spot_img
InicioPontevedra e ÁreaTurismo Rias Baixas ofrece acceso directo á plataforma intelixente Smart Destinos desde...

Turismo Rias Baixas ofrece acceso directo á plataforma intelixente Smart Destinos desde a nova oficina inaugurada na terminal de chegadas de Peinador

O punto de información estará aberto nos horarios habituais de voos e prevé darlles servizo especializado a máis de dez mil usuarios anuais

Turismo Rias Baixas ofrece acceso directo á plataforma intelixente Smart Destinos desde a nova oficina inaugurada na terminal de chegadas de PeinadorA nova oficina de información turística da Deputación na terminal de Peinador está operativa desde hoxe mesmo xunto á porta de chegadas do aeródromo vigués.

O acto de inauguración contou coa participación do presidente da Deputación, Rafael Louzán, do vicepresidente José Manuel Figueroa e da deputada viguesa Marta Iglesias. O titular da Administración provincial destacou que a coordinación con Fomento “permitiu abrir esta oficina, ademais de concluír a ampliación da terminal, mellorar a rotonda exterior de acceso ó aeroporto e construír a ansiada plataforma de conexión co IFEVI”.

Louzán reivindicou o “papel proactivo” da Deputación na dinamización, mellora e potenciación do sector turístico provincial e falou da nova oficina como “unha referencia máis, que, neste caso, será a única coa que conten os turistas en Peinador”.

A caseta informativa, que xa opera desde 2007 como único punto de atención turística no aeródromo vigués, estivo pechada durante os dous anos nos que se desenvolveron as obras de ampliación da terminal. A Deputación retomou a instalación cun novo concepto de servizo, totalmente accesible, conectado de maneira permanente á plataforma intelixente Smart Destinos e cunha gran pantalla de 60 polgadas, que proxectará de maneira continua información sobre o turismo das Rías Baixas.

A caseta terá unha dotación de dúas persoas, que operarán en horario de mañá e tarde e que atenderán especialmente as franxas de chegada de voos nacionais e internacionais.

O persoal terá un labor informativo e tamén servirá datos ó observatorio turístico, con acceso á plataforma de servizos Smart Destinos para incorporar contidos personalizados.

Durante a presentación da caseta o vicepresidente da Deputación José Manuel Figueroa reivindicou o sector turístico “como un ramo de negocio en crecemento que será vital para Vigo na saída da crise”.

O local conta cun espazo dispoñible de 12 m2. O deseño inclúe unha gran ventá de estilo minimalista, con formas curvas e rectas para ofrecerlles unha maior proximidade ós usuarios.

A previsión é que a oficina de turismo da Deputación poida prestar un servizo especializado a unha media de 10.000 usuarios anuais.

Ata o momento as características dos demandantes de información na antiga oficina proban que un 52 % foron homes e un 48 % mulleres; tamén que o 55 % dos usuarios tiñan idades comprendidas entre os 35 e os 60 anos, mentres que  o segundo maior grupo en idade (un 30 %) oscilaba entre os 18 e os 35 anos.

A maioría de demandantes (62 %) eran españois non galegos, mentres que un 34 % eran estranxeiros, e o resto galegos. Os estudos realizados nos últimos anos demostran que un 79 % dos atendidos xa coñecían a provincia.

En último termo, a maioría dos solicitantes de información visitaron a provincia por razóns culturais (37 %), de coñecemento da natureza das Rías Baixas  (16 %) ou por visitas a familiares ou amigos (11 %).

- Publicidade -spot_img