spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA Deputación de Pontevedra lanza a campaña "Na túa cesta" para promover...

A Deputación de Pontevedra lanza a campaña “Na túa cesta” para promover o consumo de productos da provincia

A Deputación de Pontevedra lanza a campaña "Na túa cesta" para promover o consumo de productos da provinciaA acción pretende impulsar o produto de proximidade e revalorizar a materia prima da provincia, “segura e saudable”, así como apoiar ás persoas produtoras

Co obxectivo de promover que as veciñas e veciños da provincia de Pontevedra, e tamén do conxunto de Galicia, consuman produtos locais e de proximidade a Deputación de Pontevedra lanzará este martes, 5 de maio, a campaña “Pontevedra Provincia na túa cesta”. A través desta iniciativa, que a presidenta Carmela Silva definiu como “un compromiso co consumo do local que facemos extensivo á veciñanza”, preténdese impulsar o produto de proximidade e revalorizar a materia prima da provincia, “segura e saudable”, así como apoiar ás persoas produtoras. “Pontevedra provincia na túa cesta” complementarase a mediados de mes con outra acción promocional para impulsar o comercio local e contribuír á súa reconstrución.

Silva asegurou que con esta campaña “queremos impulsar o consumo e comercio local, facendo fincapé na excelencia da nosa materia prima para axudar a saír da crise económica xerada pola pandemia”. Deste xeito, a presidenta enxalzou que os produtos da provincia teñen “unha grande calidade, son saborosos, saudables e seguros” e dan cumprimento aos requirimentos das persoas consumidoras para acadar a súa confianza. Estas cuestións materializaranse tanto no vídeo promocional da campaña, “moi emotivo”, como nas creatividades que amosarán “o mellor da horta, do mar, dos viños e do campo” cos hasthags “#Saboreaonosomar, #Saboreanosahorta, #Saboreaosnososviños e #Saboreaonosocampo”.

Carmela Silva: “É un compromiso que estendemos á cidadanía para incentivar o consumo dos nosos produtos locais que, amais, son os mellores”

A campaña poderá seguirse a través da páxina web da Deputación e de Turismo Rías Baixas, con contidos especiais, imaxes, vídeos e galerías fotográficas. Tamén a través da participación de bloggerse e influencers, así como en diferentes plataformas e nas redes sociais da institución onde se promoverá un produto a diario, dando equilibrio territorial a toda a provincia e etiquetando a Denominacións de Orixe e asociacións de referencia. Ademais, a iniciativa completarase coa convocatoria dun concurso para que as persoas participantes envíen imaxes cos produtos da provincia de Pontevedra e pratos listos para degustar.

A campaña “Pontevedra provincia na túa cesta” tamén servirá para poñer en valor ás persoas produtoras e ás comerciantes “que nos serven este excelente produto, son parte imprescindible da cadea e están aí, xogándose a saúde por un ben común, dándonos a enerxía que precisamos nun momento moi difícil” asegurou Carmela Silva quen aproveitou a ocasión para “darlles as grazas”. Neste eido tamén adiantou a presidenta que a mediados de mes de maio lanzarase unha nova campaña específica para a promoción do comercio local porque “debemos concienciar á cidadanía de que todas e todos nos temos que comprometer para apoiar ao tecido produtivo da nosa provincia, para manter o emprego con políticas de proximidade e promoción dos nosos produtos e comercio”.

A presidenta da Deputación recordou que “a aposta polos produtos de proximidade é prioritaria para nós” e que “xa foi o ano pasado protagonista da campaña “Fame de experiencias”, unha campaña que recibiu premios como mellor iniciativa en Madrid, Berlín e New York”. Con “Pontevedra provincia na túa cesta”, tal e como asegurou Silva, estamos “novamente a situar ás persoas produtoras e aos nosos produtos no centro da nosa acción política, animando a saborear a nosa horta, viño, mar e campo e situando á gastronomía como sinal principal da provincia, con mercados e prazas de abastos que funcionan como vixías dos tesouros gastronómicos que temos”.

- Publicidade -spot_img