spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA cerámica, as xoias, os tecidos e a vida dos poboados galaicos...

A cerámica, as xoias, os tecidos e a vida dos poboados galaicos centran unha vintena de obradoiros no Museo de Pontevedra

Chega ao Museo de Pontevedra a mostra 'Galaicos. Un pobo entre dous mundos'A cerámica, as xoias, os tecidos ou a vida cotiá dos poboados na Idade do Bronce e do Ferro centrarán ata o mes de xaneiro media ducia de obradoiros organizados polo Museo de Pontevedra de forma complementaria á exposición ‘Galaicos, un pobo entre dous mundos‘ e ás actividades sobre a mostra do Departamento de Turismo provincial.

Estes obradoiros están dirixidos a diferentes públicos (infantil e adulto) e a centros de ensino, e terán lugar entre os meses de novembro, decembro e xaneiro, con máis de 300 prazas dispoñibles.

A primeira das actividades, que comezará este sábado día 23, está destinada a persoas adultas, familias e público infantil, e leva como título Modelando coas Mans. Cerámica Castrexa. Trátase dun obradoiro participativo para achegarse ao proceso de elaboración da cerámica castrexa, desde o modelado á decoración e acabado final. Poderán asistir 20 participantes (nenas e nenos a partir de 7 anos acompañados dunha persoa adulta), os sábados 23 e 30 de novembro e 18 e 25 de xaneiro, baixo a dirección da fundación Terra Termarum.

A finais de decembro comezarán as actividades englobadas baixo o título Un día no Tempo dos Galaicos, baseadas na recreación histórica e a arqueoloxía experimental arredor dos costumes e hábitos que formaban parte do día a día da vida das e dos galaicos. No primeiro dos casos representarase un poboado da Idade do Bronce e do Ferro recreando escenas con actividades en vivo. Poderán asistir todas as persoas que o desexen –entrada libre ata completar sala– 0 xoves 26 de decembro (de cinco a sete e media da tarde) e o venres 27 de decembro (de dez e media a doce e media da mañá).

Por outro lado, desenvolverase un obradoiro Téxtil que consistirá nunha sesión demostrativa na que, ademais de amosar o funcionamento de diferentes tipos de teares protohistóricos, mostraranse os diferentes tecidos realizados con eles, así como unha exhibición de diversos traxes da Idade do Bronce e da Idade do Ferro en Europa. Esta actividade pretende transmitir un coñecemento que, en moitos casos, se perdeu, permitindo á sociedade actual recuperar antigas artesanías e poñer en relación a cultura material utilizada en cada un destes períodos. Desenvolverase o xoves 26 de decembro (de 19.30 a 20.30 h) e o venres 27 de decembro (de 12.30 a 13.30 h), tendo 20 prazas destinadas a público adulto.

Outro dos obradoiros organizados polo Museo para estas festas é o obradoiro creativo O Poder das Xoias, onde nenas e nenos, de entre 6 e 12 anos, descubrirán a importancia histórica, cultural e simbólica das xoias pre e protohistóricas expostas na colección permanente do Museo e na exposición ‘Galaicos, un pobo entre dous mundos‘. As persoas participantes rematarán realizando unha reprodución dalgunha destas xoias dunha forma creativa e lúdica. Está destinado a nenas e nenos de 6 a 12 anos, e terá lugar o xoves 2 e venres 3 de xaneiro entre as 11 e as 13.30 horas, sendo os grupos de 15 persoas por sesión.

Centros escolares

Existen dous obradoiros específicos para centros escolares. En Vestíndonos coma Galaicos o alumnado descubrirá como era a vestimenta e os adornos que usaban as persoas que habitaban os castros. A actividade incluirá unha parte experimental na que a rapazada tecerá nun tear castrexo e creará os seus propios adornos persoais replicando os modelos que apareceron en diferentes castros de Galicia. Está destinado a alumnado de 5.º e 6.º de educación primaria, e desenvolverase o xoves 5, martes 10, mércores 11 e xoves 12 de decembro a escoller entre dúas quendas, ás 10 ou ás 11.45 horas. Ten unha duración de 90 minutos e o número máximo de alumnado por quenda será de 25.

Arqueoloxía dos Sentidos é o título do segundo dos obradoiros destinados a colexios. Nel, as nenas e os nenos, a través dos sentidos, identificarán unha serie de obxectos que normalmente adoitan aparecer nas escavacións arqueolóxicas descubríndoos dentro dunhas caixas de cartón. A través da súa análise, a rapazada poderá asocialos coa vida cotiá de tempos prehistóricos e tomar conciencia do valor do seu pasado, así como obter coñecementos da prehistoria de forma lúdica. Tamén se promove o traballo cooperativo e se estimulan os sentidos e a concentración das nenas e nenos. Está destinado a alumnado de 3.º a 6.º de educación primaria e desenvolverase o mércores 15, venres 17, mércores 22, e venres 24 de xaneiro, a escoller entre dúas quendas (ás 10 ou ás 11.45 horas), tendo unha duración de 60 minutos e grupos de máximo 25 nenas e nenos por quenda.

Obrigatoria inscrición

Para participar en todos os obradoiros, salvo na actividade ‘Un día no tempo dos galaicos’ que é aberta ao público ata completar a sala, é preciso inscribirse previamente. As persoas ou centros escolares interesadas poden obter máis información e formalizar a súa participación no teléfono 986 804 100 extensións 42412 e 42413, ou a través de correo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.gal. As prazas outorgaranse respectando a orde de recepción. O horario de atención telefónica e de correos-e é de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas.

- Publicidade -spot_img