A fundación Bretal presenta o seu primeiro documental: Un Mosteiro, un fogar. Unha peza que descobre a etapa máis descoñecida do Mosteiro de Oia
O proxecto audiovisual producido pola Fundación Bretal e dirixido por Cristina da Torre, que busca salvagardar a historia do Mosteiro desde a Desamortización de Mendizábal ata os nosos días, 150 anos de historia contados polas familias que o habitaron.
O equipo de produción destaca que esta etapa é a menos coñecida e da que menos documentación existe, por tanto unha historia que depende da memoria das persoas que viviron eses momentos e que aínda están entre nós. Unha historia que non debe perderse e que desde o Mosteiro de Oia, e a través do impulso da Fundación Bretal decidiuse producir e compartir coa sociedade.
O documental presentouse o pasado sábado no refectorio do Mosteiro
Despois do primeiro pase, celebrouse un coloquio entre o máximo responsable do Mosteiro de Oia, Xoán Martínez, e a directora do documental Cristina da Torre, onde se profundou tanto nas motivacións deste traballo como na parte máis técnica e de produción.
Entre outras cousas, comentouse algo que fai especial a esta peza audiovisual, e é que non conta con actores profesionais, senón coas persoas que viviron en primeira persoa estas etapas, desde que os monxes abandonaron o Mosteiro ata hoxe.
Unha iniciativa máis da Fundación Bretal, que continúa promovendo e dinamizando a cultura galega esta vez cunha peza que, sen dúbida, seguirá escribindo a historia do Mosteiro.