spot_img
InicioCondado ParadantaSendeirismo en Crecente: rutas de auga, pedra e monte

Sendeirismo en Crecente: rutas de auga, pedra e monte

Sendeirismo en Crecente: rutas de auga, pedra e monte
Pozo Inferno @concellodecrecente

Crecente ofrece varias propostas de sendeirismo, rutas para percorrer sen medo a perderse no espazo e no tempo: rutas de auga, pedra e monte

Revista COUSAS DE Nº18

O concello de Crecente espalla a súa beleza natural no derrame montañoso da ribeira do Miño no limiar das provincias de Pontevedra e Ourense. Preside un val que deu abrigo a unha fortaleza da casa dos Soutomaior, diversos templos e colexiata do bispado de Tui e mais a figura dun fillo que deixou pegada na cultura cristiá de península, San Paio Mártir nado na parroquia de San Xoán de Albeos. Enchida de xoias medievais, pozas de augas cristalinas e lendas que abren a imaxinación a cada paso, Crecente ofrece un feixe de rutas para percorrer sen medo a perderse no espazo e no tempo.

Mirando ao Miño

O trazado deste percorrido leva polas fermosas paisaxes da parroquia de Filgueira, cun rico patrimonio histórico e artístico. Situase sobre a ruta que antigamente comunicou os reinos de Castela e Galicia, coñecida co topónimo Camiño Real ou Vereda Pública.

Entre o murmurio das augas do regato de Paizás e o berro bravo das augas do Miño, os bosques, montes e aldeas se suceden entre xoias do pasado: cruceiros, petos de ánimas, templos relixiosos e mostras de arquitectura popular reflectida en conxuntos etnográficos e casas hoxe abandonadas e noutras construcións conservadas como pontes, canastros e muíños.

Sendeirismo en Crecente: rutas de auga, pedra e monte
Ponte das Cabras @concellodecrecente

Creado pola asociación veciñal, este sendeiro atravesa zonas rurais sobre o regato de San Xosé. Pasa por unha sucesión de muíños hidráulicos, a Ponte das Cabras de posible orixe romana e a de San Xosé cun arco de medio punto. Salienta a capela, tamén baixo advocación de San Xosé, probablemente do século XIX, de  pequenas dimensións, situada nun recinto arborado coñecido como “Os Varóns”.  A pequena ermida está decorada cunha espadana en arco de medio punto. É produto local de obrigada referencia neste paseo o queixo tetilla de Filgueira.

PR-G174 Coto da Cruz

En Freixo, a iniciativa veciñal estruturou este sendeiro que permite disfrutar a seu paso do torreiro da parroquia para logo dirixirse cara os lugares de Mollapán e Soutomaior, por camiños entre fincas, cultivos e viñedos, salpicados de cruceiros e fermosas construcións de valor etnográfico. A partir do lugar de O Lombo, predomina o monte de piñeiros e eucaliptos con presenza de árbores máis autóctonas como sobreiras, carballos, castiñeiros, bidueiros e loureiros.

Ao fondo debe tomarse unha desviación cara ao Cruceiro Quebrado onde se atopa a Capela do Cristo dos Aflixidos (1913)  e ao seu carón un cruceiro sobre base de rocha, fuste liso e cruz con talle de vulto redondo nas súas dúas caras. Importante por ser un antigo cruzamento de rutas do Camiño Real. Tras percorrer a zona da Sinada, atópase o templo románico tardío da Virxe do Camiño (s. XIV), sobre a que unha lenda di que a fundación deste santuario tivo lugar cando camiñaba o cabaleiro Mendoza (século X) cando alcanzándoo o demo exclamou: “vállame Deus, San Juan, as tres misas de Nadal e a Virxe do Camiño”, e lanzou unha pedra ao aire que sinalou a localización da ermida da Virxe do Camiño.

Sendeirismo en Crecente: rutas de auga, pedra e monte
Ermida da Virxe do Camiño. @concellodecrecente

Por pistas de terra chégase ao Coto da Cruz, cun miradoiro de vistas privilexiadas sobre o Río Miño e as poboacións limítrofes. Deseguido atravésase Busto ata o Barrio da Granxa, onde segundo moitos investigadores xurdiu a resistencia do campesiñado galego contra a invasión francesa. Tras cruzar fincas, chégase ao Muíño dos Tarendos, muíño hidráulico tradicional restaurado que pode ser visitado en funcionamento e que conserva un impresionante cubo vertical.

Ruta da Lamprea

Tomando o Miradoiro de Guillade (Filgueira), como punto de partida, pódese contemplar fermosas vistas do río Miño onde a cultura da lamprea atópase materializada nunha serie de construcións pétreas e labirínticas ao longo do río: as pesqueiras. Con elas péscase a lamprea, o peixe máis antigo do planeta e produto estrela da gastronomía local. Existen dende moi antigo, habendo quen fixa as súas orixes na idade Media e quen as remonta á época dos romanos.

Sendeirismo en Crecente: rutas de auga, pedra e monte
As pesqueiras (tamén coñecidas como pescos), son un tipo de construcións tradicionais construídas en mamposteria que están ubicadas a beiras dos grandes ríos galegos, como é neste caso o río Miño. @Concello de Crecente

Toda a marxe do Miño, dende Filgueira ata que transcorre por terras de Cequeliños, parroquia xa do Concello de Arbo, é de topografía accidentada e espesa vexetación de montes a base de bosques e matogueiras, o que a pesar de facer difícil o acceso as marxes, ofrécelle ao visitante unha visión fermosa que queda impresionado pola exuberancia da natureza. Ao longo de esta marxe do río, discorre a vía do ferrocarril (Ourense – Vigo), que ofrece un peculiar espectáculo ao seu paso.

Por Álvaro Peralta

- Publicidade -spot_img