As danzas son unha das formas máis primitivas da relixiosidade, indispensables no rito e no misterio. As Danzas de Espadas achábanse amplamente difundidas por toda Europa na Idade Media, unidas xa entón a celebracións tanto profanas como relixiosas. O seu significado, aínda que moi discutido, ten que ver en orixe coa supervivencia de tradicións megalíticas relacionadas con cerimonias da vexetación e da primavera, asociadas a ritos de carácter guerreiro, de fertilidade, e incluso medicinal, consagrados a diversos deuses, e moi especialmente aos da primavera e das armas. Na antiga Roma executábanse danzas en honor da deusa Ceres e dos deuses Marte e Lares, destinadas a asegurar a protección das colleitas.
Na Idade Media, o pobo foi incorporando moitas destas danzas ás celebracións cristiáns en homenaxe a Deus e aos santos, executándose tanto dentro dos templos como nas procesións organizadas polos gremios e corporacións cívicas de cidades e vilas.
Xa se bailaba en Redondela en honor ao Corpo de Deus durante os séculos XVI e XVII, cando as súas “voltas e revoltas” embelesaban a la multitud, e os seus compoñentes eran mariñeiros pertencentes ao “Gremio da Mar”, o máis importante da vila. Estaba integrada por 25 homes distribuídos en 1 Mestre, que a dirixe; 4 Primeiros ou Guías, que van diante; 16 Espadas e 4 Rabelas ou Rabelos, que pechan o conxunto. Hoxe, por razóns de espazo e desenvolvemento da Danza, o seu número adoita ser de 21, máis, a lo menos, un gaiteiro e un tamborileiro.
No século XVII pagabaselles por danzar, pero en cambio podían ser multados no caso de non asistir. A Danza bailábase tamén no día de San Xoán Bautista, santo patrón dos mariñeiros de Redondela, e con ocasión doutras festas e celebracións: en Pascua de Resurrección, na recepción ou visitas das autoridades, vodas e nacementos Reais (como por exemplo en 1605 en honor ao nacemento de Felipe IV), etc.
Orixinalmente se usaban espadas auténticas de metal, pero durante a Procesión do Corpus de 1834, debido a unha disputa na ponte de Vilavella por cuestións de precedencia e escolta si á Virxe ou San Xoán, a imaxe do Santo caeu ao río, polo que o alcalde de entón decidiu substituír as espadas por outras de madeira pintada como as que se usan na actualidade.
Os danzantes, guiados polo Mestre, avanzan en catro filas, emparellados de dous en dous a esquerda e dereita dando escolta ao Santísimo ou á Virxe, que van no centro da formación. O Mestre colle as puntas das espadas dos Primeiros, dúas en cada man, e éstes, como cabezas de cada liña, collen a espada do seu compañeiro de fila, que a súa vez colle a do seguinte, e así sucesivamente, excepto os catro últimos danzantes, os Rabelas, que actúan na cola da danza coa misión de marcar a coreografía dende atrás. Para facilitar os seus movementos, as empuñaduras e as puntas das espadas van suxeitas ao pulso dos danzantes cunhas cintas, permitíndolles liberar as mans para facer repicar as castañolas, tradicionalmente de madeira labradas en forma de cuncha de vieira.
A Danza executábase en todas as Paradas obrigadas da Procesión, entre elas no Campo das Monxas Xustinianas, fronte o Convento, e na antiga Praza do Estaleiro, hoxe Praza da Constitución, onde realizan o baile máis longo e completo.
A antiga melodía que acompaña á Danza, se adapta perfectamente ao baile, que mantivo unha continuidade case ininterrompida dende os seus inicios fai uns cinco séculos. En 1904, a Danza de Espadas de Redondela gañou o primeiro premio —moi disputado coa de Marín— nun certame celebrado na praza de touros de Pontevedra nas festas da Peregrina.
A partir do século XX, ao ir perdendo forza as actividades mariñeiras, se integraron na Danza individuos procedentes doutros oficios, que ao son da gaita e o tamboril realizan unha serie de pasos ou figuras coreográficas en honor do Santísimo Sacramento e da Virxe. Ademáis pódese bailar para honrar outros símbolos que se poidan considerar positivos, pero nunca ante Coca (o dragón redondelano), pois é o símbolo do mal. Dentro e fóra do grupo bailan as Penlas, que realizan a súa propia e moi curiosa danza en combinación coas figuras da Danza de Espadas, nela fan tamén saúdos ao Santísimo e á Virxe, aos que lles botan frores.
A Danza de Espadas redondelana innovou no século XX outras figuras que chegaron a desprazar as orixinais ou clásicas, que prácticamente deixaron de bailarse. Xurdiron así os novidosos e variados pasos coñecidos cos nomes de “a Áncora”, “a Estrela” ou “a Cruz”, “a Mapoula” ou “o Trevo”, “o R” (de Redondela), e outros. Na actualidade, as figuras que normalmente se bailan no Corpus son sete, algunhas coincidentes coas anteriores: “Agachada e reverencia ao Santísimo”, “Camiño de Santiago”, “o Oito”, “a Estrela”, “a Mapoula”, “a Áncora”, e “o R”, executándose sucesivamente nesta orde.
Sen dúbida esta Danza e a das Penlas son un fermoso e sorprendente espectáculo que ninguén debería perderse nas Festas do Corpus Christi ou da Coca de Redondela.
*O artigo foi publicado no número 9 da nosa revista e escrito por José Matínez Crespo