spot_img
InicioVal MiñorNigránNigrán acometerá unha nova fase da excavación do Castro de Chandebrito para...

Nigrán acometerá unha nova fase da excavación do Castro de Chandebrito para consolidar o recinto amurallado primixenio

Esta intervención sumaríase á musealización ao aire libre de 58 metros cadrados de terreo escavados o ano pasado, sendo o obxectivo final do goberno local exhumar a totalidade do recinto en sucesivas actuacións

O Concello de Nigrán e a Comunidade de Montes de Chandebrito continuarán coa escavación e musealización do Castro de Chandebrito acometendo traballos para conservar, consolidar e restaurar a muralla superior do primeiro recinto, datada no VIII a.C. Con este obxectivo o Concello tramitou xa unha subvención por importe de 13.000 € á Deputación de Pontevedra destinada á rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural. O goberno local continúa deste xeito os traballos de escavación que iniciou no 2019 a través da cooperativa Árbore Arqueoloxía coa meta de situar este Castro como referente etnográfico en toda Galicia.

Esta segunda actuación, conforme á propia autorización de Patrimonio e e tamén a cargo de Árbore, suporá restaurar un tramo de aproximadamente 110 metros cadrados de muralla localizados na terraza superior e que quedaron parcialmente á vista nas escavacións promovidas desde o Concello o ano pasado en 58 metros cadrados onde se atoparon tres construccións diferentes e outras dúas murallas a maiores. “Pedimos esta subvención para consolidar a muralla máis antiga, a primixenia, pero non descartamos máis actuacións complementarias neste ano e o vindeiro, o potencial é enorme e non queremos desaproveitalo”, indica Juan González, alcalde de Nigrán, quen incide que o obxectivo final é musealizar ao aire libre toda a cima do Castro mediante sucesivas actuacións. “Estamos máis que satisfeitos cos traballos desenvolvidos por Árbore no 2019, grazas a eles temos un claro camiño a seguir para ir descubrindo paso a paso esta cima”, incide González.

Entre os achados documentados destacan miles de fragmentos de cerámica de diferentes periodos históricos, o que sitúa a Chandebrito como un referente etnográfico de toda Galicia

O Castro de Chandebrito foi oficialmente escavado no 2008 nunha pequena intervención que permitiu situalo como habitado entre os séculos VI a.C ao II a.C, sen embargo, a nova investigación realizada no 2019 por Árbore Arqueoloxía a instancias do Concello de Nigrán amplía a ocupación do VIII a.C ao I d.C. É dicir, ten a súa orixe a finais da Idade de Bronce, nos inicios da cultura castrexa que tres séculos máis tarde se espallaría por toda Galicia dando lugar á maioría dos asentamentos coñecidos. Así o certifican as decenas de pezas atopadas (fusos de fío, lá e liño, pedras de afiar, pezas de metal, unha conta púnica…) e os miles de fragmentos de cerámica de diferentes épocas da Historia e moi ben conservadas, algunhas delas con decoración profusa (apareceron desde ánforas romanas ou fenicias que certifican o comercio dos habitantes de Chandebrito cos pobos mediterráneos a cerámica propiamente castrexa). “Esta nova escavación quedará totalmente á vista, polo que dará unha idea clara ao visitante de como era o Castro na súa orixe, que segundo os diferentes achados podemos situar no S. VIII”, explica Benito Vilas, un dos arqueólogos responsables.

“Estamos ante o gran tesouro patrimonial de Nigrán e da comarca. O potencial deste castro é maior do que xa se supoñía; dende o Concello seguiremos promovendo novas fases de escavación porque sabemos que este é o camiño para que sexa un referente etnográfico de toda Galicia”, destaca o alcalde, Juan González, quen incide en que, despois dos incendios, “todos comprendemos que a cultura, o respecto ao medio ambiente e a actividade económica deben ir sempre da man” por iso dende o goberno local se aposta por facer investimentos como a musealización deste espazo único con increíbles vistas á ría de Vigo ou a creación do primeiro parque forestal da comarca en terreos queimados das parroquias de Camos e Chandebrito.

- Publicidade -spot_img