A comarca do Baixo Miño recibiu nos 6 anos transcorridos co actual goberno da Deputación, “o maior volume de investimento de toda a historia da institución provincial” cun total de case 48 millóns de euros
Así o afirmou a presidenta Carmela Silva durante o balance e acto de dación de contas, realizado onte en Tui cos medios informativos da comarca, no que mostrou “con orgullo”, dato a dato, “o modelo transformador que estamos a aplicar en toda a provincia e que está a ter uns resultados extraordinarios nos cinco concellos do Baixo Miño.
“Non hai quen os recoñeza, é unha transformación de 180 graos que nunca se mirara, e todo parte de ter moi claro o que queremos facer”. “Somos a Administración máis investidora, dixo, a que permite que se garantan dereitos e servizos, e simplemente hai que pasearse polos concellos para ver as obras con nomes e apelidos, ver o antes e o despois”, subliñou Silva.
A Presidenta recalcou que as cifras do Baixo Miño son posibles porque a Deputación dedica máis dun 31% do seu orzamento anual, segundo datos do Ministerio de Facenda, ás transferencias aos concellos, o que a converte na referencia nacional, e destacou que a media das deputacións españolas é do 18%. “Houbo un cambio radical na Deputación de Pontevedra e hoxe hai un modelo de transformación desta provincia”, insistiu.
Por concellos, e sen ter en conta os fondos europeos, a Deputación investiu durante este sexenio 10,6 millóns na Guarda, 3,6 millóns en Oia, 5,7 millóns en O Rosal, 14,3 millóns en Tomiño e 9,8 millóns de euros en Tui.
287 obras realizadas co Plan Concellos
O Plan Concellos, ao que definiu como “o plan estrela”, significou 24,2 millóns de euros repartidos obxectivamente no Baixo Miño, que se traduciron en 287 obras. Financiou 283 actividades socioculturais e a creación de 330 empregos.
16 millóns investidos polos servizos provinciais
A presidenta da Deputación destacou que nestes 6 anos de xestión téñense gastado case 16 millóns de euros en subvencións e en programas desenvolvidos polos distintos servizos provinciais, por exemplo en Turismo investiuse preto dun millón de euros en promoción e dinamización.
Destacou Silva a escavación e acondicionamento de Santa Tegra na Guarda, “un dos xacementos máis importantes da península”. Recalcou que a provincia de Pontevedra é a que máis selos de calidade turística (Sicted) ten en toda España, dos que 31 pertencen ás empresas certificadas nesta comarca baixo o “paraugas” de Turismo Rías Baixas. Este servizo xestiona tamén as oficinas turísticas de A Guarda e Oia. A presidenta destacou, finalmente, a promoción do Camiño Portugués e do Camiño da Costa.
O proxecto Revitaliza, fixo que a Deputación fose considerada referente de boas prácticas no tratamento dos residuos orgánicos, deixou 671.000 euros investimento nesta comarca, unha das de maior impacto. Hoxe no Baixo Miño hai 156 composteiros individuais e 9 comunitarios financiados polo Revitaliza.
Desde o servizo de Cultura, “que no pasado non era un elemento importante para a Deputación de Pontevedra precisamente porque a cultura crea persoas con capacidade crítica de pensar por si mesmas”, remarcou Carmela Silva, investíronse máis de 888.000 euros con 1.131 actividades ou iniciativas subvencionadas. A área de Lingua repartiu outros 41.047 euros e as subvencións para a posta en valor do Patrimonio histórico e/ou democrático, preto doutros 40.000 euros.
Outras áreas de inversión foron:
- O servizo de Cohesión Social subvencionou proxectos de integración social a 103 entidades do Baixo Miño
- Dende a área de Emprego financiáronse 116 contratos e becas
- O servizo de Transición Ecolóxica dedicou cerca dun millón de euros ás campañas pensadas para o sector primario
- A área de Deportes, dedicou case un millón de euros a un territorio que destaca polo seu potencial nos deportes náuticos, especialmente o piragüismo, e que tamén é referencia en deporte feminino co Atlético Guardés
- A aposta polas Novas Tecnoloxías nos cinco concellos da comarca quedou patente co impulso á Administración Electrónica
- Axudas relacionadas coa combate contra a Covid-19.
- O apoio ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da Guarda
Finalmente, aproveitou para anunciar que o Plan Concellos de 2022 incluirá tamén a Liña 1 (obras e investimentos directos) correspondente ao ano 2023, “co que serán 73 millóns de euros que terán a súa disposición en 2022”, e felicitouse polo éxito dos cinco concellos na recente convocatoria do plan extraordinario ReacPon, o que vai significar case 3,2 millóns máis de investimento provincial para facer posibles proxectos valorados en 6,1 millóns de euros. En concreto, a ampliación do pavillón da Sangriña (A Guarda), a praza do Campo (Oia), a praza do Calvario (O Rosal), o espazo Isaura Gómez (Tomiño) e a reforma de Antero Rubín e Canónigo Valiño (Tui). “Somos conscientes de que dende o público toca facer grandes investimentos, políticas expansivas e keynesianas”. “Son optimista porque creo que no ano 2022 vaise producir unha gran recuperación”.