Antonio Fernández pintor, como se lle coñecía en Goián, tivo unha longa vida entre tres mundos; España, Brasil e Italia. Paises aos que viaxou constantemente entre os anos 1894 e 1929, data na que regresa definitivamente a Goián.
En 1894, con 12 anos , orfo da nai a coa sensación de que Goián quedáballe pequeno, decide emigrar ao Brasil como tantos outros goianeses a pesar dos intentos do seu pai por evitalo. Vive en diferentes lugares ata que decide realizar en 1901, o seu grande soño de viaxar a Italia para ampliar coñecementos estudando aos grandes mestres, e xa en 1902 trasládase á súa meta máis amada Antícoli Corrado.
A partir desta data as súas viaxes serán un ir e vevir entre Goián, São Paolo, Santos e Antícoli Corrado, sen esquecer, pero de maneira puntual, Madrid, París e Río de Janeiro.
En 1929 fixa a súa residencia en Goián, tal vez por ficar atrapado polas guerras, primeiro a española e despois a europea. Desde entón Antonio Fernández centrouse principalmente en inmortalizar as paisaxes galegas sobre todo as do Baixo Miño e involucrouse ferventemente na mellora do seu pobo natal colaborando económicamentre nalgúns dos proxectos e deseñando moitos deles.
A Aula-Museo Antonio Fernández
No ano 1950 Antonio Fernández formalizou co Concello o seu desexo de doar o solar da súa casa natal para a construción do grupo escolar, hoxe coñecidas como escolas vellas.
O edificio, construído en 1950, mantén practicamente intacto o seu deseño e estrutura orixinal e foi unha aula do CEIP Antonio Fernández. O Concello de Tomiño decidiu que era o mellor lugar para crear alí a aula-museo do pintor.
A instalación alberga en distintas salas, no edificio da antiga escola, obxectos e documentos relativos á vida e profesión do pintor e filántropo goianés, varios deles doados por veciños e amigos da familia.
A aula-museo foi creada polo Concello de Tomiño en xullo de 2014 a proposta da Comisión Antonio Fernández.
O espazo amosa as diferentes facetas da vida do pintor, expoñendo documentos e obxectos persoais dos que Antonio Fernández nunca se desprendeu e que se poden mostrar grazas á cesión que fixeron algunhas persoas de Goián, entre elas Manuel Villa Troncoso, Leandro Alonso Rodríguez e a familia de Xavier Pousa.
O percorrido expositivo da aula céntrase nas súas facetas persoal, periodística, arqueolóxica, artística, fotográfica e filantrópica, que permiten afondar un pouco máis na vida e personalidade do artista. Unha vida que, ao igual ca súa obra, foi minuciosa, ordenada, paciente, humilde, sincera e honrada.
Fuente//Concello de Tomiño



