Un documental recolle como unhas mulleres do Condado e Baixo Miño crearon un torneo de fútbol feminino nos anos 90

O xoves 14 de marzo ás 20:30h e dentro das actividades programadas polo  Día Internacional da Muller 2019, o Centro Cultural da Guarda será o escenario da Proxección do documental «A Liga do Condado e o Baixo Miño, a recuperación do fútbol feminino galego. A paixón dunhas mulleres convertida en realidade.»

Que os soños non teñen barreiras é un feito constatable. O que aconteceu nos anos noventa no sur de Galicia, por máis de ser un feito singular e exemplar, mostra como a procura dun soño pode volverse real.

A finais dos anos oitenta, cando o fútbol feminino galego estaba na elite, desapareceu absurdamente nun momento seminal para o seu desenvolvemento no estado, xusto cando se constituía a primeira edición da Liga. Naquel ermo aparecido subitamente, que provocou a fuxida das nosas futbolistas cara ao fútbol sala, e tras pasar uns anos, unhas mulleres do Condado e do Baixo Miño, ás que se lles foron xuntando outras de distintos lugares da provincia de Pontevedra e do norte de Portugal, encheron aquel espazo creando un torneo único, aberto a todas as que seguiron defendendo con razón e paixón que o fútbol feminino non podía morrer así.

O documental, mediante un recorrido polos espazos máis importantes arredor dos que se desenvolveu aquela idea e polo relato dos seus protagonistas, xogadoras, técnicos e dirixentes, narra o que foi aquel feito, do que non se coñece outro semellante no contexto do fútbol feminino español, e cunha organización extraordinaria, que durou oito anos, convertido durante algúns deles nunha competición regular e amigable de carácter internacional.

O obxectivo, ademais de revelar un feito histórico no deporte galego, pretende colocar no lugar que merecen a todas aquelas mulleres e homes que loitaron para que o noso fútbol feminino renacera sen imaxinar, naquela altura, que estaban facendo historia.

Please follow and like us:

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies