Inicio Pontevedra A Deputación de Pontevedra pon en marcha medidas sociais extraordinarias para os...

A Deputación de Pontevedra pon en marcha medidas sociais extraordinarias para os concellos de menos de 20.000 habitantes

A Deputación destina 450.000 € a proxectos de atención especializada e integración social e laboral dos colectivos máis vulnerablesO goberno activa o Fondo de Continxencia para emerxencias e adianta recursos para o Plan Concertado, o SAF, as axudas de emerxencia e a teleasistencia, amais de suspender todos os prazos dos plans de investimentos nos concellos

“É a hora de atender á xente, e sobre todo á xente máis vulnerable. Todo o demais xa virá logo”. Deste xeito, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, dirixiuse esta mañá ao Comité de Seguimento fronte ao Covid19, reunido no Pazo Provincial, ao que deu conta das medidas extraordinarias que a institución está a activar en materia de política social, para achegar recursos aos concellos máis pequenos da provincia e ás familias en situación máis vulnerable.

Silva fixo un “recoñecemento enorme e emotivo” ás administracións locais “que cos gobernos municipais e tamén coa oposición de cada concello, están a crear redes de proximidade para ocuparse da xente que máis o necesita. E desde a Deputación teñen que saber que no están sos”. Neste sentido, o goberno provincial vai activar de xeito inminente medidas extraordinarias por valor de máis de 4 millóns de euros en materia de política social, dirixidas directamente aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. As primeiras medidas inclúen a aprobación inminente das novas bases do Servizo de Axuda no Fogar e dos Servizos sociais comunitarios, por valor de máis de dous millóns de euros, así como a modificación das bases de Axudas de Emerxencia para achegar o antes posible, eliminando toda a burocracia, o medio millón de euros que se contemplan para os municipios. Estas axudas estarán dirixidas de xeito prioritario a aliviar a situación das persoas maiores que viven soas, e ás máis vulnerables a fin de garantir a alimentación, a hixiene e a limpeza e a desinfección daquelas zonas específicas e asimiladas que non poden atender directamente os municipios. Ademais, o goberno provincial anunciou a activación do Fondo de Continxencia de Deputación para situacións de emerxencia, dotado cun millón de euros e, igualmente se estudan medidas para incrementar e reforzar a Teleasistencia Domiciliaria. Do mesmo xeito, esta mesma mañá remitiuse unha carta aos gobernos municipais para que coñezan a suspensión de todos os prazos dos plans provinciais de investimentos como o Plan Concellos, Reequilibrio e DepoRemse.

A Deputación de Pontevedra pon en marcha medidas sociais extraordinarias para os concellos de menos de 20.000 habitantes

“Queremos achegar os recursos en primeiro lugar, xa haberá tempo de xustificar”, asegurou a presidenta que, sobre o servizo de Teleasistencia Domiciliaria sinalou que “queremos prestarlle unha especialísima atención xa que se benefician 652 persoas de 46 concellos. Pódolles dicir que estamos en contacto diario coa empresa concesionaria e moi pendentes das 126 persoas que non contan con apoio familiar ou social”. Ao respecto, Silva adiantou que se están xa a estudar novas medidas dirixidas a esas persoas soas, como intensificar os seguimentos telefónicos de tal xeito que sexan ata diarios nalgúns casos.  No caso do resto das persoas usuarias tamén se vai intensificar o seguimento, reducindo os prazos de quince días a unha semana.

A institución provincial pon a disposición do goberno de España material técnico, sanitario e humano de Mouriscade, Areeiro e a Escola de Enfermería

Por outra banda, xa está a disposición do Goberno de España o material técnico, sanitario e de protección da Finca Mouriscade, da Estación Fitopatolóxica de Areeiro e da Escola de Enfermería. Dende a EFA Areeiro o goberno provincial pon a disposición material técnico e de laboratorio, que utilízase para poder facer probas do coronavirus, (centrífugas, microcentrífugas e minicentrífugas, block heater, cubetas, Maxwell RSC Instrument, micropipetas automáticas, pipetas automáticas, secuenciadores, termobloques, termocicladores, transiluminadores e vórtex); así como material de protección (guantes de vinilo e látex, alcohol, mascarillas e balas de algodón), neste caso, tamén a disposición dende a Finca Mouriscade. No caso da Escola de Enfermería, trátase de material de protección (máscaras, batas e colectores de desinfectantes), pero tamén do propio persoal (4 enfermeiras, un médico e unha farmacéutica)

Respecto á casuística especial de Príncipe Felipe, área prioritaria para o goberno nesta crise sanitaria, a presidenta sinalou que entendo tódalas inquedanzas pero pido comprensión”, ao tempo que anunciou que mañá mércores visitará o centro para manter unha reunión co seu director, e máximo responsable, e as distintas direccións de centros, co obxectivo de supervisar as medidas e actuacións que se están a dispor alí. “Estamos a reforzar os medios e o persoal na atención sanitaria, e duplicando a vixilancia, para manter toda a actividade e garantir a seguridade tanto das nenas e dos nenos coma do persoal do centro”, informou Silva.  Sobre a “plena actividade” de Príncipe Felipe, “estamos a falar da infancia, de nenas e nenos que están en especiais situacións”. Pero tamén destacou que se extremaron todas as medidas de hixiene, se habilitaron espazos de illamento e, dende a pasada semana que se ten coñecemento do protocolo da Consellería, estanse a seguir todas os plans e pautas indicados por Política Social.  Ademais, o director do centro ten a directriz de formular de xeito inmediato calquera necesidade que teñan de material ou incluso contratacións.

Polo demais, a presidenta explicou que se pediu a todas as empresas concesionarias e as que fan obras ou prestan servizos á Deputación de Pontevedra, o plan de acción e de protección de persoal. “Estamos a facer un seguimento destas cuestións para ver que se cumpran e garantir así a seguridade e saúde das persoas”, destacou Silva. A presidenta provincial expresou a súa confianza na superación desta crise e manifestou o seu orgullo polo “marabilloso comportamento da cidadanía”. “Estou plenamente convencida que imos saír desta situación como unha sociedade mellor porque, amais, tomamos conta nesta crise do fundamental que é o servizo público e un estado de benestar como o que temos”.

Silva tamén aproveitou a reunión do Comité de Seguimento, a primeira na que participa a oposición co seu portavoz Jorge Cubela, para transmitir o seu agradecemento a todos os axentes implicados, “que están tendo un comportamento de 10, síntome moi satisfeita”. Silva quixo agradecer o traballo “dende o meu equipo, ata as xefaturas de servizo, especialmente a Recursos Humanos, todo o persoal traballador, e os sindicatos, pola colaboración e esforzo para organizar todo en tan poucas horas. Quero tamén resaltar e poñer en valor o comportamento exquisito das deputadas e deputados do PP na Deputación de Pontevedra, que colaboraron e están a colaborar en todo o momento de forma implícita”.  Neste eido, no que respecta ao funcionamento político da institución provincial, o Comité acordou pospoñer tanto as comisións informativas como o Pleno, e trasladar os acordos da Xunta de Goberno mediante Resolucións Presidenciais.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies