spot_img
InicioPontevedra e ÁreaAreeiro recomenda revisar as viñas máis desenvolvidas na procura das primeiras manchas...

Areeiro recomenda revisar as viñas máis desenvolvidas na procura das primeiras manchas do mildiu

Areeiro recomenda revisar as viñas máis desenvolvidas na procura das primeiras manchas do mildiu
Gromo de viña con erinose

Aínda que con menos percorridos, o centro dependente da Deputación retomou as visitas aos cultivos da provincia co obxectivo de seguir prestando o servizo de avisos fitosanitarios

O persoal da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro da Deputación de Pontevedra, ven de retomar as visitas aos cultivos da provincia co obxectivo de seguir prestando o servizo de avisos fitosanitarios, pese ás medidas derivadas da situación de emerxencia sanitaria. Por este motivo, mentres permaneza o estado de alarma decretado polo COVID-19, reduciranse os percorridos fronte ao que é a rede de seguimento habitual, que está formada polas parcelas de seguimento da propia EFA, outras fincas visitadas e os datos aportados por técnicos e viticultores. Areeiro destaca que, aínda así, é convinte confirmar a situación particular de cada finca, recomendación que cobra máis importancia nestes momentos.

No aviso fitosanitario, Areeiro refírese as viñas visitadas estes días, onde o persoal da EFA observou estados fenolóxicos bastante heteroxéneos, aínda que a maioría están en acios visibles. As temperaturas frescas de días anteriores provocaron un freo no crecemento, salvo en viñas situadas en orientacións especialmente abrigadas ou soleadas. A responsable dos avisos fitosanitarios, Rosa Pérez, referiuse de xeito principal ao mildiu, para indicar que nas viñas con desenvolvemento suficiente da vexetación (por riba dos 10 centímetros de lonxitude) cumpríronse as condicións para a infección primaria en días pasados. De feito, en dúas fincas moi adiantadas do Salnés e do Rosal xa se detectaron manchas de mildiu. Con todo, estes casos foron moi excepcionais, e as temperaturas frescas derivadas dos ventos do norte de ata hai uns días impediron que a situación se xeneralizase máis. Coa situación meteorolóxica prevista para as vindeiras datas, que prevé choivas, e o diferente desenvolvemento da vexetación que hai nas fincas, a recomendación xeral da EFA é revisar as viñas máis desenvolvidas na procura das primeiras manchas. Se as viñas teñen xa un bo tamaño dos gromos e non se pode facer a mencionada revisión, os viticultores poden aplicar un tratamento inmediatamente despois das choivas (ou, se hai imposibilidade, antes, aínda que se perderá a protección derivada da compoñente de contacto do funxicida e se reducirá o tempo de protección da materia activa penetrante ou sistémica). No caso de intervir, deben axustar o volume do caldo ao desenvolvemento da vexetación, para evitar gastos innecesarios e reducir problemas para a saúde das persoas e do medio ambiente.

Areeiro recomenda revisar as viñas máis desenvolvidas na procura das primeiras manchas do mildiu
Eiruga de Cydalima

 

No que atinxe ao buxo, apreciouse un avance destacable dos síntomas da Cydalima perspectalis (bolboreta do buxo) nas sebes que non foran tratadas na finca de Areeiro, e tamén nunhas plantas nun xardín no percorrido feito esta semana. Por outra banda, na pequena poboación que mantén a EFA no seu laboratorio en condicións controladas para adiantarse á situación do exterior, xa hai crisálides e mesmo naceu a primeira bolboreta. Por iso Areeiro aconsella a revisión reiterada das plantas para localizar síntomas e eirugas e poder así optimizar o momento no que tratar.

No que se refire a outros parasitos e ao marxe da presenza de síntomas de excoriose (que aínda se podería tratar nas fincas menos desenvolvidas), o persoal da EFA atopou algunhas follas con erinose e tamén caracois, sen maior importancia máis que en viñas novas moi húmidas. Por outra banda, nalgunha viña quedaron no terreo restos de madeira grosa de poda e tamén tocos de plantas eliminadas. Areeiro recomenda retirar ambos tipos de material para evitar que incrementen o inóculo de patoloxías de madeira.

Respecto ás froiteiras de óso, o persoal de Areeiro observou xa follas dalgunha delas cos síntomas típicos da lepra. Xa pasou o momento de tratamento máis oportuno fronte ao fungo causante da enfermidade, pero aínda é posible tentar frear o seu avance con intervencións que deben ser renovadas despois das choivas.

- Publicidade -spot_img