spot_img
InicioBaixo MiñoO Concello de Oia organiza unha visita guiada e unha andaina para...

O Concello de Oia organiza unha visita guiada e unha andaina para conmemorar o día da Muller

O Concello de Oia organiza unha visita guiada e unha andaina para conmemorar o día da MullerO Concello de Oia programará este ano 2 actividades para conmemorar e celebrar o Día da Muller. Este sábado haberá unha visita guiada de temática feminina, mentres que para o domingo 15 se organiza a “Andaina pola Igualdade” que percorrerá a nova ruta circular do Mosteiro.

A programación co gallo do 8 de Marzo se abrirá este sábado 7 cunha visita guiada polo barrio histórico. Baixo o título “Arrabal en feminino”, o itinerario permitirá descubrir distintos espazos femininos con valor patrimonial, as pegadas da muller na toponimia e lembrar algunhas das figuras femininas presentes na memoria colectiva local.

Ambas actividades son gratuítas pero a andaina require inscrición no Concello antes do día 12

Así, nas distintas paradas irán descubríndose historias e lendas sobre veciñas ilustres, raíñas, santas e heroínas anónimas co obxectivo de divulgar o a riqueza patrimonial de Oia, visibilizar as contribucións das mulleres ao longo da historia e, ao mesmo tempo, renderlles unha merecida homenaxe.

A visita guiada do 7 de marzo é gratuíta e non require inscrición. O punto de encontro será o edificio do Concello de Oia ás 17.00 horas.

Andaina

O domingo día 15 se desenvolverá a “Andaina pola Igualdade”, que percorrerá a recentemente sinalizada ruta circular do Mosteiro, un itinerario de sendeirismo de dificultade media e 7,8 km de lonxitude. A ruta sairá ás 10.00 horas do Mosteiro de Oia. Trátase dunha actividade gratuíta, pero cómpre inscribirse previamente no Concello antes do día 12 (teléfonos de información 986.36.21.25 e 639.32.94.93).

A ruta circular do Mosteiro inclúe puntos de interese natural, paisaxístico e cultural como os petróglifos da Pedreira (Santa María de Oia), o lugar do Viveiro (Pedornes), un tramo do Camiño Portugués da Costa ao seu paso polas parroquias de Pedornes e Santa María de Oia, o barrio histórico do Arrabal e o Mosteiro de Santa María de Oia, entre outros.

O camiño presenta dificultade media e está totalmente sinalizado.
A información da ruta está dispoñible na seguinte ligazón de Wikiloc: https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-do-mosteiro-43036952

- Publicidade -spot_img