spot_img
InicioVal MiñorBaionaZona Franca pon en marcha un novo espazo para o emprendemento e...

Zona Franca pon en marcha un novo espazo para o emprendemento e recupera ‘A Casa do Reloxo’ un edificio emblemático para Baiona

zona-franca-pon-en-marcha-un-novo-espazo-para-o-emprendemento-e-recupera-a-casa-do-reloxo-un-edificio-emblematico-para-baiona

Pedra, madeira e cristal son os materiais que se utilizaron na recuperación da ‘Casa do Reloxo’, un edificio histórico que con esta rehabilitación, e en pouco máis de tres meses, pasou de ser unha ruína para ofrecer en Baiona seis oficinas e 38 postos de traballo nun espazo común, salas de reunións e servizos de técnicos de apoio para a creación de empresas.

No acto de inauguración que se levou a cabo esta mañá, tanto a Delegada de Zona Franca, Teresa Pedrosa, como o director xeral do Incyde, Javier Collado, e o Alcalde de Baiona, Angel Rodal fixeron fincapé na calidade desta obra e no tempo récord no que se realizou grazas á colaboración institucional e ao empeño das tres institucións en ofrecer as mellores instalacións e o mellor servizo de proximidade para facilitar aos emprendedores os primeiros anos de vida do seu proxecto.

Segundo explicou Teresa Pedrosa, neste novo viveiro poderán optar a instalarse empresarios autónomos ou pemes que teñan como máximo unha antigüidade de 42 meses desde a súa alta fiscal e, no proceso de selección de proxectos, os técnicos do Consorcio valorarán que se trate de iniciativas vinculadas ao sector turístico, marítimo ou actividades lúdico-deportivas; que o equipo promotor teña as capacidades suficientes para desenvolver correctamente o proxecto de empresa que presenta, ou ben, que se trate de iniciativas de carácter innovador e dun modelo de negocio escalable. Tamén se valorarán a xeración de emprego cualificado e a aqueles proxectos que contribúan á dinamización do tecido empresarial da contorna.

Neste viveiro, que o Consorcio realizou con fondos FEDER canalizados a través da Fundación Incyde, o concello de Baiona facilitará un técnico de emprego que atenderá aos interesados en iniciar aquí a súa empresa en coordinación co persoal do Consorcio que, desde Porto do Molle, encárgase dos programas de emprendemento.

Ao termo da inauguración, Angel Rodal leu unha carta do anterior alcalde e hoxe conselleiro de Sanidade, Váquez Almuiña quen fai un ano iniciou este proxecto coa Delegada do Consorcio. Pedrosa agradeceu especialmente o traballo de Vázquez Almuiña e tamén o empeño do director territorial da Tesourería Xeral da Seguridade Social, Ramón Benito Branco, que fixo posible que se traspasase ágilmente este edificio ao Consorcio.

Cun investimento na obra de 950.000 euros, este viveiro é o terceiro centro destas características que o Consorcio da Zona Franca pon en marcha na provincia e a súa rehabilitación conseguiu devolver a Baiona un edificio emblemático de 433 metros cadrados que se distribúen en 212 metros cadrados de superficie para a planta baixa onde se sitúan os servizos de recepción, unha área de coworking de 100 metros cadrados e dúas salas de reunións; e en planta alta, en 211 m2 que acollen a seis oficinas de entre 16 e 19 metros cadrados. A combinación de materiais de calidade e a utilización de medidas de bioconstrucción como calefacción por geotermia, chan radiante e aproveitamento da luz natural, deron como resultado un interior moderno pensado por e para o confort as persoas que alí traballen.

Os viveiros do Consorcio da Zona Franca favorecen as condicións de arranque e consolidación de novos proxectos empresariais poñendo a disposición dos emprendedores servizos de asesoría e aloxamento con todas as instalacións necesarias para comezar a actividade a prezos inferiores aos de mercado. Polo prestixio e os premios obtidos, as empresas instaladas nos viveiros do Consorcio suman á súa imaxe corporativa unha ‘Marca de Valor’.

A Delegada de Zona Franca, Teresa Pedrosa, o Director Xeral do Incyde, Javier Collado e o Alcalde de Baiona, Angel Rodal asinaron nunha placa conmemorativa
A Delegada de Zona Franca, Teresa Pedrosa, o Director Xeral do Incyde, Javier Collado e o Alcalde de Baiona, Angel Rodal asinaron nunha placa conmemorativa

 

- Publicidade -spot_img