spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPontevedraA Deputación de Pontevedra envórcase coa celebración do Día de Rosalía cunha...

A Deputación de Pontevedra envórcase coa celebración do Día de Rosalía cunha “potente” programación cultural

A fachada da sede de Vigo reflectirá o día 24 un mapping co rostro e pensamento da escritora, acción que tamén se trasladará a concellos da provincia

“Queremos celebrar por todo o alto, como facemos cada ano, o Día de Rosalía” asegurou Carmela Silva na presentación da “potente” programación cultural impulsada pola Deputación de Pontevedra para o 24 de febreiro, “o día no que conmemoramos o nacemento da escritora galega máis representativa da nosa literatura”.

Como novidade, a Deputación promoverá a acción “Proxectando a forza de Rosalía!” que se desenvolverá na sede de Vigo, así como tamén nos concellos de Silleda, Caldas, Bueu, Salvaterra, Oia e O Rosal. Consistirá na iluminación da fachada do edificio cunha imaxe e frase de Rosalía de Castro, “un mapping –destacou Carmela Silva- que alumeará a nosa sede entre o 24 de febreiro e o 2 de marzo”. “A idea que temos –asegurou a presidenta- é que o público comparta as súas fotografías coas fachadas alumeadas nas redes sociais cos hasthags #CoaForzadeRosalía, #DíadeRosalía e #ADepoconRosalía”.

Ademais, o propio Día de Rosalía a sede da Deputación en Vigo acollerá un acto cultural sen público presencial, “debido á situación sanitaria”, que poderá seguirse a través das canles institucionais e contará con servizo de interpretación de lingua de signos. Consistirá na lectura en remoto de poemas de Rosalía a cargo de nenas e nenos dos centros educativos da provincia. Ademais lerase o manifesto, elaborado por Anna R. Figueiredo, impulsado pola AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) e actuará a artista Uxía Senlle. O acto completarase co alumeado da fachada, coa imaxe de Rosalía e a proxección dunha das súas frases.

Amais, este ano a institución convoca un concurso creativo de debuxo, titulado “A nosa Rosalía”, para achegar a figura da autora á rapazada da provincia. “Temos a sorte de ser unha comunidade que ten como elemento simbólico a unha muller, a Rosalía de Castro” destacou a presidenta da Deputación. Por este motivo, o obxectivo “é achegar a súa figura ao público máis novo, porque é fundamental que teñan compromiso con todo o que nos identifica e Rosalía de Castro faino como escritora, galeguista, feminista, como unha voz, un rostro, un personaxe que fala da nosa terra”. O concurso “A nosa Rosalía” xa está aberto a alumnas e alumnos dos centros de Educación Primaria da provincia que poden participar, de xeito individual, elaborando un debuxo “inspirado ben na personaxe, ben na vida ou na obra de Rosalía” a través de dúas categorías: “Campaniñas”, para nenas e nenos de 1º a 3º de primaria, e “Airiños”, de 4º a 6º.

Para participar cómpre descargar en primeiro lugar un documento modelo, xa dispoñible na web www.depo.gal, onde a rapazada terá que plasmar toda a súa creatividade. Unha vez realizado o debuxo, as nenas e nenos terán que entregarllo á súa mestra ou mestre ou á dirección do centro para que o remita escaneado ao correo electrónico anosarosalia@depo.gal. A data límite para o envío dos debuxos é o vindeiro venres 19 de febreiro e, polo mero feito de participar, todas as nenas e nenos recibirán un agasallo didáctico. Os dous mellores debuxos, un por cada unha das categorías “Campaniñas” e “Airiños”, serán anunciados o Día de Rosalía e conseguirán como premio especial para o seu colexio unha actividade lúdica e participativa sobre Rosalía con formato de obradoiro a cargo de “Polo Correo do Vento”.

- Publicidade -spot_img