Inicio Pontevedra Unha cátedra feminista para 'hackear' o patriarcado e colorear de lila os...

Unha cátedra feminista para ‘hackear’ o patriarcado e colorear de lila os contidos dixitais

Unha cátedra feminista para 'hackear' o patriarcado e colorear de lila os contidos dixitais A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo dan un paso máis pola igualdade e presentan a cátedra “Feminismos 4,0”

Evitar que no espazo dixital se reproduza e amplifique a desigualdade de xénero que persiste na sociedade e incrementar a presenza feminina nas áreas científico-tecnolóxicas, son os dous obxectivos fundamentais da Cátedra de feminismos 4.0, que este mediodía asinaron o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. Nun acto celebrado no pazo de Castrelos e que contou coa presenza dun destacado grupo de representantes dos ámbitos académico, social e cultural vinculadas ao feminismo, o reitor e a presidenta da Deputación, incidiron na necesidade de persistir na reivindicación da igualdade “para construír unha sociedade máis xusta, que ten que ser feminista”, dixo Reigosa, mentres que Silva referiuse ao feminismo como “a filosofía máis potente e a que pode afirmar que hai futuro nun mundo mellor”.

Coa finalidade de introducir a perspectiva feminista na nova sociedade dixital, incrementar a representación feminina nas áreas científico-tecnolóxicas (STEM), ao tempo que se introduce de xeito transversal a formación en igualdade, a Cátedra de feminismos 4.0 desenvolverá unha serie de accións relacionadas con tres liñas de actuación fundamentais: a realización dun seminario anual sobre feminismo e STEM, coa participación de investigadoras e enxeñeiras de referencia, en coordinación coa Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación e a Universidade de Vigo; a creación de bolsas para investigadoras para a realización de estadías de investigación en centros relevantes con perspectiva de xénero e a promoción dunha epistemoloxía científico-tecnolóxica con perspectiva de xénero e feminista, na que se favorezan liñas de investigación e innovación dirixidas a mudar desigualdades que se reproducen nas redes sociais, ademais de buscar estratexias destinadas a rematar co denominado machismo dixital.

“Non só é preocupante a residual presenza feminina nos ámbitos da intelixencia dixital, no deseño de apps e creación de vídeoxogos, o que pode afondar na fenda económica entre os xéneros, senón tamén que é preocupante o machismo dixital que afecta á selección de wikicontidos, os trazos sexistas dos algoritmos á hora de procurar un emprego ou facer unha compra dixital ou mesmo a censura que sofre o activismo feminista ou as novas formas de ciberviolencia sexual, cada vez más fortes”, explicou a directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. Águeda Gómez incidiu na necesidade formar persoas expertas que desde a epistemoloxía feminista esperten o sentido crítico da cidadanía e fomenten usos tecnolóxicos inclusivos, “oxalá que esta cátedra axude a hackear o patriarcado e colorear de lila os contidos dixitais e converta a nosa sociedade nun espazo máis xusto para todas e todos”, dixo a directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.

Traballo conxunto para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria

Tras agradecer á presidenta da Deputación a participación da institución provincial nesta cátedra, da que se poderá beneficiar o profesorado, alumnado e persoal investigador dos campus de Vigo e Pontevedra e o estudantado da Escola de Igualdade María Vinyals, o reitor da Universidade de Vigo destacou a importancia de contar cun instrumento que permitirá “facer estudos e coñecer mellor os problemas de desigualdade que existen e visualizar referentes que as mozas precisan. A educación en igualdade ten que permear en todas as capas da sociedade”, asegurou Reigosa. Na súa intervención, o reitor non agochou a súa preocupación pola desigualdade de xénero, tanto nas presidencia das deputacións, como á fronte das universidades e nos órganos de dirección das grandes corporacións, pero sobre todo por que as novas xeracións pensen que mesmo se poden dar pasos atrás en igualdade. “Atrás nin un paso, adiante todos”, afirmou contundente o reitor, que demandou a construción entre todas e todos dunha sociedade máis xusta e igualitaria.

Unha cátedra para facer de Vigo e Pontevedra referentes en igualdade

Pola súa banda, Carmela Silva asegurou sentirse “emocionada no acto máis importante no que vou participar como presidenta neste 2019”. Para Silva esta  cátedra vai permitir que a provincia de Pontevedra se converta nun referente en igualdade, “nun referente do compromiso máis fermoso que pode existir, que é traballar para que nós, as mulleres, esteamos onde nos corresponde”. Na súa intervención, Silva amosou a súa preocupación por cifras que sitúan ás mulleres como o 25% das persoas que se matriculan en carreiras STEM, mentres que “o mundo vai seguir estando dirixido polo 75% dos homes que estudan esas carreiras ou están neses eidos de desenvolvemento e non podemos mirar cara outro lado.  Temos que ter un firme compromiso para conseguir que as mulleres amosen interese polo que vai ser o futuro, xa que as grandes decisións económicas, sociais, políticas, de transformación se van tomar neses eidos e aí temos que estar as mulleres”, asegurou a presidenta, que gabou a Reigosa, ao que se referiu como “un reitor feminista e un bo home”.

O acto de presentación da cátedra “Feminismos 4.0”, que contou coa interpretación de dúas pezas musicais a cargo de catro mulleres da orquestra Vigo 4.30, rematou cun brinde “pola felicidade e pola igualdade”.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

691FansGóstame
299SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies