Rodrigo Buján Fernández, de Tui, gaña o concurso literario “Gómez Alfaro”, organizado dende hai catro anos polos palangreiros guardeses en colaboración coa Editorial Galaxia.
“O rescate de Xosé”, un thriller ecolóxico escrito por Rodrigo Buján Fernández, de 11 anos, foi o gañador nesta edición do concurso de relatos “Xosé Carlos Gómez Alfaro”. O certame literario que puxo en marcha fai catro anos a Organización de Palangreiros Guardeses, en colaboración coa Editorial Galaxia, segue cumprindo o seu obxectivo de promocionar a literatura galega e o mundo da pesca, así como de iniciar aos máis pequenos no mundo das letras.
Nesta edición foron un total de 41 os relatos presentados por nenas e nenos de entre 10 e 12 anos da Guarda, Tomiño, O Rosal, Oia, Tui, Salvaterra e Santiago de Compostela. Todos eles demostraron unha gran imaxinación á hora de abordar a temática do certame, -os homes e mulleres do mar-, e non llo puxeron nada fácil aos membros do xurado, formado nesta ocasión polos escritores Raquel Castro, Manrique Fernández e Diego Giráldez.
O texto gañador, “Ou rescate de Xosé” empeza coa misteriosa desaparición dos bancos de peixe espada, continúa cunha alegación contra o lixo mariño, concretamente a que provoca o plástico, e termina co pobo da Guarda mobilizándose para combater este problema.
Novidades deste ano
Este ano, o certame ampliou o seu nome para incorporar o do poeta e profesor ourensán Xosé Carlos Gómez Alfaro, falecido en 2008, que desde 1978 exerceu a súa actividade docente na Guarda, no colexio dos Pais Somascos. Varias xeracións de guardeses estudaron con Gómez Alfaro e gardan un recordo indeleble dos seus ensinos, o seu amor pola poesía, o seu coñecemento dos autores galegos e a súa devoción pola Guarda, a súa segunda “ matria”, como adoitaba dicir e escribir.
Ao acto de entrega de galardóns, que terá lugar o próximo día 1 de xuño, asistirá, ademais de representantes de Orpagu, da Editorial Galaxia e os membros do xurado, a viúva de Xosé Carlos Gómez Alfaro.




