·Publicidade ·spot_img
InicioVal MiñorBaionaGalicia abrirá a tempada 2022 das 52 SUPER SERIES coa “Baiona Sailing...

Galicia abrirá a tempada 2022 das 52 SUPER SERIES coa “Baiona Sailing Week”

Galicia abrirá a tempada 2022 das 52 SUPER SERIES coa “Baiona Sailing Week”Tras sufrir a cancelación do evento en 2021 por mor do COVID19, o Monte Real Club de Yates xa ten data para acoller en 2022 o circuíto de monotipos máis importante do mundo

Galicia será a encargada de abrir a tempada do circuíto as 52 SUPER SERIES en 2022 coa “Baiona Sailing Week”. Tras sufrir a cancelación do evento en 2021 por mor do COVID19, o Monte Real Club de Iates xa ten data para acoller, o próximo ano, o circuíto de monotipos máis importante do mundo. Do 23 ao 28 de maio, coincidindo coa celebración do Ano Xacobeo, chegará ás Rías Baixas a considerada “Fórmula 1 do mar”, na que compiten entre 10 e 12 equipos de máis de 8 nacionalidades con regatistas dos 5 continentes a bordo de barcos con tecnoloxía de vangarda.

Nas dúas primeiras xornadas, as tripulacións disputaranse regatas de adestramento na zona destinada á competición, un lugar moi próximo ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, xusto en fronte das illas Cíes. No programa do terceiro día hai previsto un adestramento nunha regata xa oficial aínda que non puntuable; e as últimas datas resérvanse para a competición propiamente dita, coas regatas que definirán a clasificación final da que sairán os gañadores.

A considerada “Fórmula 1 do mar” traerá ás Rías Baixas a entre 10 e 12 equipos de máis de 8 nacionalidades con regatistas dos 5 continentes para competir en barcos con tecnoloxía de vangarda

De alto rendemento e gran prestixio internacional, as 52 SUPER SERIES son un dos tres eventos náuticos máis importantes do mundo, xunto coa Copa América e a Volta ao mundo de vela. En 2022 poñerán en liza probas en 5 portos do planeta: Baiona, Cascais, Porto Portals, Scarlino e Barcelona. Só a organización do evento move a unhas 500 persoas, ata 12 megayates e barcos de apoio. Unha loxística que, xunto coas reservas de voos, aloxamentos e restauración; empresas e equipos de servizo; supoñen un gasto que alcanza os máis de 3 millóns de euros, dos que uns dous millóns quedan en empresas e servizos locais do lugar no que se compite.

Desde o Monte Real Club de Yates falan dun fito histórico para o club, Baiona, as Rías Baixas e Galicia en xeral, non só por entrar no circuíto internacional da alta competición, senón pola proxección mundial que supoñerá para a comunidade, tanto a nivel deportivo como turístico.

“Trátase -di o presidente do MRCYB, José Luis Álvarez- dun dos eventos máis importantes do mundo e estamos moi orgullosos por conseguir traelo a Galicia. Durante varios días seremos o foco da atención internacional e iso repercutirá de forma moi positiva no club e en todo o que nos rodea. Xente de todo o mundo verá a espectacularidade de Baiona e Rías Baixas, descubrirá todo o que Galicia pode ofrecerlles a nivel turístico, gastronómico, cultural e deportivo”.

E é que a amplísima cobertura de medios das 52 SUPER SERIES, tanto nacional como internacional, alcanza cifras que, segundo datos da organización, roldan os mil millóns de impactos en diferentes medios de comunicación, con máis dun millón de visualizacións nas emisións en directo da competición e preto de 10 millóns de impresións en redes sociais.

Para o presidente do histórico club baionés, a “Baiona Sailing Week” permitirá tamén “ desestacionalizar o turismo, dar un impulso á economía, e crear afección e canteira no mundo da vela”. Trátase, en definitiva, conclúe Álvarez, “dun evento que pasará á historia de Galicia e nun tan especial como o Ano Santo Xacobeo”.

Ademais de albergar as diferentes probas deportivas, o Monte Real Club de Yates organizará múltiples eventos sociais, como encontros cos regatistas, visitas aos barcos participantes, conferencias e charlas sobre a competición ou festas coas tripulacións.

- Publicidade -spot_img

Publicidade
Publicidade