A asociación ‘Vilas Mariñeiras’ presentou no recinto feiral IFEMA de Madrid, onde se está desenvolvendo FITUR (Feira Internacional de Turismo), a nova campaña de VILAS MARIÑEIRAS, CAERÁS NAS súas REDES no stand de Galicia.
A presentación desenvolveuse de forma moi emotiva, “valorando o traballo en equipo desde hai 20 anos como alicerce fundamental desta agrupación”, tal como expresou Ángel Rodal, alcalde de Baiona e presidente actual da Asociación Vilas Mariñeiras.
Vilas Mariñeiras é unha asociación supramunicipal composta actualmente por 6 municipios de 3 comunidades autónomas españolas localizadas no norte e noroeste de España, territorio que se estende desde a costa Atlántica, na parte máis occidental de España, ata a costa cantábrica. – Galicia: municipio de Baiona – Asturias: municipios de Ribadesella e Llanes – Cantabria: municipios de San Vicente de la Barquera, Santoña e Laredo
A Asociación de municipios turísticos Vilas Mariñeiras, desde a súa creación en 1998, o seu principal obxectivo foi o de poñer en valor e aproveitar os recursos marítimos e pesqueiros destes municipios para promocionar un turismo sustentable durante todo o ano. Os seis municipios que forman parte da asociación posúen un eixo común que os une neste obxectivo. Todos estes municipios posúen unha arraigada tradición mariñeira e o Camiño de Santiago, aspectos que constitúen os alicerces fundamentais e diferenciadores do destino. Vilas Mariñeiras aposta polas experiencias turísticas, a xeración de valor engadido así como por un turismo sustentable e de calidade. Desde 2017 ata 2019 está a levarse a cabo a execución do Plan Estratéxico de Vilas Mariñeiras baixo a presidencia do Alcalde de Baiona, Angel Rodal. Este Plan constitúe a folla de ruta a seguir para o incremento da competitividade do destino e mellora do posicionamento a nivel nacional e internacional.
A apertura da presentación foi realizada polo Delegado da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves, que remarcou o traballo e a constancia destes seis concellos por un obxectivo en común, o Turismo. A continuación, tomou a palabra o Presidente de Vilas Mariñeiras e alcalde de Baiona, Ángel Rodal, que manifestou o seu orgullo polo posicionamento dunha marca que representa a unión e a constancia.
A nova campaña de turismo de VILAS MARIÑEIRAS, CAERÁS NAS súas REDES consta de material promocional como folletos turísticos, unha guía para operadores turísticos, mapa turístico e vídeos. Trátase de material que servirá de apoio na accións de comercialización. Como colofón final o Presidente convidou a subir ao escenario ao resto dos representantes dos concellos de Vilas Mariñeiras para proceder á entrega do premio anual da asociación á actriz María Castro. O premio Vilas Mariñeiras é un galardón co que se premia a unha persoa ou institución cuxos valores se identifiquen cos valores que promove Vilas Mariñeiras e que defenda, exalte ou promova o patrimonio e os valores dos municipios que forman parte da asociación. Obxectivo principal desta acción é crear contido sobre a marca e conseguir un posicionamento desta a través de prescritores.
Ata o momento entregáronse dous premios, o primeiro ao xornalista Carlos Herrera no ano 2015, recibido en FITUR en xaneiro do 2016, premiando a divulgación que este xornalista fixo de Vilas Mariñeiras nos medios de comunicación, e o segundo a Iñaki Gabilondo, entregado no municipio de San Vicente de la Barquera en novembro do 2016. Nesta ocasión, o premio foi concedido a María Castro polo labor que realiza exaltando o patrimonio, tradicións e a excelencia da gastronomía das vilas mariñeiras. A actriz agradeceu o premio cunhas emotivas palabras e anunciou que durante os actos de celebración da súa voda, os invitados e os noivos farán labores de reforestación no monte arrasado polos incendios en Baiona “chegarei á miña voda coas uñas negras, pero o corazón contento” expresa emocionada María Castro. Finalizou o seu discurso cun “en Vilas Mariñeiras, si quero” manifestando así o seu amor por esta terra con arraigada tradición mariñeira.



