Inicio Baixo Miño A Guarda A Guarda promove a Escavación do Cuncheiro do Monte Trega

A Guarda promove a Escavación do Cuncheiro do Monte Trega

A Guarda promove a Escavación do Cuncheiro do Monte TregaO Concello da Guarda promove, baixo a dirección de Brais X. Currás da Universidade de Coimbra (CEAACP), un Proxecto de Escavación, Análise e Sinalización do Cuncheiro do Monte Trega.

O proxecto de escavación será executado polos arqueólogos da empresa Terra Arqueos, mentres que para o estudo do material do Cuncheiro contarase co grupo de investigación en zooarqueoloxía da Universidade de León con Carlos Fernández Rodríguez á fronte, e máis co Grupo de Investigación en Arqueobiología do CSIC, con Marta Moreno.

Xunto á porta de entrada no castro do Monte Trega desde o sur consérvanse os restos un antigo cuncheiro, un espazo onde os habitantes do poboado botaban os restos da súa produción. Composto fundamentalmente por cunchas, conserva tamén restos de osos e espiñas de peixe, e tamén outras evidencias como restos cerámicos ou metálicos e calquera outro tipo de refugallo. As condicións artificiais que crea o propio cuncheiro, máis favorables que o chan ácido do substrato granítico, permiten que eventualmente se poidan conservar tamén outro tipo de restos como pode ser, por exemplo, a madeira.

“O que non é máis que un vertedoiro para as persoas que viviron no Trega, é hoxe para nós un tesouro e unha fonte de información de valor incalculable”.

Para o director do proxecto, “A través do estudo dos cuncheiros podemos saber moito da vida cotiá das xentes que viviron nos castros. Sabemos que tipo de animais criaban, que especies cazaban, e como eran as prácticas de pesca e marisqueo. Deste xeito, podemos chegar a saber os lugares ata onde se desprazaban desde o poboado para captar os seus recursos”.A Guarda promove a Escavación do Cuncheiro do Monte Trega

“A análise polo miúdo das especies tamén nos di moito sobre as prácticas de consumo. Podemos chegar a comprender se o gando vacún se empregaba para produción cárnica, como forza de tiro ou para o aproveitamento do leite. O tamaño dos animais nos informa sobre o grado de desenvolvemento gandeiro. Podemos saber cal era a importancia da caza -si é que tiña algunha-, etc”.

O estudo da evolución dun cuncheiro no tempo, en suma, pode ser unha mostra representativa do proceso histórico de configuración e evolución das comunidades castrexas desde a Idade do Ferro ata a súa submisión ao poder de Roma e das transformacións que implica para as formas de produción e consumo.

Este proxecto nace co propósito de crear un recurso concibido como ferramenta para a promoción dun turismo sustentable e de calidade, e como medio cultural e social. Un proxecto que ofrece resultados e beneficios a diferentes niveis. Por unha banda, xerando novos coñecementos científicos a partir da análise do rexistro arqueolóxico, no marco dun programa de investigacións e actuacións arqueolóxicas. En segundo lugar, asumindo a necesidade da transferencia científica como un obxectivo prioritario, os resultados a investigación repercutirán na creación de medios para a posta en valor das evidencias arqueolóxicas.A Guarda promove a Escavación do Cuncheiro do Monte Trega

A execución do proxecto prevé levar a cabo a limpeza da vexetación da porta sur do castro do Monte Trega, a realización dunha sondaxe arqueolóxica, un estudo da arqueofauna, o levantamento fotogramétrico das estruturas escavadas e a instalación de paneis informativos.

Neste proxecto participa un equipo humano composto por 10 persoas entre dirección, equipo técnico, de restauración e de análise da paleofauna, contando cun presuposto que supera os 15.000€.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

38FansGóstame
271SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies