David Regades destacou que “este plan pretende ser un dos piares para o crecemento económico da provincia e por iso é prioritario contar co consenso e opinións de axentes e concellos”
Zona Franca de Vigo analizou con axentes sociais e económicos de Pontevedra os sectores de turismo, emprendemento, “smart city” e internacionalización, no terceiro workshop do Plan estratéxico da provincia. Tras as reunións de Tui e Salnés-Caldas hai unhas semanas, chegou a quenda da mesa de traballo de Pontevedra, para completar a análise coas súas achegas.
En Pontevedra reuníronse nunha mesa de traballo a Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa da Provincia de Pontevedra (Aempe), a Federación provincial de empresarios de hostalería de Pontevedra (Feprohos), o Foro Empresa Pontevedra, Aje Pontevedra, GALP-Ría de Pontevedra, Albergue de Peregrinos “Virxe Peregrina” e Promoción e Xestión Cultural Trisquelia. O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, destacou que “este plan pretende ser un dos piares para o crecemento económico da provincia e por iso é prioritario contar co consenso e opinión de axentes e concellos. Así que, na elaboración deste plan, están a participar ademais das administracións municipais, os axentes sociais, as principais entidades empresariais e o tecido empresarial”.
Ao workshop asistiron así mesmo os concelleiros pontevedreses Tino Fernández, Gloria Blanco e Iván Pontes, e tamén o concelleiro de Poio Gregorio Agís. Neste sentido Tino Fernández agradeceu a Zona Franca a iniciativa e subliñou que “na reunión puxéronse sobre a mesa cuestiones importantes para o futuro de Pontevedra e a súa comarca”.
Previamente realizáronse entrevistas persoais a 35 axentes e realizouse a análise de 9 iniciativas de éxito que servirán como modelo. Agora a folla de roteiro continúa e trátase de focalizar e recoller ideas.
Estas mesas de traballo foron deseñadas para identificar liñas de traballo e proxectos que dean resposta aos retos demográficos, económicos e de desenvolvemento sostible aos que se enfronta a provincia. Ao longo das próximas semanas reuniranse mesas tamén en Silleda para a área de Tabeirós-Terra de Montes-Deza, en Moaña para a área Vigo-Morrazo e en Baiona para o estudo da área do Val Miñor.
As consultas aos axentes, complementa un diagnóstico global e pormenorizado por división económica no que se recolle a situación social e económica da provincia, así como as oportunidades e principais desafíos para os próximos anos. De todas estas achegas sairá un documento de liñas estratéxicas e posteriormente o plan operativo con accións concretas.




