spot_img
InicioVigo e áreaO PorriñoAntonio Palacios: O templete do Metro madrileño no Porriño

Antonio Palacios: O templete do Metro madrileño no Porriño

Antonio Palacios O templete do Metro madrileño no PorriñoO porriñés Antonio Palacios Ramilo foi nomeado arquitecto da Compañía Metropolitana de Madrid en 1917 ocupando ese cargo ata 1945.

O TEMPLETE EN MADRID

O seu labor principal nas obras do Metro estivo relacionado co acceso ás estacións deseñando os templetes de Gran Vía e da Porta do Sol, as bocas de metro, a decoración de espazos das propias estacións a base de azulexos e cerámica, a construción de edificios auxiliares (subestacións eléctricas, talleres, cocheiras) ou mesmo co deseño do logotipo básico coa palabra Metro incrustada nun rombo.

Antonio Palacios O templete do Metro madrileño no Porriño

O templete de Gran Vía, tamén denominado da Rede de San Luís, é o que acabou no Porriño uns cincuenta anos despois de construírse en Madrid. Foi proxectado en 1918.

O pequeno edificio era unha cuberta pola que se entraba no ascensor ou nas escaleiras que salvaban as catro plantas que daban acceso á estación de Gran Vía. A obra tiña dous elementos moi diferenciados, a estrutura de pedra -que é o que se conserva actualmente- e outra estrutura de ferro e cristal a modo de marquesiña.

Antonio Palacios O templete do Metro madrileño no Porriño
Proxecto 1918

Por ese ascensor subían e baixaban diariamente vinte ou trinta mil persoas. Caeu en 1932. A mediados dos anos cincuenta xa estaban montadas as escaleiras mecánicas e por esta razón en 1954 anunciábase que “el ascensor y el templete van a desaparecer”. Deixou de funcionar en 1966.

TRASLADO AO PORRIÑO

A primeira noticia do traslado ven de Raúl Francés Valverde, outro porriñés que por aquel tempo traballaba en Madrid: “un compañeiro que me estaba esperando entregoume a Hoja del Lunes de Madrid e dime cun sorriso ladeado: “Por fin Madrid va a mejorar algo, ya que el templete de la Red de San Luis va a ser derribado inmediatamente”. No mesmo intre no que cheguei á oficina, chamei por teléfono á miña nai e lle dixen que avisara ó Alcalde do Porriño, naquel momento Gonzalo Ordóñez, de que non se podía permiti-la desaparición dunha obra de Palacios. Cando dous días despois, o mércores cheguei a casa, a miña nai informoume de que falara con Gonzalo e que este lle agradecera sobre maneira a información e que, ademais, as súas xestións (nun só día) conseguiran que o templete se trasladara ata Porriño”.

Antonio Palacios O templete do Metro madrileño no Porriño
O templete en Porriño

A primeira noticia de prensa sobre o tema é no nadal de 1969. Dúas semanas despois, o Concello de Madrid –que presidía Carlos Arias Navarro-comunicaba á Compañía Metropolitana o apoio municipal ao traslado da peza arquitectónica ao Porriño. En abril comezan a desmontarse as pedras que chegan á vila en xullo. O presuposto do traslado era dunhas 300.000 pesetas e o Concello de Madrid parece que aportou a terceira parte desa cantidade. Por outro lado, nesas datas se remodelaba o Campo da Feira porriñés tras prescindir do arborado que as nenas e nenos das escolas do Porriño plantaran nunha Festa da Árbore nos anos vinte.

Dende o primeiro momento pensouse situar alí o Templete formando parte da citada remodelación. Un ano despois, nas festas patronais do Cristo de 1971 mostrábase a obra reconstruída. Reconstruída en parte porque “no traslado perdeuse a estrutura de ferro, polo que o Templete aparece mutilado, perdendo unha das súas principais características: a harmonía e perfecta simbiose entre o material pétreo e a estrutura de ferro e cristal”, como explica quen máis sabe do tema, que é Moncho Iglesias Veiga.

