Inicio Pontevedra "As persoas teñen que seguir estando no centro da revolución tecnolóxica", Carmela...

“As persoas teñen que seguir estando no centro da revolución tecnolóxica”, Carmela Silva na inauguración da Mindtech

"As persoas teñen que seguir estando no centro da revolución tecnolóxica", Carmela Silva na inauguración da Mindtech“Hoxe a industria enfróntase a innovacións continuas e neste século XXI temos que converternos en promotoras e promotores do coñecemento”, destacou Silva

Dende onte e ata o próximo xoves a Deputación de Pontevedra ten un papel protagonista en Mindtech, a primeira edición da Metal Industry and Technologies International Trade Fair, promovida por ASIME (Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia) no IFEVI de Vigo. Neste evento, referente industrial do polo ibérico, a institución provincial non so é un dos apoios máis importantes para a súa celebración, senón que, coa presenza dun stand informativo, está a dar a coñecer todos os proxectos que desenvolve, relacionados coas novas tecnoloxías, o emprendemento, a innovación, a empregabilidade e a dixitalización, para impulsar o tecido económico e industrial da provincia de Pontevedra.

A presidenta da Deputación, no acto inaugural, fixo fincapé na necesidade de sumar sinerxías entre o sector público e privado e impulsar políticas industriais que permitan adecuar a industria aos cambios. “Hoxe a industria enfróntase a innovacións continuas e neste século XXI temos que converternos en promotores e promotoras do coñecemento nunha revolución tecnolóxica que ten que ser humanista, que ten que seguir situando ás persoas no centro de todas as decisións”, asegurou Carmela Silva.  Neste eido, a presidenta destacou o papel clave das traballadoras e traballadores, aos que cualificou como “elementos fundamentais desta transformación” e “parte desta nova economía da intelixencia e coñecemento”.

Tamén aproveitou a ocasión Silva para poñer en valor o papel da cidade viguesa. Neste eido, a presidenta manifestou que  “hoxe é un gran día para Vigo, un día no que o sector público e privado se unen para apoiar unha gran idea, Mindtech, que xa nos converte nunha referencia”. Destacou o carácter industrial da cidade dende a civilización romana: “Vigo sempre estivo no centro da innovación, é unha cidade industrial e por iso esta grande idea do metal galego que é Mindtech tiña que nacer aquí”. Amais, Carmela Silva quixo felicitar a ASIME, promotora do evento,  pola súa “capacidade transformadora para xerar economía e desenvolvemento partindo das premisas que sempre funcionaron dende o inicio da humanidade: o coñecemento, a intelixencia, a iniciativa e a capacidade para innovar” .

En Mindtech a Deputación de Pontevedra conta cun stand institucional informativo dende o que está a dar a coñecer os proxectos que desenvolve, en moitos casos en colaboración con Asime, para innovar o tecido económico e industrial da provincia de Pontevedra, como IN 4.0, “Adaptación do modelo da industria 4.0 ao sector da construción naval”. A través deste proxecto preténdese mellorar a competitividade das empresas do naval a través da súa adaptación ao modelo produtivo que representa a industria 4.0, garantindo a continuidade do sector nun mercado cada vez máis esixente, onde a innovación é un factor clave. Amais, a través do stand tamén se está a divulgar a integración das tecnoloxías 4.0 nos servizos que a Deputación presta á cidadanía, ás empresas da súa área de influencia e ás e aos visitantes, así como a consecución dunha provincia máis sostible, como o proxecto relacionado coa Economía Baixa en Carbono, centrado na mellora da eficiencia enerxética dos concellos da provincia.

Tamén SmartPeme, dirixido a persoas emprendedoras, autónomas e pemes para asesorar de forma personalizada sobre o emprego das TIC para ser máis competitivas; o CPED ou Centro Provincial de Economía Dixital, situado no viveiro de Barro, ou TurisTIC, centrado en prestar asesoramento tecnolóxico especializado no eido turístico. Outros dos proxectos que se presenta é Tourist Inside Rías Baixas, que ten por obxectivo a transformación do destino provincia de Pontevedra nun destino turístico intelixente; o coworking de Barro, a través do que se está a impulsar o talento das persoas emprendedoras; ou Millenials, con accións formativas deseñadas e adaptadas ás necesidades da mocidade e do tecido empresarial da provincia.

Igualmente teñen presenza o proxecto Ti( C) EMPRENDES que ten por finalidade apoiar programas que aumenten a empregabildiade e o emprendemento das persoas novas que habiten en concellos de menos de 5.000 habitantes; DepoEmprende na Escola, na FP e na ESO, que ten por obxectivo impulsar proxectos innovadores relacionados co emprendemento en centros educativos; ou os viveiros de empresas de Barro e Lalín.

Mindtech nace en Vigo da man de ASIME e con periodicidade bianual. O principal obxectivo do evento é amosar o potencial do sector metalúrxico galego no Polo Ibérico (España, Portugal e Marrocos). Deste xeito, en Mindtech exporase o último en tecnoloxías vinculadas á industria 4.0 a través dos seus máis de 200 expositores de diferentes países do mundo.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies