spot_img
InicioReportaxesXardíns do Pazo Quiñones de León, un legado da nobreza ao pobo...

Xardíns do Pazo Quiñones de León, un legado da nobreza ao pobo de Vigo

xardins-do-pazo-quinones-de-leon-un-legado-da-nobreza-ao-pobo-de-vigoO Parque de Castrelos, coñecido tamén como Finca da Marquesa, é un dos lugares máis fermosos e emblemáticos de Vigo. Está situado no oeste do casco urbano, nas parroquias do Freixeiro e Castrelos, e comprende máis de 22 ha que forman o maior parque urbano da cidade. Nel atopamos o Pazo Quiñones de León ou Pazo de Valadares, considerado polos vigueses como aceno de identidade por estar presente en boa parte da historia da cidade olívica. Dende 1933 é propiedade do Concello de Vigo, e por tanto, de todos os vigueses.

Revista Cousas De Nº20

O de Castrelos é un dos mellores exemplos de xardíns pacegos de Galicia e aínda conserva o seu deseño orixinal. En conxunto o predio alberga unha gran riqueza botánica, a maior entre os parques galegos, con máis de 300 especies presentes. E en 2014 foi incluído na Ruta da Camelia de Galicia.

O parque divídese en dúas partes ben delimitadas e separadas por un muro: o recinto do pazo, situado na parte máis alta, e o parque, na parte media e na veiga do río.

O RECINTO DO PAZO

Ten unha superficie dunhas cinco hectáreas delimitadas por un muro de pedra e nel atópanse o pazo, a capela e edificacións anexas, os xardíns, a antiga horta, o pombal e a carballeira.

Accedendo pola entrada principal atopamos, diante da fachada do pazo, unha rotonda central cunha fonte rodeada de céspede; á dereita, unha palmeira Livistona australis, e detrás desta, un paseo rematado nunha garita que separa este xardín do nivel inferior.

Flanqueando o pazo pola dereita accedemos aos xardíns dispostos en tres niveis de diferente estilo:

Á esquerda, o nivel máis elevado, conforma a rosaleira, cun camiño orlado de arbustos e arcos que sustentan roseiras. Unha pérgola ó comezo e outra cara a metade sosteñen varias rubideiras. Destaca un gran exemplar de Araucaria heterophylla, e numerosas camelias.

xardins-do-pazo-quinones-de-leon-un-legado-da-nobreza-ao-pobo-de-vigo

Na parte central, na cota có pazo, está o xardín francés, cun deseño xeométrico de camiños enmarcados con sebes de buxo, dividido en dúas partes: unha adxacente ó pazo, onde destaca o gran exemplar de Camellia japonica coñecido coma ‘Matusalén’ –incluído no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras– [1], e outra, cunha colección de palmeiras algunhas centenarias.

Á dereita, nun nivel inferior, esténdese o xardín inglés, unha pradería coñecida como pradería do té por tomalo alí antigamente os señores, cun estanque no centro, ás beiras do cal medran os grandes exemplares de Araucaria angustifolia, e Liriodendron tulipifera (incluído no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras [1]). No espazo máis próximo ó pazo hai tres magnolias centenarias, un camiño franqueado por camelias e unhas escaleiras baixo un túnel vexetal que conectan de novo co pazo.

xardins-do-pazo-quinones-de-leon-un-legado-da-nobreza-ao-pobo-de-vigo
Liriodendron, xunto ao estanque

A continuación, cara ó sur, onde antigamente estaban a horta e viveiros, hai hoxe en día unha ampla pradería con algunhas árbores espalladas. O paseo de Antonio Odriozola, cunha doble fileira de camelias, separa a pradería dun pequeno estanque rodeado de fentos arborescentes (Sphaeropteris cooperi), conduce ó pombal e a antiga pista de tenis. Este paseo, inaugurado en marzo de 1990 [2], foi iniciado por D. Angel Ilarri (administrador e director do museo e os xardíns dende 1938 ata a súa xubilación en 1979).

Continuando cara o sur, a parte máis afastada do pazo tamén está dividida en tres niveis:

A parte máis alta está separada da pradería por un muro de contención, onde foi colocada hai uns anos a balconada de pedra do edificio –xa derrubado- onde morreu Concepción Arenal.

xardins-do-pazo-quinones-de-leon-un-legado-da-nobreza-ao-pobo-de-vigo

No nivel intermedio, separada do anterior por un muro, atópase o pombal e a antiga pista de tenis. Unha dobre fileira de grandes eucaliptos centenarios (Eucalyptus globulus incluídos no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, e E. obliqua), discorre xunto ó muro de contención polo lateral da pista de tenis ata o linde coa rúa Canicouva.

A carballeira na parte máis baixa do recinto, nunha zona de forte pendente, conserva os maiores carballos (Quercus robur) do concello de Vigo, con idades de 150-160 anos e ata 30 m de altura, xunto con loureiros (Laurus noblis) e algunhas árbores exóticas.

O PARQUE

Unha gran parte está ocupado por unha masa de grandes plátanos de sombra (Platanus x acerifolia), moitos centenarios e cunha altura media duns 40 m. A estrada de acceso principal, desde a Avenida de Castrelos, nomeada dende abril de 1999 como paseo de Ángel Ilarri [2], conduce ata ó pazo dividendo o parque en dúas partes: Na parte norte é mais aberta, e unha ladeira con grandes árbores se achega ata a veiga do río Lagares, atopamos o parque infantil, circuíto de “running” e de exercicios biosaudables, e a explanada para actividades culturais e festivas. Na zona central desta área, destaca o gran auditorio ó aire libre, un dos mellores de España, cuxa construción comezouse en 1954 aproveitando a pendente da ladeira, o que lle confire unha estrutura que evoca os anfiteatros romanos. Nel celébranse actuacións musicais durante o verán.

xardins-do-pazo-quinones-de-leon-un-legado-da-nobreza-ao-pobo-de-vigo

 

Na parte sur destaca a lagoa, creada en 1986, con illas, pontes, un paseo arredor e unha pradería con sendeiros. e un grupo de enormes plátanos. En febreiro de 1955, o parque foi declarado “Jardín Artístico” por decreto publicado no B.O.E. do 24 de marzo [3].

HISTORIA

A orixe do pazo data do século XV, coa construción dunha torre medieval denominada Torre de Lavandeira, que se erguía preto do actual pazo e que pasa a ser propiedade da familia Tavarés por matrimonio de Juan Fernández Tavarés con Benita Núñez de Bullón, en 1579.

Liriodendron Castrelos - xunto ao estanque

En novembro de 1665, no seno das guerras con Portugal, un exército portugués saquea e incendia a torre, causando estragos nela. En 1670, o entón señor da Torre de Lavandeira, Benito Tavarés de Távara, edifica o actual pazo…….

 

SE VOS GUSTA, PODEDES LER A REPORTAXE COMPLETA NO Nº16 DA NOSA REVISTA COUSAS DE

 

Por, Carmen Salinero, Pilar Vela e Ángeles Barros
Estación Fitopatolóxica Areeiro

 

- Publicidade -spot_img