spot_img
InicioCondado ParadantaValoración positiva en Salceda da primeira semana de apertura comercial

Valoración positiva en Salceda da primeira semana de apertura comercial

Valoración positiva en Salceda da primeira semana de apertura comercialO Concello de Salceda de Caselas, xunto coas dúas asociacións de comerciantes existentes no municipio, veñen de facer unha valoración positiva da primeira semana de apertura de comercio minorista e terrazas.

O maior movemento notouse, sen dúbida, no casco urbano, pero noutras zonas comerciais como a da Tabernanova tamén se empeza a notar esa volta á nova normalidade pouco a pouco.

Durante esta primeira semana volveron a abrir as súas portas en torno a un 90% dos comercios minoristas de Salceda que permanecían pechados, e que se suman deste xeito aos comercios considerados de primeira necesidade que mantiveron abertas as súas portas dende o inicio da crise: supermercados, froiterías, droguerías, etc.

Destacou sen dúbida, nesta primeira semana, a intensa actividade que tiveron os salóns de perruquería e estética, todos eles cumprindo e facendo cumprir as máis estritas medidas de seguridade, que foron acollidas con total normalidade e comprensión por parte da clientela.

En canto ás terrazas, inicialmente abriron en torno a un 60% das existentes no municipio, aínda que esa cifra foi aumentando segundo avanzaba a semana e chegaba o bo tempo, ata situarse en torno ao 70%. Sen dúbida este está a ser o sector que carrexa máis preocupación ao comité de seguimento do COVID 19, incidindo dende o mesmo na enorme importancia de que a veciñanza siga a manter a distancia física de seguridade e as medidas de hixiene precisas, e que por parte do sector hostaleiro se incida sobre a súa clientela para que así sexa, pois a posibilidade de desfrutar das terrazas está levando consigo en moitas ocasións que as persoas se esquezan por momentos de que segue a ser máis importante que nunca manter as medidas de seguridade.

A hostalería conta co apoio do Concello, que tendo en conta as limitacións coas que van a seguir contando as terrazas durante moito tempo, veñen de adoptar o acordo de eximir ao sector de pagar a taxa de terrazas durante o que resta de ano, e que ven a sumarse ás demais medidas adoptadas no Plan de medidas económicas aprobado o 25 de Marzo, 11 días despois de decretarse o estado de alarma: suspensión e aprazamento dalgunhas taxas, posta en marcha dunha plataforma online, servizo de asesoramento directo a persoas autónomas, campañas de apoio ao comercio, etc…, así como a posta en marcha da campaña “o teu comercio de sempre, con toda a seguridade” que luce na maioría do comercio de Salceda. Tamén ACISA traballa en iniciativas de fomento do comercio local que verán a luz nos vindeiros días.

Verónica Tourón, Concelleira de Comercio: “o comercio está a realizar unha volta ao traballo de xeito organizado e sen incidencias, sabendo adaptarse ás novas necesidades e á nova realidade que se está a instaurar, polo que dende o Concello non podemos máis que felicitar o seu bo traballo”

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Nesta nova fase faise máis importante que nunca seguir apelando á responsabilidade individual das persoas. Rematamos a fase 0 con un total de 10 casos en Salceda, e é un moi bo dato que só é posible manter se actuamos con conciencia e precaución”.

- Publicidade -spot_img