spot_img
InicioPontevedra e ÁreaViaGalicia financiará ata con 125.000 euros cada un dos 19 proxectos que...

ViaGalicia financiará ata con 125.000 euros cada un dos 19 proxectos que cheguen a converterse en empresas

Via Galicia 4

Arrinca a cuarta edición da aceleradora de empresas do Consorcio de Zona Franca e a Xunta de Galicia que albergará ata 19 proxectos. A innovación nos sectores tradicionais e o aeroespacial obxectivos desta edición.

Na presentación da cuarta edición da aceleradora de empresas de ViaGalicia que tivo lugar onte, os dous máximos responsables do proxecto, o conselleiro, Francisco Conde, e a delegada, Teresa Pedrosa, resaltaron que esta é a aceleradora de iniciativa pública máis potente de España xa que nesta edición van mobilizar ata 2.375.000 euros de financiamento entre préstamos participativos e achegas a fondo perdido. “Creo que está claro que desde a Xunta e o Consorcio apostamos forte por proxectos de alto risco e facémolo con plena consciencia de que esta é unha excelente maneira de diversificar o noso tecido empresarial e apostar pola economía de Galicia” dixo Pedrosa.

Pola súa banda, o conselleiro de Economía e Industria resaltou que ademais dos 15 proxectos de calquera sector que chegarán á fase de aceleración, esta convocatoria incorpora a novidade de sumar aos finalistas outras catro ideas de negocio do sector aeroespacial “en liña” dixo “coa estratexia da Xunta de impulsar un novo polo industrial e de desenvolvemento tecnolóxico que repartirá a súa actividade de transferencia de tecnoloxía entre as instalacións do Aeródromo de Rozas e as que a Zona Franca de Vigo ten en Porto do Molle onde finalmente instalaranse estes catro proxectos”.

comillasViaGalicia é un programa promovido polo Consorcio Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia, cuxo obxectivo é a aceleración de empresas innovadoras e invertibles. Das tres edicións anteriores o resultado é que finalizados o programa chegáronse a constituír 35 empresas que xeraron 111 postos de traballo e seguen aumentando.

Pedrosa recalcou que este é un proxecto que foi crecendo en cada edición “naceu como unha idea do Consorcio e na primeira edición déronse 50.000 euros de financiamento a 10 proxectos; coa incorporación da Xunta na segunda edición aumentouse a achega a estes importantes 125.000 euros; na terceira edición ampliouse o territorio e o número de proxectos acelerados que chegaron a ser 15 e nesta cuarta edición, coa incorporación de catro específicos do sector aeroespacial, os proxectos acelerados serán 19”.

Via Galicia 4

Como explicou a directora de promoción económica do Consorcio, Rosa Eguizábal, para dar facilidades a emprendedores do norte e do sur nesta 4ª Edición habilitaranse dúas sedes unha en Vigo e outra en Lugo ata a fase de aceleración, que se celebrará de forma conxunta nas instalacións do Centro de Negocios de Porto do Molle en Nigrán.

Este é un programa de 18 meses de duración que combina, baixo a supervisión dun equipo de expertos, formación, tutorización, mentoring, espazo de traballo en coworking e financiamento, co fin de poder validar e conseguir que un proxecto chegue a ser empresa nun curto espazo de tempo. Durante as diferentes fases, avalíanse os progresos dos equipos participantes coa finalidade de que os mellores proxectos cheguen a ser novas empresas que consigan o apoio de investidores privados e socios industriais.

Teresa Pedrosa animou á máxima participación nesta convocatoria que ten de prazo de inscrición ata o 15 de xullo a través da páxina web viagalicia.gal para que non quede ningunha idea no tinteiro xa que esta é unha gran oportunidade “propicia ao emprendemento, no que todos os axentes sociais relacionados coordinámonos para que o clima sempre sexa favorable ao desenvolvemento de novos proxectos que contribúan á dinamización do tecido empresarial”.

Presentavión Via GaliciaO prazo de inscrición de ideas estará aberto ata o 15 de xullo

Nesta edición, como novidade, dixo Francisco Conde “os proxectos vinculados a tecnoloxías dixitais de implantación na Industria 4.0 contarán ademais co apoio desde CIS Galicia (Ferrol) que poñerá á súa disposición recursos, instalacións e equipamentos para o desenvolvemento de habilitadores dixitais específicos que lles permitan avanzar cara a unha industria conectada, intelixente, eficiente e sustentable”.

Outra novidade desta edición é a incorporación dun máximo de 4 proxectos vinculados ao sector tecnolóxico aeroespacial que serán seleccionados para acceder á fase de aceleración. Esta ampliación nace dentro da colaboración que a Xunta de Galicia e o Consorcio da Zona Franca de Vigo están a realizar para o apoio e consolidación do sector Aeroespacial en Galicia.

- Publicidade -spot_img