spot_img
InicioPontevedra e ÁreaUnha gran festa no Auditorio Mar de Vigo acollerá a III Gala...

Unha gran festa no Auditorio Mar de Vigo acollerá a III Gala Anual de Turismo da Deputación de Pontevedra

o-auditorio-mar-de-vigo-acollera-a-gran-gala-de-presentacion-da-campana-de-turismo-rias-baixas-2017

A actriz Deborah Vukusic e o actor Carlos Blanco conducirán a Cerimonia na que 139 empresas do sector turístico da provincia recibirán o recoñecemento SICTED

Música, humor, sorpresas e “moito glamour” encherán este próximo martes, 12 de marzo, o Auditorio Mar en Vigo, no decurso da III Gran Gala de Turismo Rías Baixas que organiza a Deputación de Pontevedra. As 20.00 horas, a actriz Deborah Vukusic e o actor Carlos Blanco serán as primeiras persoas que cruzarán a alfombra vermella para conducir un evento que está organizado “ao máis puro estilo cinematográfico”, no que a Deputación presentará a campaña deste ano “Fame de Experiencias”, e no que 139 empresas do sector turístico das diferentes comarcas da provincia recibirán os recoñecementos SICTED, o selo que acredita a excelencia e profesionalidade.

A presidenta provincial, Carmela Silva subliñou que “estamos a falar da gran festa do turismo na provincia nun momento no que, ademais, estamos a ser o referente turístico en todo o estado”. “Esta Gala, dixo a presidenta, é o noso recoñecemento a todas e a todos os que apostan pola excelencia, a sustentabilidade e a vangarda do turismo do futuro que xa está aquí”.

A principal novidade da Gala deste ano será o nomeamento da primeira persoa que representará á provincia como “Embaixadora” ou “Embaixador” de Rías Baixas, elección que se dará a coñecer en sobre pechado no transcurso da cerimonia. A escolla foi realizada ao través da votación do sector turístico e institucións entre as propostas presentadas na Mesa do Turismo da provincia

Autoridades e representantes do mundo turístico, social, artístico e cultural da provincia asistirán ao evento que nomeará á primeira persoa “Embaixadora de Rías Baixas“

O alcalde de Vigo, como anfitrión, e alcaldes e alcaldesas da provincia xa confirmaron a súa presenza no Auditorio Mar de Vigo, amais de autoridades políticas e representantes do sector turístico, social, cultural e artístico da provincia de Pontevedra. Tamén, produtoras e produtores, protagonistas ese ano da campaña “Fame de Experiencias”, e varios chef Estrela Michelin estarán presentes no evento.

Esta terceira edición da Gala de Turismo, que será retransmitida en directo ao través da web  www.depo.gal e das redes sociais da Deputación de Pontevedra, contará coa actuación musical de Rosa Cedrón e do Grupo de Danza “Media Punta”.

- Publicidade -spot_img