spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA Deputación de Pontevedra envórcase coa semana global de acción polo clima

A Deputación de Pontevedra envórcase coa semana global de acción polo clima

A Deputación de Pontevedra envórcase coa semana global de acción polo climaBaixo o lema “A provincia que queres é sostible” a Deputación desenvolverá do 20 ao 27 de setembro unha axenda propia diaria con actividades en toda a provincia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto á deputada de Transición Ecolóxica, Iria Lamas, presentou esta mañá a axenda “A provincia que queres é sostible” creada con motivo da Semana Global de Acción polo clima, que terá lugar entre o 20 e o 27 de setembro. Deste xeito, o goberno provincial ten previsto organizar actividades diarias en toda a provincia para poñer de manifesto “que as administracións locais temos a obriga de impulsar medidas para frear a crise climática”, tal e como explicou Silva.

A protección dos ecosistemas, os transportes alternativos, a economía baixa en carbono e o aforro enerxético, o consumo responsable, o quilómetro cero, a calidade do aire e o turismo sustentable, serán algúns dos eixos que formarán parte dos actos que levaranse a cabo ata o día 27, data na que se celebrará a mobilización mundial baixo o lema da emerxencia climática.

“Trátase dunha política prioritaria, cremos que temos que ser activas e activos e sumarnos a todas aquelas actuacións e proxectos que contribúan a cambiar as cousas e dar respostas para frear a crise climática”, asegurou a presidenta da Deputación. Por tal motivo, entre o 20 e o 27 de setembro, vanse promover actuacións diarias para acadar “a transformación social e o cambio que debemos impulsar para frear a emerxencia”.

Deste xeito o sábado, 21 de setembro e Día Mundial da Limpeza, a Deputación lanzará a acción “Coidemos o noso”. Baixo este lema impulsarase, tal e como informou a presidenta provincial, unha campaña específica nas redes sociais, con creatividades sobre o impacto e a necesidade do coidado das paraxes naturais e dos ecosistemas. Con esta acción, segundo Carmela Silva, “pretendemos concienciar sobre a importancia do compromiso, de destinar recursos para deter a perda da biodiversidade e restaurar os ecosistemas”.

O domingo, 22 de setembro e Día Mundial sen Coches, o goberno provincial lanzará “As persoas protagonistas”. Esta acción, con creatividades específicas, centrarase na mobilidade e infraestruturas sustentables, apostando polo emprego de transportes non contaminantes e por iniciativas que  sitúen ás persoas no centro. Neste eido, amais, a presidenta adiantou que se vai instalar un aparcadoiro para bicicletas no Edificio Administrativo da Deputación,e ampliarase o xa existente no Pazo Provincial, xa que se trata dun transporte moi empregado por traballadoras e traballadores da institución provincial.

O luns, 23 de setembro celebrarase o Cumio sobre a Acción Climática na ONU onde a Deputación de Pontevedra estará tamén presente. “Temos trasladado os nosos compromisos ao enviado especial para o Cumio, Luis Alfonso de Alba, centrados na consecución dun nivel de calidade de aire seguro para a poboación da provincia de Pontevedra e na harmonización de políticas sobre cambio climático e contaminación do aire para 2030”, informou a presidenta. Ao respecto, Silva explicou que os compromisos da Deputación centraranse na aplicación de políticas en materia de calidade do aire e cambio climático, así como na posta en marcha de medidas de mobilidade sustentable; tamén na colaboración con outras administracións na elaboración e aprobación dun Plan Local de Mellora da Calidade do Aire e no seguimento dos progresos e intercambio de experiencias a través da plataforma de BreathLife.

Ese mesmo día, 23 de setembro, a Deputación lanzará unha acción relativa á Economía Baixa en Carbono e Aforro Enerxético a través das redes sociais. Esta campaña complementarase coa visita de deputadas e deputados provinciais a diferentes vilas e cidades nas que se están a desenvolver actuacións no marco do proxecto de substitución das actuais luminarias por luces LED e das caldeiras de gasóleo por biomasa.

O martes, 24 de setembro, a acción do goberno provincial vertebrarase arredor do consumo sustentable. Deste xeito, situarase no Pazo Provincial un stand con produtos de comercio xusto e anunciarase a posta en marcha dun convenio para a adquisición de novos colectores de residuos sólidos en Príncipe Felipe.

O mércores, 25 de setembro, a aposta da Deputación polos produtos de proximidade será a actividade central. Baixo o lema “Quilómetro Cero”, instalaranse na Avenida de Montero Ríos stands con información sobre a campaña de Experiencias SOStibles contra os plásticos, sobre o cultivo de froitos roxos, a erradicación das acacias, as trampas para as velutinas e a promoción de castañas e mazás.  Amais, en colaboración cos produtores e coas produtoras tamén terá lugar “un reparto masivo de mazás ecolóxicas” na explanada de Montero Ríos.

O penúltimo día da Semana Global de Acción polo Clima, o xoves 26 de setembro, estará centrado no turismo sostible, “xa que o día seguinte, o venres 27 –tal e como informou a presidenta- é o Día Internacional do Turismo”.  Para celebrar esta efeméride, desenvolverase unha acción no concello da Estrada centrada na visita ás e aos produtores de mazá para sidra ecolóxica. En concreto, tal e como detallou Silva, “estaremos na sidrería Camino cos conceptos de turismo rural, sustentabilidade, dixitalización e emprendemento”.

A axenda “A  provincia que queres é sostible” rematará o 27 de setembro, día no que terá lugar unha folga xeral mundial. Neste eido, o lema da Deputación é “Emerxencia Climática” e baixo esta denominación desenvolverase unha tripla acción que abrangue dende a moción sobre emerxencia climática (que se presentará no pleno que se celebra ese día), ata un parón de 4 minutos e 15 segundos entre as 11 e 12 da mañá e, pola tarde, a conferencia “O espazo natural como ámbito de vida”

O compromiso co medio ambiente cara a transición ecolóxica, xunto á igualdade, son as grandes áreas protagonistas do novo mandato de Carmela Silva. Neste eido,  a presidenta resumiu moitas das iniciativas que xa están postas en marcha como a compostaxe, o programa de Economía Baixo en Carbono, a mobilidade sostible e infraestruturas que buscan a recuperación dos espazos públicos, o programa de promoción do cultivos ecolóxicos e da eliminación de especies invasoras como eucaliptos e acacias, proxectos como ESTRAEE para mellorar a xestión dos residuos de aparatos eléctricos e electrónicos, as campañas de concienciación contra os plásticos e cabichas, así como o compromiso da Deputación coa ONU e a OMS a través do BreathLife. No caso concreto da compostaxe, un dos grandes proxectos da Deputación de Pontevedra que é xa exemplo en España e Europa, a presidenta adiantou que mañá venres estará xunto ao vicepresidente provincial un dos responsables de Zero Waste Europe para lanzar unha publicación sobre o Plan Revitaliza.

- Publicidade -spot_img