spot_img
InicioVal MiñorBaionaA xoia de Silleiro: Complexo da Batería J4

A xoia de Silleiro: Complexo da Batería J4

A xoia de Silleiro Complexo da Batería J4

A escasos quilómetros de Baiona encóntrase o que no pasado serviu como un dos bastións defensivos da Ría de Vigo dende o sur.

Trátase dunha extensión de terreo de 70.000 metros cadrados situados na parroquia de Baredo, sobre a que pesan múltiples historias dende que nos anos 40 o goberno franquista se asentou na zona para configurar o que hoxe en día se coñece como as baterías de Silleiro J-4 e onde operou o seu Rexemento de Costa durante 30 anos, ademais de formar os mozos da época na Instrución Premilitar Superior (milicias universitarias) e soldados de substitución.

A imaxe actual das ruínas que reinan na superficie do recinto non fan xustiza cunha das infraestruturas militares que no pasado, xunto coa de San Vicente (J-1), Cabo Udra (J-2) e Monteferro (J-3) blindaban a entrada por mar da Rías Baixas. Pero o potencial deste enclave estratéxico escóndese baixo a superficie e é que en Silleiro existe unha rede de túneles de máis de 200 metros de lonxitude, repartidos entre catro niveis diferentes e que ao mesmo tempo comunicaban os catro canóns “Vickers” e a torre de telemetría entre si, pezas indispensables do conxunto. A finais dos 70 o corpo emprazado no conxunto disolveuse para pasar a converterse en cuartel e onde miles de mozos realizaron o servizo militar obrigatorio.

A día de hoxe este espazo presenta un aspecto lamentable, con teitos derruídos, entullo, socabones e grafitis, que deixan constancia do maltrato que estas instalacións sufriron dende que o Ministerio de Defensa, actual titular, as declarou en estado de abandono cara a 1998. Malia todo, o interese que espertou entre os veciños e visitantes provocou que a miúdo e entre as ruínas, os máis curiosos se internen nun dos anacos da historia militar recente da nosa costa. Frecuentemente e coincidindo coas tardes soleadas a vida regresa ao lugar, os cascotes do que un día foi os edificios de barracóns, a cantina, cortes ou comedores comparten o seu espazo cos vehículos que fan da zona un aparcadoiro, mentres os seus propietarios gozan nas inmediacións coma se dun parque temático improvisado se tratase.

O pouco mantemento que o antigo recinto miliar recibe, é o daqueles que de xeito desinteresado se reúnen para realizar tarefas de limpeza a través de diferentes redes sociais, como é o caso do grupo de baterías de costa das rías baixas creado en Facebook polo veciño de Nigrán Juan Álvaro Iglesias, e presidente da Asociación Defensa e Memoria do Patrimonio Histórico Militar Abandonado. Actualmente o concello de Baiona mostrou interese en recuperar o enclave para convertelo en atractivo turístico e mesmo chegouse a realizar un proxecto.

Historias da mili: Francisco Javier Andrade

En outubro de 2014 un grupo de artilleiros que realizaron o servizo militar en 1974 organizaron un encontro para avivar os seus recordos en torno a Silleiro.

É o caso de Francisco Javier Andrade, un veciño da cidade veciña de Vigo que fixo as prácticas da Instrución Premilitar Superior dende o 9 de xuño ata o 9 de outubro de 1974 nas baterías de costa J-4. Por aquel entón para os mozos que cursaban estudos universitarios o servizo cumpríase durante os veráns e a miúdo non chegaba aos 9 meses de duración e este foi o seu caso. É asombrosa a claridade coa que Javier recorda 40 anos despois a distribución das instalacións, mesmo dun xerador de corrente do tamaño dun cuarto que desapareceu tras o peche.

“O clima de traballo era moi familiar”

“O clima de traballo era moi familiar e sen presións, agás cando se achegaba a data das prácticas de tiro”, explicaba o artilleiro. Entre risas recordaba como os fins de semana, cando quedaban cos soldados de garda, Javier e os seus compañeiros baixaban ás rochas a coller percebes para tomar como aperitivo. As actividades que se desenvolvían principalmente estaban relacionadas cos canóns, munición e o seu mantemento, pero tamén se realizaba instrución. Así pois Francisco participou activamente na descarga de proxectís chegando a baleirar un total de 64, xa que as prácticas se realizaban con munición sen explosivo. O proceso era sinxelo, previamente retirábase a trilita do interior das balas e no seu lugar enchíanse de cemento e chumbo para taralas a un peso exacto. Deste xeito aseguraban un comportamento idéntico ás cargadas no momento do disparo.

“Ca descarga dos canóns desprendíanse anacos de cemento do teito”
Javier explicou a esta revista que as prácticas se realizaban sobre brancos móbiles de 4 x 4 metros a 10 quilómetros de distancia, remolcados por un barco mediante un cable dun quilómetro de lonxitude, aínda que matizou que poderían superar os 20 de alcance e destacou a exactitude coa que se daba ao obxectivo. “No momento do tiro cortábase o tráfico marítimo, ademais se tivesen un rango de movemento apropiado, as balas poderían chegar ata a desembocadura do Miño”, mantivo. Pero o máis impactante para el era o momento da descarga, un estrondo inmenso envolvía o habitáculo onde se encontraban, momento en que máis dun soldado “caía redondo da impresión”. A vibración era tal que se chegaban a desprender anacos de cemento do teito, e o do chan desfacíase converténdose en area

Reportaxe incluida no número 7 da edición para o Val Miñor da revista
Por: Pablo Fernández Estévez
- Publicidade -spot_img