
Fomentar o transporte público, prohibir os voos curtos e limitar os coches contaminantes, entre as medidas que Greenpeace detalla no seu último informe europeo para descarbonizar o transporte no ano 2040
Utilizar o coche para evitar o contaxio é un risco moito peor que o virus. É a contundente mensaxe que lanza Greenpeace con motivo do ‘Día Internacional Sen Coches’, que se celebra mañá martes. Unha xornada que lembra os perigos que o abuso do automóbil implica en materia de contaminación, accidentes e equidade social, e que pon peche á Semana Europea da Mobilidade.
Greenpeace advirte de que o medo ao contaxio provocou que a recuperación do tráfico rodado fose moito máis rápida que a do transporte público e lembra que a contaminación atmosférica supón máis de 35.000 mortes prematuras ao ano en España, segundo a Axencia Europea de Medio Ambiente. Por este motivo, a organización ecoloxista demanda ás administracións máis medidas para evitar os picos de contaminación que agravan a incidencia e letalidade das enfermidades respiratorias, incluíndo a COVID-19.
Unha guía para descarbonizar a mobilidade en 2040
Para axudar aos xestores públicos nesta tarefa, esta semana Greenpeace presentou o seu informe europeo ‘Transforma o Transporte’, unha completa análise elaborada durante máis dun ano de traballo por parte de consultores independentes. Nel analízanse as medidas necesarias para cumprir cos obxectivos climáticos en todos os ámbitos da mobilidade (urbana e interurbana, viaxeiros e mercadorías) e para todos os modos: tráfico rodado, ferroviario, marítimo e aéreo.
Fomentar o transporte público, prohibir os voos curtos e limitar os coches contaminantes, entre as medidas que Greenpeace detalla no seu último informe europeo para descarbonizar o transporte no ano 2040
Entre o conxunto de medidas que demanda a organización ecoloxista, #priorizar as que reducen a necesidade de desprazarse, como o teletraballo e o comercio de proximidade. Tamén se propoñen políticas para fomentar o cambio cara a modos de transporte máis sostibles, como o transporte público, e limitar os voos curtos en favor do tren. Por último, analízanse as melloras tecnolóxicas no transporte, como a electrificación do automóbil e a necesidade de acabar coa venda de vehículos diésel e gasolina antes do ano 2028.
“Reducir o uso do coche non só ten beneficios inmediatos na calidade do aire e os accidentes de tráfico, senón que tamén é imprescindible para frear as emisións que provocan a actual crise climática”, sinala Adrián Fernández, responsable da campaña de mobilidade de Greenpeace, quen engade que “os gobernos e administracións han de ser valentes para transformar o modelo de transporte, por máis que a industria do automóbil e do petróleo non deixen de poñer dificultades para manter os seus beneficios”.
O informe ‘Transforma o Transporte’ chega ás portas da elaboración da Lei de Movilidad e Financiamento do Transporte Público, ferramenta imprescindible para regular e dirixir o novo sistema de mobilidade tras a pandemia.
“Reclama a rúa” en 12 cidades
Para pedir este cambio de modelo, grupos de voluntariado de Greenpeace saíron ás rúas de 12 cidades durante os últimos días para, a través de letras, representar mensaxes como TRANSFORMA O TRANSPORTE e RECLAMA A RÚA e convidar á cidadanía para reflexionar sobre o uso do espazo público, ocupado na súa maioría polo vehículo privado. As medidas de seguridade fronte á COVID-19 puxeron en valor a necesidade de dispoñer de espazos peonís amplos e confortables, onde poder camiñar de forma segura mantendo as distancias de seguridade.
Semana da Mobilidade Esta fin de semana en Vigo o voluntariado presentou mediante letras portadas por activistas en rúas representativas as mensaxes “Transforma/Transporte” e “Reclama a rúa” para convidar á cidadanía para reflexionar sobre o uso das rúas, cuxo espazo acapara masivamente o vehículo privado.
Outra actividade levada a cabo polo voluntariado de Greenpeace foi o ‘Aparcadoiro Day’ en lugares como como Pamplona, Barcelona, Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) ou Leganés (Madrid). Durante unhas horas, as prazas de aparcamento deixaron o seu espazo para usos máis produtivos como bancos e xardíns. Con esta actividade, Greenpeace denuncia o espazo que acaparan os coches na cidade, en especial os coches aparcados, que permanecen inactivos máis do 95% da súa vida útil impedindo utilizar as rúas ao resto das persoas que viven na zona, teñan ou non coche propio.



