spot_img
InicioBaixo MiñoSuministros Río Verde amosará na 16ª Mostra de Cultivos o primeiro sistema...

Suministros Río Verde amosará na 16ª Mostra de Cultivos o primeiro sistema de cultivo hidropónico de kiwi do mundo

Tomiño acollerá a primeira planta experimental do método HYDROP-TREE, desenvolvido por Vivisa, que permitirá cultivos máis ecolóxicos, un aforro de ata un 70% no uso de auga e produtos de maior calidade.

Innovar para seguir crecendo e ofrecer produtos de maior calidade. Ese é o obxectivo de Suministros&Instalaciones Río Verde, que amosará na 16ª Mostra de Cultivos do Baixo Miño un revolucionario método de cultivo para plantas plurianuais de porte leñoso. Ao acubillo da cuarta edición de acuBam Innovación, a empresa presentará ao público o método HYDROP-TREE, unha técnica pioneira desenvolvida por Vivisa na que por primeira vez no mundo se emprega un sistema hidropónico adaptado a plantacións de kiwi.

Experiencia piloto

O sistema HTDROP-TREE permitirá obter produtos de maior calidade a través de cultivos máis ecolóxicos e menos contaminantes: plantando o kiwi en canles e sobre substratos inertes, os fertilizantes van disoltos na auga coa que se rega o cultivo e non entran nunca en contacto coa terra. Ademais,   mediante un sistema de recirculación permanente da auga, que se sanea a través da ozonización e se recalibra para volver regar os cultivos, conséguese un aforro de ata un 70% dun recurso “que nalgunhas zonas é un ben escaso”.

O último chanzo do proceso márcanno os algoritmos desenvolvidos para manter unha renovación cíclica da plantaque asegure que o produción non se paralice en ningún momento. Porque se ben a hidroponía xa é unha técnica consolidada e empregada en entre o 15 e 20% das producións na zona do Mediterráneo, sempre se aplica a cultivos que non se manteñen plantados de forma permanente, senón que son de un só uso, como as leitugas. “Sabemos que aplicar este método a unha planta que vai durar entre 8 e 10 anos é complicado, pero o futuro da alimentación da planta pasa pola hidroponía”, salienta Vicente Villar, ideólogo do método e coordinador do proxecto.


Vicente Villar, ideólogo do método e coordinador do proxecto

Ademais de aumentar a producióndun xeito importante, o método HYDROP-TREE permitirá mellorar o produto final e a conservación do froito ao controlar de forma moi exacta os nutrientes.

Esta experiencia piloto porase en marcha por primeira vez en Tomiño e terá unha duración mínima de tres anos, momento no que “xa poderemos detectar se hai problemas graves de posibilidade ou imposibilidade de implantación deste sistema. Unha vez chegados aos cinco anos xa podemos dicir que se trata dun método consolidado que se pode aplicar a outras plantas plurianuais de porte leñoso”. 

acuBam Innovación

Suministros&Instalaciones Río Verde presentará este método pioneiro de cultivo dentro da cuarta edición acuBam Innovación, un espazo dentro da Mostra de Cultivos do Baixo Miño aberto ás entidades ligadas ao sector agrario do Baixo Miño que xurde co obxectivo de recoñecer o grao de innovación aplicado nos seus servizos ou produtos.

Entre o 15 e o 17 de marzo, no pavillón de Goián amosaranse ata nove ‘agro-innovacións’ distintas, que van dende novos cultivos ou plantas ornamentais ata a recuperación de materias primas, maquinaria, sistemas de rego ou de clasificación de froitos ou métodos de control de pragas.

- Publicidade -spot_img