Inicio Alto Minho Tomiño e Cerveira promoven de forma conxunta as súas axendas culturais de...

Tomiño e Cerveira promoven de forma conxunta as súas axendas culturais de Primavera

Tomiño e Cerveira promoven de forma conxunta as súas axendas culturais de PrimaveraMáis de 60 propostas culturais, sociais e deportivas, que tomiñeses e cerveirenses poderán desfrutar dun ou doutro lado da fronteira

Por primeira vez os municipios fronteirizos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira veñen de editar axendas de primavera que comparten similitudes no deseño e tamaño, incluíndo asemade, contidos compartidos, con actos que se celebran ao outro lado da Raia.

Ademais das actividades organizadas como Eurocidade, os dous municipios publican nas súas axendas trimestrais, as principais actividades culturais programadas no concello veciño. A decisión, adoptada no último Consello de Xestión Estratéxica, pretende profundar no intercambio entre as poboacións fronteirizas aumentando a oferta dispoñíbel.

A Eurocidade xa ten unha longa traxectoria de programación conxunta de actividades, como todas as derivadas do Orzamento Participativo Transfronteirizo, as iniciativas das valedoras, o desfrute de servizos e equipamentos deportivos (como a piscina de Cerveira ou as iniciativas de dinamización da economía local transfronteiriza no ámbito do turismo ou dos viveiros. “Quérese agora facilitar o acceso de ambas as dúas poboacións a unha máis ampla oferta cultural, divulgando en cada concello as principais actuacións programadas polo municipio veciño”, explican os responsables municipais.

Así, nas respectivas axendas culturais publicadas nestes días, para os primeiros meses do ano, atopamos nas páxinas centrais senllos apartados titulados “Acontece en…”. Concretamente, os actos que aparecen na axenda de Cerveira son a Semana da Educación de Tomiño (10 ao 13 de febreiro en Goián); a XVII Mostra de Cultivos (13 a 15 de marzo en Goián), e os desfiles de Entroido “Venres de Foliada” (21 de febreiro en Tomiño) e Entroido de Goián (do 22 ao 26 de febreiro).

Asemade, na axenda editada polo Concello de Tomiño, aparecen actividades tales coma a II Exposição de Camélias de Inverno de Cerveira (8 e 9 de febreiro), organizada pola Câmara Municipal e a Associação Cultural Convento de San Payo, no Salão Multiusos do Cineteatro de Vila Nova de Cerveira (Factory), e os sábados do mes de marzo: ETC…ENCONTROS DE TEATRO DE CERVEIRA, con comedia e humor. Cine teatro de Cerveira, ás 21h30 (hora local).

Todas estas actividades son de balde e para todos os públicos.

Por outra banda, os ciclos de música “O Son da Praza”, e “Cine na rúa”, ambos os dous en Tomiño, traerán espectáculo e colorido á Praza do Seixo, situada no centro da vila, ao longo de todo o verán, con concertos de música variada, gaitas, música de banda, baile tradicional galego, cine familiar e infantil, etc.

Esta axenda está a distribuírse en lugares concorridos co propósito de difundir as actividades e facer chegar o programa a todos os veciños e veciñas da vila, aínda que tamén pode consultarse na Web do Concello (http://tomino.gal).

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies