·Publicidade ·
mobipark
mobipark
InicioPontevedraO SalnésA Xunta impulsa no Salnés a novena edición do Programa Integrado de...

A Xunta impulsa no Salnés a novena edición do Programa Integrado de Emprego para mellorar as oportunidades laborais de 100 persoas

A Xunta impulsa no Salnés a novena edición do Programa Integrado de Emprego para mellorar as oportunidades laborais de 100 persoasA directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, participou hoxe en Vilagarcía de Arousa na presentación da iniciativa que organiza a Mancomunidade do Salnés e apoia a Consellería de Emprego e Igualdade con 250.000 euros

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, participou hoxe en Vilagarcía de Arousa na presentación da nova edición do programa integrado de emprego (PIE) que a Xunta, coa colaboración da Mancomunidade, impulsa na comarca do Salnés cun apoio de 250.000 euros, o que permitirá a formación e a mellora do acceso ao mercado de traballo de 100 persoas sen emprego.

Lado destacou que as medidas que se desenvolven a través do programa favorecen a inserción laboral das persoas desempregadas da comarca a través da actividade formativa, prospección e orientación laboral, que mellora o perfil profesional dos candidatos e das candidatas, fainos mais competitivos, e contribúe a súa inserción profesional tras unha reorientación do perfil ocupacional.

Nesta edición ofértanse 12 talleres de busca de emprego, un certificado de profesionalidade de actividades auxiliares de almacén, un módulo de lingua estranxeira profesional para a xestión administrativa na relación co cliente e outro de rexistros contables, cursos de seguridade e manexo de carretillas elevadoras, manexo de minipalas, informática básica, intermedia e avanzada, manipulador de alimentos, elaboración de blogs, e-commerce e community manager, soldadura ou transporte por estrada.

Así mesmo, impartiranse outros cursos de carácter innovador como son os de manexo de drons e voo nocturno de drons para o control do furtivismo e cámara térmica para a inspección de parques eólicos, de impresión 3 D e internet das cousas, dixitalización e fotogrametría, curso de elaboración de viños e de agricultura ecolóxica. Tamén incorporáronse accións formativas dirixidas ao sector da industria 4.0, un curso de Big Data e Machine Learning e outro sobre social media – marketing dixital, así como accións dirixidas ao sector das enerxías renovables.
Todos estes cursos inclúen un total de 1.120 horas de formación, que se poñen a disposición das persoas participantes para acadar o obxectivo de inserción profesional.

Lado destacou o uso das ferramentas tecnolóxicas neste programa, como novidade, para facilitar a comunicación do alumnado cos orientadores e permitir, deste xeito, a interacción e a resolución de dúbidas de xeito rápido e áxil.

A directora xeral apuntou, así mesmo, que esta formación é dinámica e lembrou que para a inserción laboral dos participantes a Mancomunidade conta coa colaboración do tecido empresarial da comarca, cunha rede de contactos de máis de 600 empresas, o que permite, en palabras de Lado, que os programas integrados de emprego servan como unha ferramenta esencial para a inserción laboral das persoas desempregadas. Ao respecto, puxo en valor que nas anteriores edicións o Programa Integrado de Emprego (PIE) da Mancomunidade do Salnés contou cunha media de máis do 90% de inserción por programa e unha satisfacción tanto de persoas usuarias comode empresas do 94,5%.

“Desde o Goberno galego continuaremos apoiando os instrumentos dirixidos á mellora da ocupabilidade e da inserción laboral en colaboración coas entidades e concellos”, apuntou Lado, e lembrou que a Administración autonómica vén de conceder axudas por un investimento de 8,2 millóns de euros para a posta en marcha de 34 programas integrados de emprego cos que se incrementarán as oportunidades laborais dun total de 3.400 galegos e galegas.

- Publicidade -spot_img

Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies