spot_img
InicioO SalnésArousaVero Rilo e Sonsoles Penadique poñen o broche en Soutomaior á programación...

Vero Rilo e Sonsoles Penadique poñen o broche en Soutomaior á programación de “Re-acción nos Castelos”

deputacion-e-concello-de-soutomaior-unidos-para-valorizar-o-castelo
Castelo de Soutomaior

Vero Rilo e Sonsoles Penadique porán este xoves 17 en Soutomaior o broche á programación de “Re-acción nos Castelos” co seu espectáculo “O pozos das señoras”

A Deputación de Pontevedra continúa a súa aposta pola reactivación cultural na provincia e nesta semana ten programadas cinco novas actividades, que inclúen ata o próximo domingo tres actuacións musicais amais dos Roteiros Literarios e as Rutas de Arquitectura. A programación chegará deste xeito aos concellos de Soutomaior, Baiona, Vilagarcía, As Neves e Cerdedo-Cotobade.

A institución provincial desenvolverá ata o domingo actividades nos concellos de Soutomaior, Baiona, Vilagarcía, As Neves e Cerdedo-Cotobade

 

Este xoves 17 de setembro o programa “Re-acción nos castelos” despídese coa última das actuacións previstas a cargo de Vero Rilo e Sonsoles Penadique, con todas as prazas esgotadas. Porán en escena o seu espectáculo “O pozo das señoras” no Castelo de Soutomaior a partir das 19 horas (en caso de choiva, a actuación celebrarase na carpa interior do recinto). As dúas artistas falarán de historias sorprendentes protagonizadas por mulleres e fiadas por pequenas correntes de auga e emocións, contadas por Vero Rilo e acompañadas da música de Sonsoles Penadique.

Baiona e As Neves

Doutra banda, o programa “Música no Ar” inclúe esta semana dous concertos en Baiona e As Neves. En concreto, Baiona acollerá este venres 18 a actuación do Cuarteto de Corda da Orquestra 430 de Vigo, que terá lugar ás 19 horas nos Xardíns do Arquivo Histórico e Biblioteca Pública (trasladarase en caso de choiva ao Auditorio V Centenario), mentres que no concello de As Neves intervirá o sábado 19 a Sección de Percusión da Orquestra Clásica de Vigo, ás 19 horas, na Área Recreativa de Santa (na nova Casa de Música se chove).

 

Os Roteiros Literarios e os de Arquitectura toman o relevo na programación “Re-Acción Cultural” da Deputación de Pontevedra

 

Vilagarcía e Cambados

Polo demais, o sábado 19 terá lugar o Roteiro de Arquitectura polo Salnés, guiado pola doutora en Historia da Arte Paula Pita. Hai que lembrar que este programa de rutas, que a institución provincial organiza xunto á Academia Galega de Belas Artes, ofrece ás e aos participantes a posibilidade de achegarse ao arte barroco da provincia a través de monumentos e construcións emblemáticas. Neste paseo, que arrancará no Pazo de Rubiáns en Vilagarcía (10 horas), as persoas visitarán tamén o templo parroquial de Santiago do Carril e o Pazo de Fefiñáns en Cambados.

Cerdedo-Cotobade

Finalmente, o domingo 20 de setembro celebrarase o segundo dos Roteiros Literarios que a Deputación organiza en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Neste caso, o profesor Calros Solla guiará esta ruta literaria e etnográfica que esta fin de semana se achega ao concello de Cerdedo-Cotobade, con punto de partida na praza da Igrexa de Cerdedo ás 11 horas.

- Publicidade -spot_img