca no mar, e Lampreeiras e Sableiras para a pesca no Río Miño.
  • -Que os principais útiles dunha redeira son: agullas, navallas e distintos tipos de fíos e cordas.

Por Álvaro Peralta//Reportaxe incluída no nº7 da revista COUSAS DE Baixo Miño

- Publicidade -spot_img