Inicio Pontevedra A Deputación de Pontevedra presenta "VEN" a nova campaña para reactivar o...

A Deputación de Pontevedra presenta “VEN” a nova campaña para reactivar o turismo na provincia

A Deputación de Pontevedra presenta VEN a nova campaña para reactivar o turismo na provinciaO novo audiovisual pon o foco na seguridade e na beleza do destino “que foi coidado con mimo durante a crise ata agora en que o turismo xa pode volver”

Con “tres letras que impactan”, co obxectivo de reactivar o turismo nacional e de proximidade, apoiar ao sector “que está a facer un enorme esforzo e compromiso co territorio”, e escollendo o minimalismo, a simplicidade, a forza e a apelación directa ás persoas, a Deputación de Pontevedra lanza “Ven”, a nova campaña que foi presentada hoxe pola presidenta provincial Carmela Silva, acompañada pola cantante Najla Shami, “a voz e o rostro que conduce un audiovisual que toca as emocións”. O vídeo, que tamén desenvolve os hastag “Ven a Rías Baixas, Ven a Pontevedra Provincia”, se dirixe directamente ás persoas visitantes “porque chegou o momento de que veñades”, lles garante un destino “absolutamente seguro”, lémbralles que durante a crise “estivemos a coidar este regalo para ter unha provincia aínda mellor”, e pídelles que “agora si, sigan o seu instinto e desfruten dun sitio e dunhas xentes máxicas”.

Bosques, rías, praias, viñedos, fervenzas, faros, pazos e castelos da provincia se unen neste novo audiovisual sobre o que Carmela Silva sinalou “que deixa claro que se queres coñecer e vivir un destino de natureza, fermoso, cunha riqueza patrimonial e unha gastronomía incribles, hai que vir a Rías Baixas, a Pontevedra Provincia”. A presidenta sinalou que esta campaña ten que entenderse tendo en conta o que fixo a Deputación desde o principio da crise sanitaria. “Toda a nosa acción adaptouse ao novo escenario como a campaña “Viaxa mañá” cunha mensaxe de responsabilidade, pensando na seguridade, animando a que aprazasen as súas viaxes, e dicíndolles que nese tempo de peche estabamos a gardar e coidar todos os nosos tesouros para que estiveran aínda mellor cando o turismo puidese volver. E agora, chegou ese momento”. Carmela Silva lembrou tamén as iniciativas de apoio ao produto e ao comercio local; campañas como “As Rías Baixas Visítante” ou “Viaxa ao Pasado”, e concursos como “Comemos polos Ollos”. Igualmente significou o Plan de Reactivación, dotado con 3,5 millóns de euros e o Plan Estratéxico 2021-23 “no que estamos a traballar”.

“Ven” continúa a estela de “Sigue o teu instinto”, a campaña “que precisamente aposta polo turismo que agora máis se demanda, de natureza, sostible, non masificado e vinculado á cultura. De feito temos toda a programación preparada para que as persoas visitantes tamén poidan desfrutar dela”, dixo a presidenta. Está dirixida ao turismo nacional e do norte de Portugal “e con esta liña de novo aliñámonos coa estratexia da Secretaría de Estado de Turismo, desde o inicio da pandemia, de fomentar o turismo de proximidade. Tamén adaptamos a nosa mensaxe aos retos da Organización Mundial de Turismo sobre sustentabilidade, crecemento ético e seguridade”

Najla Shami é a cantante que pon voz e rostro á campaña, amais de que a banda sonora do audiovisual é un dos seus temas. Ela percorre a provincia animando a visitar Rias Baixas, e como dixo Carmela Silva “é unha das voces máis representativas da cultura en Galicia, a perfecta embaixadora da provincia coa música, coa palabra e co seu compromiso coa terra”. Shami mostrou o seu orgullo por participar. “É un enorme pracer. Estou namorada desta provincia. Galicia comprende moi ben a multiculturalidade porque a viviu na súa pel. A súa xente é máxica, especial, única e distinta a todos os seres do planeta. O turismo ten que vir e desfrutalo”.

Propostas de “Escapadas”
Xunto ao audiovisual, as redes ofertarán propostas de “escapadas”, amais doutras experiencias e actividades que poden facer durante a súa estadía. Son 13 escapadas, que se poden facer nun día o en varios combinando varias delas, sete pola costa e seis polo interior chegando a todas as comarcas e invitando a desfrutar dos seus atractivos. Na costa hai propostas na Ría de Arousa, a de Pontevedra e a de Vigo ou O Morrazo; e no interior a beira do río Miño, desde o Condado ata O Rosal; a zona do Deza e Terra de Montes; a comarca de Caldas, ou a de Fornelos e Pazos de Borbén.

Plan de Promoción e Comunicación: “Queremos chegar a 12 millóns de persoas”
A campaña conta xa cunha ambicioso plan de promoción que se prolongará ata finais de ano cun investimento de 116.000 euros. Irá dirixida a persoas de entre 35 e 60 anos e tamén a turismo familiar que viven en contornas de cidades ou áreas urbanas de máis de 50.000 habitantes. “Queremos chegar –asegurou Carmela Silva- a 12 millóns de persoas e captar ao público interesado en turismo cultural e de natureza, os produtos máis buscados e demandados polas persoas que se interesan polo noso destino”.

