A presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva presentou xunto á vicepresidenta da Real Academia Galega de Ciencias Alicia Estévez o I Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, que se desenvolverá entre Pontevedra e Vigo e ten como obxectivo principal achegar a ciencia á sociedade así como estimular as vocacións científicas entre escolares da provincia.
Ademais, con este ciclo de conferencias, que levan nome de muller, tamén se está a visibilizar ás mulleres científicas, “que hai moitas e moi potentes”, ao tempo que se amosa o compromiso da institución provincial coa ciencia, “que é o mesmo que comprometerse co futuro, con ser competitivas e competitivos como país, como galegas e galegos, como pontevedresas e pontevedreses”, asegurou Silva.
Neste eido, a presidenta provincial aproveitou a ocasión para incidir na desigualdade existente entre mulleres e homes no ámbito científico, fundamentalmente nos eidos de representación. Silva, tamén aproveitou a ocasión para recordar ás grandes referentes galegas no ámbito das STEM como María José Alonso, a propia Alicia Estévez, Maribel Soengas ou Miriam Pena.
Pola súa banda, a vicepresidenta da Real Academia Galega de Ciencias e coordinadora do ciclo de conferencias, Alicia Estévez, sumouse ás reivindicacións da presidenta provincial asegurando que “o problema radica na famosa fenda científica que implica que haxa menos mulleres en postos de responsabilidade, algo contra o que estamos a loitar na Academia”. De feito Estévez informou da recente incorporación na Academia de Minia Manteiga (a primeira catedrática de astrofísica de Galicia) e adiantou que este mesmo ano entrará Isabel Medina, para ir “visibilizando á muller en lugares de responsabilidade”.
Sobre o ciclo de 15 conferencias, Estévez asegurou que se van desenvolver entre marzo e xuño en Pontevedra e entre setembro e decembro en Vigo co obxectivo de “intentar aumentar a cultura científica na sociedade, xa que unha sociedade máis culta é moito máis difícil que sexa manipulada”. Deste xeito, as persoas conferenciantes, un 50% homes e un 50% mulleres, serán persoas de relevancia científica que abordarán dende a Intelixencia Artificial, ata cuestións relacionadas co cancro, a nanomedicina ou a acuicultura. Estas conferencias, amais, completaranse con charlas dirixidas a estimular as vocacións científicas en colexios da provincia de Pontevedra. “Intentaremos incidir en que as mozas e os mozos poden ser o que queiran sempre que se esforcen, independentemente do seu sexo ou dos estereotipos de xénero”, asegurou a vicepresidenta da Real Academia Galega das Ciencias.