O PROXECTO DE BAR BOO

Por parte municipal expoñíase en febreiro de 1970, é dicir, antes de realizarse o traslado, un proxecto de contidos para o edifico: “Dentro del templete se piensa establecer una exposición de la vida y honra del insigne artista, en la que figurarán maquetas de sus obras más importantes, construcciones, proyectos e ideas y, naturalmente, un busto, o tal vez una estatua del arquitecto.

Antonio Palacios O templete do Metro madrileño no Porriño
Barboo 1971

Al fondo, una oficina de información y Turismo que estará atendida por chicas ataviadas con trajes regionales”. Por estes anos era arquitecto municipal do Porriño Xosé Bar Boo e realizou un proxecto de reutilización desta obra creando tres plantas (unha delas subterránea) e ampliando o espazo cunha nova estrutura de aceiro e cristal. Bar Boo concibía ese edificio para ser utilizado como Biblioteca Antonio Palacios e como lugar centralizador de documentación sobre o arquitecto porriñés. En xuño de 1973 o Concello encargaba un proxecto “para Oficina de Turismo cuya entrada será el Templete de Palacios” e tres meses despois se presentaba no Ministerio de Información y Turismo solicitando apoio para cubrir a cantidade de 1.216.478 pesetas que custaba a obra.

Antonio Palacios O templete do Metro madrileño no Porriño

É moi probable aínda que non teñamos certeza absoluta, que este proxecto presentado era o de Bar Boo que coñecemos pola publicación que no seu día fixo a revista O Tranvía. Finalmente e sen subvención do Ministerio, o Concello non puido afrontar o montante económico e a obra quedou sen realizar. Hoxe, cos actuais criterios utilizados na conservación do Patrimonio, propostas de intervención como a do prestixioso Bar Boo serían inviables. Non obstante, o alento da súa proposta -que era crear un centro documental sobre Palacios- está plenamente vixente.

UN CENTENARIO ESCURO

Antonio Palacios naceu en 1876 e, por tanto, a instalación do Templete no Porriño cinco anos antes do centenario do seu nacemento parecía abrir con optimismo a celebración por parte da sociedade porriñesa e galega. Hai que lembrar –aínda que doa- que en 1960 o Concello compraba por 10.000 pesetas o edifico das Escolas Fernández Areal, a segunda obra máis importante realizada por Antonio Palacios na súa vila, e incomprensiblemente pouco despois procedeu ao seu derrubamento. Naquela época o Patrimonio entendíase como un estorbo. Por iso, a aceptación do Templete e os anuncios do traslado dos restos de Antonio Palacios ao cemiterio da súa vila, parecían augurar unha mellor valoración da súa figura e da súa obra. Tampouco a nivel galego houbo unha grande explosión de recoñecemento.

Antonio Palacios O templete do Metro madrileño no Porriño
Madrid 1960

A voz de alarma era expresada por González Méndez en El Pueblo Gallego: “Ninguna voz romperá hoy los cielos de Galicia a manera de homenaje. Ni siquiera en Porriño, donde nació, hace cien años Antonio Palacios; arquitecto de los de libro de texto. ¿Qué pasa aquí?”. Co paso dos meses foron realizándose eventos de homenaxe que a nivel local estiveron, basicamente, protagonizados polo Círculo Recreativo Cultural. Pero o máis escuro foi o incendio que deixou moi danado o Pazo do Concello, a obra destacada do arquitecto no Porriño e obra importante da Arquitectura Rexionalista. !Xusto no ano do seu nacemento!. Un mes despois de arder o pazo, rematando outubro, celebrábase a homenaxe da institución municipal coa inhumación dos restos do arquitecto na súa vila. “Poca gente de Porriño, mucha gente de Vigo y otros ayuntamientos”, decía a prensa. Creo que houbo porriñeses e porriñesas que non asistiron pola vergoña que sentían sobre o que pasaba no seu pobo en relación a Palacios.

📸🖋J:R.Paz Antón – Reportaxe incluida no Nº6 da revista

SABÍAS QUE…?

Antonio Palacios foi o creador dos deseños dos interiores e da estética das primeiras liñas do suburbano, da organización dos seus accesos e do logotipo do rombo de Metro, entre outros moitos traballos.
- Publicidade -spot_img