Respecto ás accións, a presidenta detallou que a campaña terá incidencia en medios online e off line, “pero apostando pola dixitalización na liña seguida pola Rede de Destinos Turísticos Intelixentes da que somos membros da executiva”. Deste xeito, “os medios online permitirán que teñamos información fundamental para tomar decisións acertadas, como poder medir en tempo real as campañas o que nos axuda a tomar medidas adecuadas, segmentación xeográfica e a ter así un impacto directo no target de público que buscamos”. En canto aos medios off line, insertaranse “vídeos onde imos amosar imaxes moi impactantes, fixando a nosa imaxe de marca cunha versatilidade de formatos que nos vai permitir poder chegar á xente”.

A campaña desenvolverase no verán (ata o 16 de agosto), e en outono (1 de setembro ao 13 de decembro). Na primeira fase, con impacto en Galicia, no resto do estado e en Portugal, as accións van estar dirixidas a ter presenza en redes sociais, reach media e revistas especializadas, así como na SmartTV, empregada por máis de 10 millóns de españois, nas principais plataformas. Pola súa banda, a segunda fase no outono, centrarase en zonas estratéxicas para captar visitantes como Madrid, País Vasco, Asturias e Castela a Mancha. Neste caso, “estará moi centrada en produtos de turismo cultural e de natureza e faranse en medios nacionais e redes sociais con iniciativas de cara as pontes, cando a xente fai pequenas escapadas”. En ambos casos, tanto en verán como en outono, “imos a combinar segundo o medio de comunicación, vídeos con stories, banners, ou imaxes con textos e reportaxes”, co obxectivo de “buscar notoriedade e visibilidade a través deses soportes”. De feito, segundo adiantou a presidenta, a estimación de resultados “é moi ambiciosa, con 20 millóns de impresións dos anuncios, 151.400 clicks e 3,4 millóns de visualizacións dos vídeos”.

Estimacións de ocupación “con moitas cautelas”
Con “todas as cautelas” e “moita prudencia”, Carmela Silva adiantou as estimacións de ocupación para este mes de xullo e o verán. “Quero transmitir optimismo pero hai que tomar estes datos como o que son: moi provisionais, están a variar día a día e van a depender de moitas variables incluídas as sanitarias”. De feito, as reservas están pechándose entre 1 e 2 días antes de viaxar, hai moita xente que por ertes ou reorganizacións das empresas non saben aínda as súas datas de vacacións; as estadías prevense máis longas; e dous de cada tres establecementos prevén que os resultados poden cambiar e incluso mellorar cara a segunda quincena de xullo e o mes de agosto.

Os datos en canto aos establecementos hoteleiros estiman unha ocupación media do 33% en xullo e do 40% para o conxunto do verán. Por comarcas en xullo, O Salnés superará o 38%, situándose nesa mesma porcentaxe en vilas como Sanxenxo e no 40% no Grove; a comarca de Pontevedra acadará o 32% de ocupación, co 43% na capital; O Morrazo chegará ao 39% e a comarca de Caldas superará o 37,5%; no caso da comarca de Vigo a ocupación será do 32,4% situándose na cidade viguesa por riba do 40% e en Baiona no 50%; o Baixo Miño superará o 36%; O Condado e A Paradanta situaranse no 25% e Deza e Terra de Montes no 26% no mes de xullo.

En canto ao conxunto do verán, os establecementos hoteleiros do Salnés superarán o 38%, cunha ocupación do 43% no Grove e en Sanxenxo do 40%; na comarca de Pontevedra rondará o 44% e na cidade o 41%; no Morrazo superarán o 39%; na comarca de Caldas o 34,5%; a comarca de Vigo terá unha ocupación do 44% sendo do 45% na cidade de Vigo e do 54% en Baiona; o Baixo Miño o 45%; as comarcas do Condado e da Paradanta chegarán ao 40% e as de Deza e Terra de Montes superarán o 33%.

No que respecta ao turismo rural é o que estima os datos máis parecidos a anos anteriores”, cunha ocupación para xullo do 51,3% e para o conxunto do verán do 50%. En xullo no Salnés o 52%; chegarán ao 75% na comarca de Pontevedra; ao 56% no Morrazo; acadarán o 44% na comarca de Caldas; superarán o 45% na comarca de Vigo; o 67% no Baixo Miño e ao 40% no Condado, A Paradanta, Deza e Terra de Montes.

No que respecta ao conxunto do verán, as casas de turismo rural do Salnés superarán o 45,5%; chegarán ao 55% na comarca de Pontevedra e do Morrazo; ao 45% na comarca de Caldas; acadarán o 40% en Vigo; o 57% no Baixo Miño; superarán o 43% nas comarcas do Condado e A Paradanta e chegarán ao 40,4% no Deza e Terra de Montes.

Os mellores datos de ocupación correspóndense coas vivendas turísticas, que agardan para xullo unha porcentaxe do 60% e para o conxunto do verán do 70%.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies