Inicio Pontevedra A actuación de Tanxugueiras pon o broche de ouro na clausura da...

A actuación de Tanxugueiras pon o broche de ouro na clausura da Exposición ‘Galaicos’ no Museo de Pontevedra

A actuación de Tanxugueiras pon o broche de ouro na clausura da Exposición 'Galaicos' no Museo de Pontevedra Carmela Silva: “Galaicos amosa que hai 2000 anos a provincia de Pontevedra foi o centro da relación entre dous mundos, o Atlántico e o Mediterráneo. Nós nunca fomos a periferia”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, subliñou hoxe a grande acollida da exposición “Galaicos: un pobo entre dous mundos”, que nestes catro últimos meses recibiu no Museo de Pontevedra ata 12.00o visitas, “un extraordinario balance” que Silva fixo esta tarde no acto oficial de clausura da mostra no Sexto Edificio, acompañada polo director do Museo, José Manuel Rey e que se pechou coa actuación do trío galego Tanxugueiras, formado polas irmás Sabela e Olaia Maneiro xunto a Aida Tarrío, e a súa aposta pola música de raíz, as letras reivindicativas e o feminismo.

A presidenta destacou o gran éxito de asistentes con máis de 44.ooo persoas que percorreron a exposición nas súas tres estadías en Madrid, Valencia e Pontevedra

Pontevedra foi a parada final desta ambiciosa mostra, organizada polo departamento de Turismo da Deputación, e que nas súas anteriores estadías no Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid e no Museo da Prehistoria de Valencia acadou 18.000 e 14.000 persoas respectivamente. Deste xeito, como explicou a presidenta da institución provincial, “en total foron máis de 44.000 as persoas que puideron achegarse a esta exposición e que puideron comprobar que Galicia, e máis particularmente a provincia de Pontevedra, foi o centro da relación entre dous mundos, o Atlántico e o Mediterráneo, hai 2000 anos”. “Nós nunca fomos a periferia _insistiu Silva_, porque hai 2000 anos a xente conectábase a través do mar. Cando se fan escavacións, dámonos conta do gran comercio que había, de como había unha estrutura política e unha estrutura social moi avanzada. E diso fala Galaicos. Eramos, por tanto, o eixo da relación entre estes mundos e esta exposición e todas as actividades paralelas que organizamos tiñan como obxectivo poñer en valor a nosa grande historia, obxectivo que temos cumprido”.

Pola súa banda, o director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey, tamén incidiu en que “reconforta o éxito que tivo esta exposición” e fixo fincapé no “público heteroxéneo” que recibiu, onde destacou de xeito especial a gran cantidade de visitas de escolares recibidas, non só da provincia pontevedresa, senón tamén de Ourense e da Coruña. Para Rey, esta gran afluencia á exposición e as actividades desenvolvidas “foi un espaldarazo para a difusión da mostra” e significa tamén que se cumpriron os obxectivos de “Galaicos”: “transmitir a relevancia do noroeste peninsular desde o final da Idade de Bronce ata o Baixo Imperio romano, amosar que Galicia non era un pobo illado e cremos que serviu tamén para que a xente sexa consciente do patrimonio arqueolóxico que temos”.

A Mostra "Galaicos" recala no Museo de Pontevedra tras ser visitada por máis de 32.000 persoas en Madrid e Valencia

Exposición

“Galaicos: un pobo entre dous mundos” está comisariada polo historiador Antoni Nicolau e o arqueólogo Rafael Rodríguez e reúne máis de medio cento de obxectos arqueolóxicos, acompañados doutros materiais, como proxeccións ou ilustracións arqueolóxicas, que tratan de achegar a realidade de Galicia durante o período comprendido entre o crepúsculo da Idade de Bronce (1500-800 antes da nosa era) e o século VI e amosar o nexo de unión e de confluencia cultural entre dous mundos, o Atlántico e o Mediterráneo. Amais, a mostra ofrece información sobre algúns dos xacementos da provincia, entre eles os da Cabeciña, Penalba, A Lanzada, Santa Trega, Monte do Castro, Castro de Alobre e Castrolandín, Monte do Facho, a vila romana de Toralla e Salinas de Vigo ou Adro Vello. As fotografías e vídeos expostas permiten coñecer estes xacementos e valorar a paisaxe arqueolóxica da provincia para amosar os cambios e as continuidades que se producen durante o devandito período. A exposición enmárcase no programa integral que está a desenvolver a Deputación para a posta en valor dos xacementos galaico-romanos da provincia mediante unha estratexia de promoción turística.

Con esta mostra, a Deputación de Pontevedra conmemorou amais o 124 aniversario da Sociedade Arqueolóxica, o xerme do Museo de Pontevedra, que no pasado 2019 cumpriu 90 anos aberto ao público.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies