A deputada Ana Isabel Vázquez inaugurou onte a mostra Hermanos, incidindo en que “hai realidades as que non debemos ser alleos”
Despois da visita realizada á exposición O xoguete español. Un século de Historia, a deputada Ana Isabel Vázquez referiuse á “diferente realidade” que viven moitos nenos e nenas en España e no mundo, que non poden vivir no seu fogar e que teñen que medrar en familias ou centros de acollida.
Fíxoo na inauguración da mostra Hermanos que promove Aldeas Infantís SOS e que abriu ao público na sede de Turismo Rías Baixas para reivindicar o dereito dos irmáns a permanecer xuntos cando, por diferentes circunstancias, non poden seguir residindo no seu fogar.
A mostra forma parte da campaña que Aldeas Infantís SOS está levando a cabo en numerosos países de Europa para reclamar leis que impidan a separación dos irmáns cando son declarados en situación de desamparo, dado que na actualidade en moitas ocasións son enviados a diferentes fogares de acollida.
A mostra recolle unha trintena de fotografías de irmáns que vien en diferentes Aldeas Infantís do mundo, desde a aldea de Lomé, en Togo, ata Tomilino, en Rusia, pasando por Tijuana (méxico), Bali (Indonesia) e Marrakech (Marruecos). As imaxes foron realizadas polo fotógrafo Iván Hidalgo.
Aldeas Infantís ten como un dos seus piares pedagóxicos fundamentais a permanencia dos irmáns biolóxicos unidos e, por iso, está a desenvolver unha campaña de sensibilización na que se inclúe a mostra que poderá verse no Palacete das Mendoza e coa que a Deputación de Pontevedra se quere sumar a esta campaña.
A deputada Ana Isabel Vázquez avogou porque, malia as dificultades que ás veces existen, se traballe para que o “vínculo extraordinario” que sempre une aos irmáns “non se rompa, e menos despois do trauma que xa de por si supón non poder permanecer xunto aos seus pais”.
Aldeas Infantís conta na actualidade con máis de 500 aldeas en todo o mundo e atende a 691.600 nenos, mozos e adultos.




