spot_img
InicioAlto Minho25 aniversario da eliminación das fronteiras europeas

25 aniversario da eliminación das fronteiras europeas

O 26 de marzo de 1995 entraba en vigor o Tratado de Schengen, e nacía unha Europa sen fronteiras onde a libre circulación de persoas e mercadorías quedaba permitida.

Con tal motivo compartimos o comunicado do director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez Fernández e do vice director, João Fernando Brito Nogueira, ao respecto da actual situación de peche de fronteiras debido á expansión da pandemia do COVID19 e o do 25 aniversario do Tratado de Schengen, que se celebra hoxe.

Galicia e Portugal, hoxe máis que nunca, unidos de corazón no 25 aniversario da eliminación das fronteiras europeas
  • “Precisamente cando se conmemoran 25 anos daquel feito histórico, vemos como a terrible expansión da pandemia do COVID19 obrigou aos diferentes estados da Unión Europea a tomar unha decisión sen precedentes, reconstruír as vellas fronteiras que dividiron os seus pobos durante séculos.
    A situación excepcional na que nos atopamos pon de manifesto a importancia e a interrelación dos territorios transfronterizos como é o caso do Río Miño, o paso fronteirizo máis poboado entre España e Portugal e o máis transitado da península Ibérica, así como as enormes consecuencias que supón para estes enclaves a recuperación das vellas fronteiras.
    Ademais do confinamento que vive toda a poboación, tanto galega como portuguesa, o territorio transfronteirizo do Río Miño está a sufrir un dobre golpe. Pechar as fronteiras é unha decisión que se toma dende os gobernos centrais de cada un dos estados, moitas veces ignorando a realidade e o día a día dos territorios transfronteirizos, onde a vida se desenvolve en común entre unha beira e outra do río.
    Exemplo disto é a complicada situación dos traballadores e traballadoras transfronteirizos que deben facer fronte a maiores restricións á hora de desprazarse para realizar tarefas imprescindibles ou percorrer decenas de quilómetros para achegarse ao único paso que quedou aberto tras o peche das outras pontes internacionais, unha decisión que se cadra debería ser reconsiderada.
    Con todo, este é un momento para a solidariedade e a cooperación entre Estados pero tamén para a responsabilidade cidadá. É necesario que polo ben de todos e todas fiquemos nas nosas casas ata que o perigo do contaxio estea superado. Hoxe, máis que nunca, Galiza e Portugal están unidos de corazón para facer fronte a adversidade.
    Dende o AECT Rio Minho seguiremos traballando por mellorar a calidade de vida das persoas que viven no territorio transfronteirizo e loitando por unha Europa dos pobos, sen fronteiras, unida e forte, onde as políticas de cooperación, saúde e benestar sexan sempre unha prioridade.”
- Publicidade -spot_img