·Publicidade ·spot_img
InicioPontevedra e prov.PontevedraA Deputación de Pontevedra amosa o talento, o compromiso e a creatividade...

A Deputación de Pontevedra amosa o talento, o compromiso e a creatividade da mocidade da provincia na V Gala da Xuventude

A Deputación de Pontevedra amosa o talento, o compromiso e a creatividade da mocidade da provincia na V Gala da XuventudeA escalinata central do Pazo da Deputación foi hoxe o mellor escenario para amosar o talento, o compromiso e o bo facer e a creatividade da mocidade da provincia revelada na V edición da Gala dos Premios Provinciais á Xuventude.

No evento, que encheu a explanada exterior de rapazas, rapaces e as súas familias, foron recoñecidas as 16 mozas, 14 mozos e 3 centros educativos da provincia, autoras e autores dos 30 proxectos galardoados que, como subliñou a presidenta Carmela Silva, amosan “non o talento, senón o talentazo, valentía, capacidade e unha enorme creatividade que mostra a o grande futuro que ten esta provincia”. A Gala tamén se entregaron os diplomas ás e aos gañadores da II edición de “Reacción polo Clima” que promove a loita contra o cambio climático a través de manifestacións artísticas visuais.

Conducida por María Soliño e Mónica Salinero, fundadoras da aplicación de turismo Capptus, a cerimonia, na que amais dos premiados e premiadas houbo unha nutrida representación de docentes dos distintos centros, estivo amenizada coa actuación musical da grovense Carolina Rubirosa Dúo. No transcurso do acto proxectáronse tamén dous vídeos que tiveron como protagonistas á cantante e actriz pontevedresa Cora Velasco e ao deseñador Gabriel Nogueras, e gañador da XVII edición do premios Mercedes-Benz Fashion Talent pola colección “Fat Man” da súa firma Rubearth, quen animaron á mocidade a seguir participando nestes galardóns.

Unha emocionada Carmela Silva mostrou o seu “orgullo e felicidade, cada ano máis, por ser a presidenta desta provincia coa mocidade que temos”. A presidenta citou a Marie Curie e lembrou que “a humanidade precisa persoas soñadoras para quen o desenvolvemento dunha tarefa sexa tan cautivante que lles resulte imposible dedicar a súa atención ao seu propio beneficio”. “Todo que falaba Curie témolo aquí, dixo Carmela Silva, o mundo precisa de persoas soñadoras, cheas de creatividade, innovadoras, adiantadas aos cambios e cunha inmensa capacidade para marcar tendencias, e todo iso sodes vós e esta Gala é unha proba máis de que esta provincia en, da vosa man, un futuro prometedor e cho de oportunidades”

A Deputación de Pontevedra amosa o talento, o compromiso e a creatividade da mocidade da provincia na V Gala da Xuventude

A presidenta fixo un canto a autoestima da mocidade “despois de tempos tan complicados” apelando a todas e a todos a perseguir os soños: “Non vos deteñades nunca!, que ninguén os convenza de non crer en vós mesmas, en vós mesmos! Que ninguén os roube nunca a capacidade de soñar e facer o que soñades!”. Nese senso, fixo case un desagravio á xente máis nova. “Levades practicamente dous anos encerrados, pechados nas vosas casas, sen desfrutar do que todas e todos nós vivimos ás vosas idades, coas vosas cortas vidas alteradas. Levades tamén dous anos sinalados, nos que parece que todos os males do mundo saen ou teñen que ver con vós e non.  Non é verdade. Non é certo. Hoxe demóstrase que aquelas persoas que vos miraban agraviadas estaban equivocadas. Porque esta gala é unha proba máis de que a mocidade, todas e todos vós, tendes aproveitado este tempo para formarvos, para ampliar os vosos coñecementos, e mesmo para sumarvos a causas sociais, axudando a persoas que teñen padecido con dureza as consecuencias da pandemia, sumándovos a proxectos de igualdade, de loita contra o cambio climático ou de preservación da contorna natural”. Por iso, subliñou, esta gala quere tamén poñer un grao de area para rachar coa imaxe que se ten transmitido da xuventude nos últimos meses porque vós sodes o claro exemplo de que estaban erradas e errados, e facer fincapé na necesidade dun mundo máis empático, que teña a capacidade de poñerse “nos vosos zapatos” e pensar máis en como nos sentiríamos se aos nosos quince, dezaseis ou dezaoito anos tivésemos que vivir esta situación de encerro”

A presidenta provincial, que rematou recordando as verbas da escritora JKRowling: “a maxia está dentro de vós, tendes o poder de imaxinar un mundo mellor”, tamén reivindicou a mellora da Lei de Educación “para que poña enriba da mesa o valor imprescindible da cultura para a xente nova. Espero, dixo, que prosperen as emendas para que a cultura, as artes estean desde o inicio na formación das nenas e nenos. Sen cultura, finalizou, non hai sociedade avanzada”

V Premios Provinciais á Xuventude

Este ano presentáronse un total de 64 proxectos dos que 30 obtiveron galardón nas categorías convocadas e cuxos autores e autoras teñen unha media de idade de 24 anos. Na gala celebrada hoxe, todas elas e eles recibiron a escultura dun aro de granito sobre soporte metálico de aceiro deseñada polo alumnado da Escola de Cantería, co que a institución provincial recoñece tamén o traballo destes estes artistas emerxentes.

No caso da categoría de Iniciativa Empresarial, o primeiro premio recaeu na proposta ”Cereal Jewels”, de Nahir Maceira e Manuel Vila (Vigo), mentres que o segundo foi para a compañía teatral “A Cova das Letras”, de Cristina Collazo Gómez (Silleda) e o terceiro o comparten ex aequo  as propostas “Ponteabastos”, de Jorge Celso Eyo (Pontevedra) e “Somosterra”, de Eva López e Raquel Gómez (Nigrán).

En Educación en Valores o xurado, que destacara a calidade dos traballos e a gran participación de alumnado, concedeu o primeiro premio ex aequo ás propostas “Sementes de Liberdade” do IES de Poio e “Incómodxs e rebeldes” do IES As Barxas de Moaña. O segundo premio foi para o proxecto “Avoas. Avós con V de vida” do IES Antón Alonso Ríos (Tomiño).

Na categoría de Contido Dixital, na parte Audiovisual gañou “Neeumátiko”, da autora Nee Barros Fernández (Marín).  O 2º premio recaeu en “Orixe”, de Roberto Pastoriza (Bueu)  e o terceiro foi para “Descifrando a historia – podcast”, de David Gesteira Estévez (A Cañiza).

En Traballos Musicais o 1º premio en Música Clásica levouno a peza sinfónica “Fínis Terrae”, de Guillermo Otero Costas (Vigo), mentres que na outra subcategoría, Outros Xéneros, as pezas “Vals do esquecemento”, de Santiago Guerra (Cangas) e “Miss each other before we need”, de Ainhoa Mosquera (Moaña) levaron ex aequo o primeiro destes galardóns. O terceiro foi para  “Breaking it up”, de Héctor e Tomás Cardenal e Adriana Cores (Moaña).

Na categoría de Traballo Literario Breve gañou en Narrativa a obra “A mirada paralela dun xirasol”, de Pedro Rodríguez (Nigrán) , mentres que o 2º premio foi para “Día de praia”,  de Brais Suárez (Vigo). En Poesía, Diana Vilas Meis (O Grove)  venceu con “Mímese”; mentres que o 2º premio foi  para “Bestia Salvaxe de terciopelo”, de María Sarrapio Pol (Pontevedra).

En Banda Deseñada, o primeiro premio foi para Ángel Carramal (Pontevedra) por “SÓ (S)”; o segundo para Sabela Domínguez (Marín) por “Un día ajetreado” e o terceiro premio para Lucía Rodríguez (O Grove) por  “Onde estás?”.

Por outra banda, en Fotografía Orixinal, na subcategoría de Serie Fotográfica, Claudia Gómez (Pontevedra) levou o primeiro premio por “Xeracións”; Regina Chamorro (Gondomar) o segundo por “Si la vida es circular, quiero girarla a caballo y en tiovivo”, e David Outón (Sanxenxo) o terceiro por “La música que compartimos”. En Fotografía gañou Lara Cores (Ribadumia) por  “Memoria en materia studiowork”; mentres que o terceiro premio recaeu en Cynthia Gómez (Pontevedra) por “Dos verdades dos realidades”.

Por último, en Deseño e Moda  o primeiro premio foi para Natalia Belén (Vigo) polo seu traballo “Haenyo”, mentres que o segundo foi ex aequo para Sergio Vidal (Sanxenxo), con “En flor”, e Regina Chamorro (Gondomar) con “Parsimonia”, e o terceiro foi para Laura Barrós (Pontevedra) por “Ame to tsuri”.

Reacción Polo Clima

As premiadas e premiados na segunda edición do concurso provincial de audiovisuais  Reacción polo Clima foron as primeiras en subir ao escenario, trala proxección dun vídeo resumo sobre os ODS, o cambio climático e o talento da xuventude. Lara Cores (Pontevedra), recolleu o  primeiro premio por “Adiós ríos, adiós fontes”; Manuel Albariñas e Yago Rodríguez (Marín e Pontevedra), que xa gañaran o primeiro premio na edición anterior, recolleron agora o segundo posto con “Puro Aire”, e o Colexio Marcote de Vigo gañou o terceiro premio co rap “Antropoceno destrucción”.

- Publicidade -spot_img

Publicidade
Publicidade