O proxecto do centro ACEESCA planea elaborar packs de peregrinos formados por unha botella isotérmica, camiseta, pulseira, mochila e cuncha, todo serigrafiado, para a súa venda nos albergues da zona
A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, visitou esta mañá o Centro de Educación Especial Aceesca do Porriño (Pontevedra) para coñecer unha das iniciativas galardoadas no Certame Cooperativismo no Ensino: A Cooperativa Escolar O Mistral: Iniciativa “Para unha vida sen límites”. Unha actividade merecedora do primeiro premio na segunda categoría deste certame que impulsa a Administración autonómica para promover entre o alumnado galego un modelo de emprendemento baseado no cooperativismo e fomento da economía social.
A proposta presentada por este centro pontevedrés coincide plenamente cos valores deste novo modelo de xestión máis solidario que propugna avanzar cara unha maior igualdade no emprego e que no caso concreto de ACEESCA se enmarca dentro do programa de transición á vida adulta do propio centro.
No referido á idea premiada, a cooperativa quere elaborar un pack de peregrino para vender nos albergues da zona dentro do Camiño Portugués, que incluiría unha botella isotérmica, camiseta, pulseira, mochila e cuncha (todo serigrafiado). Ademais, a iniciativa ten a intención de continuar o vindeiro curso coa fabricación dos packs e co traballo de campo para elaborar o plan de empresa.
Dentro do proxecto, o propio alumnado, con idades comprendidas entre os 14 e os 21 anos, participa como socios na cooperativa e elixen de forma democrática ao presidente, vicepresidente e secretario. Do mesmo xeito, realizaron os seus estatutos para establecer as responsabilidades dos integrantes e incluso pediron un préstamo de 150€ para devolver cando teñan beneficios.
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina 28.000€ ao Certame de Cooperativismo no Ensino para difundir entre o alumnado de todas as idades unha cultura emprendedora e con beneficios no resto da comunidade, como é a economía social. As iniciativas do cooperativismo teñen a capacidade para xerar emprego estable e, polo tanto, fixar poboación no medio rural. Ademais, a economía social antepón o beneficio social e colectivo ao económico e empresarial, favorecendo unha maior redistribución de recursos e democracia institucional.
O resto de galardóns do certame, promovido pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, recaeron noutros catro centros da provincia de Pontevedra en Cangas, Redondela, Vigo e Vila de Cruces; ademais de centros en A Coruña, Boiro (A Coruña) e Barreiros (Lugo).