spot_img
InicioVal MiñorNigránUnha nova asociación cultural nace en Nigrán: Lucenza-Ateneo

Unha nova asociación cultural nace en Nigrán: Lucenza-Ateneo

Unha nova asociación cultural nace en Nigrán Lucenza-AteneoLucenza – Ateneo de Nigrán botou a andar hai uns meses, a partir do sentir compartido dun grupo de veciñas e veciños das diferentes parroquias de Nigrán, que consideraron conveniente poñer en marcha unha entidade sociocultural que se centre en organizar actividades a nivel municipal para beneficio de toda a veciñanza.

O ateneo de Nigrán nace coa ilusión e co compromiso de convertirse nun espazo aberto, libre, plural e amigable, que dea cabida a todas aquelas persoas dispostas a cooperar, aportando o seu compromiso, o seu tempo, o seu coñecemento e as súas habilidades en beneficio da cultura, da xente e do territorio.

ACTO DE PRESENTACIÓN AO PÚBLICO

Lucenza-Ateneo de Nigrán realizou este venres 28 de xaneiro, no Auditorio municipal, a súa presentación pública, que contou cunha nutrida concorrencia de público

O acto estivo moi concurrido e nel se presentaron as liñas de traballo desta nova asociación.

Durante o acto o seu presidente, Xabier Méndez, e algunhas socias e socios da entidade, explicaron ao público os obxectivos da  asociación e as actividades que van desenvolver nos vindeiros meses.

Unha nova asociación cultural nace en Nigrán Lucenza-Ateneo

Houbo poesía e música de frauta e acordeón para acompañar o acto, que se aproveitou tamén para facer unha pequena homenaxe ao escritor Darío Xohán Cabana, recentemente falecido.

Obxectivos

Lucenza quere contribuir modestamente, como unha entidade máis do municipio, á dinamización sociocultural de Nigrán, ao reforzamento da súa axenda cultural e a superación de certas eivas que aínda neste ámbito continúanse a padecer no municipio.

Aínda que Lucenza foi fundada a comezos do pasado ano, en tempo de confinamentos e dificultades para desenvolver actividade pública, leva xa uns meses poñendo en marcha as súas primeiras iniciativas, como o programa de andainas guiadas polo territorio ou a posta en marcha do Clube de lectura “Compartindo libros”.

Lucenza continuará a desenvolver durante este ano que comeza novas iniciativas e actividades, principalmente centradas en asuntos como a difusión da historia local, o coñecemento do territorio, concienciación e defensa do patrimonio, o medio ambiente e a paisaxe;  a promoción da creación cultural e da cultura popular, actividades de lecer e socialización, a promoción do uso do galego,  a abordaxe de debates que afectan á nosa xente, e calquera outras accións que axuden ao fomento do coñecemento e do pensamento crítico e democrático na sociedade.

Para a difusión das súas actividades, Lucenza ten en marcha un perfil en Facebook (www.facebook.com/lucenzaateneonigran).

Para máis información poden escribir ao enderezo electrónico:lucenzainfo@gmail.com ou contactar no teléfono 669404562 co seu presidente, Xabier Méndez.

- Publicidade -spot_img