spot_img
InicioVigo e áreaVigoZona Franca e a Universidade de Vigo asinan un novo acordo da...

Zona Franca e a Universidade de Vigo asinan un novo acordo da Cátedra ARDÁN para estudar o impacto do factor humano nas empresas

Zona Franca e a Universidade de Vigo asinan un novo acordo da Cátedra ARDÁN para estudar o impacto do factor humano nas empresasComo resultado da firma que realizaron hoxe o Reitor, Manuel Reigosa, e o Delegado, David Regades, o sistema de información empresarial ARDÁN realizará, a partir de hoxe, novas investigacións centradas no factor humano dentro das organizacións, tales como o deseño dunha nova metodoloxía sobre “Xestión do talento” e o desenvolvemento dunha ferramenta online baseada no indicador de “Igualdade de Xénero” que permitirá ás organizacións establecer pautas para a súa mellora.

Durante a firma do novo convenio coa Universidade de Vigo da Cátedra Ardán púxose de relevo que para a Zona Franca é estratéxico potenciar o estudo do factor humano dentro das investigacións e sumalo a outras pancas da competitividade empresarial como son a innovación, a internacionalización ou o emprendemento.

Sobre este novo foco dos traballos Regades comentou que “estas novas investigacións céntranse no factor humano dentro das organizacións porque hoxe, máis que nunca, as persoas son o elemento determinante e diferencial na sustentabilidade a longo prazo das compañías”.

Deste xeito, o novo indicador “Xestión do Talento” permitirá avaliar os procesos dentro da empresa para atraer, formar, capacitar, motivar e reter talento. Aquelas empresas coas mellores puntuacións serán as que obterán o Indicador ARDÁN de xestión excelente do talento. Deseñar unha ferramenta online, baseada na composición do Indicador de Igualdade de Xénero que desde hai dous anos estuda as diferenzas no emprego e os salarios de homes e mulleres dentro das compañías galegas, permitirá ás empresas coñecer e tomar referencias sobre a súa situación nesta dimensión e establecer pautas para a mellora.

O Reitor resaltou o alto nivel dos equipos de investigación incluídos na Cátedra pertencentes ao grupo ECOBAS, un equipo de catro catedráticos e outros quince prestixiosos investigadores de quen Reigosa dixo que formaban a mellor agrupación estratéxica de Galicia que está a sentar xa as bases para captar talento foráneo.

A Cátedra ARDÁN naceu en 2018 como marco de desenvolvemento dun interese mutuo e alto grao de complementariedade entre a Zona Franca e a Universidade de Vigo para a elaboración de instrumentos que permitan medir e establecer referencias sobre o desempeño por parte do tecido empresarial galego en factores directamente relacionados coa competitividade.

Os traballos relacionados con esta Cátedra ARDÁN teñen unha ampla difusión e aceptación no tecido empresarial de Galicia, así como un importante impacto mediático e os seus últimos indicadores e estudos elaborados dentro do marco da Cátedra abordaron dimensións relacionadas coa incorporación nas estratexias empresariais da satisfacción dos seus grupos de interese e relacionadas directamente coa súa dimensión social (igualdade de xénero, economía circular, salarios de eficiencia…), factores crave para a sustentabilidade da empresa no longo prazo.

Hoxe tamén se fixo público que en marzo se presentará a Clasificación de Empresas Intelixentes de Galicia, coa publicación da listaxe de empresas que son capaces de combinar dunha forma eficiente a súa capacidade actual para a creación de valor cun modelo de negocio capaz de xerar no futuro un crecemento económico sustentable e inclusivo.

- Publicidade -spot_img