spot_img
InicioBaixo MiñoTui recoñece o labor de José Luís Méndez dándolle o seu nome...

Tui recoñece o labor de José Luís Méndez dándolle o seu nome ao Centro Municipal de Remo

Tui recoñece o labor de José Luís Méndez dándolle o seu nome ao Centro Municipal de RemoO Centro Municipal de Remo, á beira do río Miño, denomínase dende hoxe José Luís Méndez. Tui recoñece así á histórica figura do principal impulsor do remo na cidade, que tamén foi fundador do Club Remo do Miño no ano 1974.

Cousas de revista nº16

Na fachada principal do edificio deportivo aparece xa a nova denominación, ao tempo que no interior unha placa, que foi descuberta pola viúva de José Luís Méndez, recolle o acordo plenario da corporación tudense neste senso.

No acto desta mañá estiveron presentes o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa, o deputado de Deporte, Gorka Gómez, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez,  a presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Rosario Loriente Pérez, o presidente da Federación Galega de Remo, José Luís Méndez, o presidente do Club Remo do Miño, Manuel Ángel González, xunto a outras autoridades, membros da directiva do club , deportistas e familiares de José Luís Méndez.

O concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, foi o encargado de dar lectura ao acordo plenario do 24 de novembro polo que se acordou dar o nome de José Luís Méndez ao Centro Municipal de Remo “en atención a súa traxectoria deportiva e implicación co mundo do remo de Tui”. No mesmo recóllese que os éxitos de Méndez “son un motivo de honra e orgullo para toda a cidadanía de Tui, e  prestixian a nosa cidade, ao tempo que acreditan unha longa traxectoria deportiva merecente dun recoñecemento público”.  Na súa intervención o alcalde, Enrique Cabaleiro, lembrou a boa acollida que tivo a proposta trasladada polo Club Remo do Miño indicando que con este acto se recoñece “o traballo de José Luís Méndez que empeñou unha parte importante da súa vida en sacar adiante un proxecto deportivo e colectivo”. Mentres en  nome da familia interviña o seu fillo José Luís Méndez que agradeceu que o nome do seu pai quede ligado ao centro municipal de Tui e agardou que “serva para que a xente xove de Tui se achegue ao río e que practique o remo ou o piragüismo, creo que es un dos mellores deportes, a sensación que che da auga, o ambiente, os amigos que fas aquí non os fas noutros sitios”.

XLII edición Regata Miño Internacional

Ese acto no Centro Municipal de Remo José Luís Méndez serviu para pechar a celebración da edición 42 da Regata Miño Internacional, unha proba mítica organizada polo Club Remo do Miño en colaboración co Concello de Tui e que, cada ano, se celebra por estas datas en augas do Miño ao seu paso por Tui. Nesta proba a vitoria en Oito con Temoneiro foi para o Club Fluvial Portuense, seguido do Viana Remadores do Lima e do Club Remo Vigo na categoría masculina, e para o Sport Clube do Porto na feminina, seguido do Remo do Miño e do Remo Vigo. Mentres  8+ veterano masculino o Club Remo Coruxo foi primeiro, seguido do Remo do Miño, e do Fluvial Portuense. Mentres na categoría feminina vitoria para o Club Fluvial Portuense.

En Catro Scull absoluto masculino primeiro posto para o Club Remo Tui, segundo para o Remo do Miño e terceiro posto para o  SC Caminhense. Mentres na categoría feminina o Club Fluvial Portuense foi primeiro, o equipo mixto do Tui-Caminha segundo, e o terceiro posto foi para o Clube Naval Infante D. Henrique.

José Luís Méndez García, nado en Pontevedra en 1937, dedicou toda a súa vida ao deporte e, dende moi novo, ao remo. Foi deportista, adestrador, directivo, recibiu a Distinción ao Mérito Deportivo da Xunta de Galicia e tamén foi presidente honorífico do Club Remo do Miño até o seu falecemento en 2021. Méndez foi un recoñecido deportista nesta disciplina, na que se iniciou aos 15 anos e mesmo chegou a ser olímpico no Xogos de Roma de 1960.

En Tui foi figura chave coa fundación, nos anos 70, do Club Remo do Miño do que foi adestrador, presidente, presidente de honra e peza chave no crecemento na consecución de fitos como o primeiro campionato de España para a cidade e numerosas medallas e finais para os deportistas deste club tudense.

- Publicidade -spot_img