
O Concello de Tui aposta pola transformación do entorno ribeireño do Miño ao seu paso polo termo municipal apostando pola súa conservación medioambiental e convertendo esta zona nun pólo de atracción turística que axude a revitalizar a economía da zona. No marco deste ambicioso proxecto executouse xa a primeira senda entre a rúa Olímpicos Tudenses e a vella Ponte Internacional.
A obra foi executada por Costas cun orzamento de 80 mil euros e supuxo unha actuación sobre 286 metros cadrados de senda, realizando 72 metros cadrados de escada xunto a Ponte Internacional para dar acceso á Avenida de Portugal, e se construíron 22 metros lineais de escolleira.
A senda ten un carácter simbólico, xa que supón o inicio da transformación do entorno ribeireño e mellorou de forma notable o acceso dende a rúa Olímpicos Tudenses, onde están situados os clubs de remo, piragüismo e o Centro Interfederado, ata a vella Ponte Internacional.
Dende o Concello trabállase agora en poder realizar sendas fluvial que comuniquen toda a beira do Miño no termo municipal dende o límite con Salvaterra ata Tomiño, proxectos que o alcalde presentou tamén hoxe á xefa provincial de Costas, quen se comprometeu a colaborar na medida das posibilidades do seu departamento.



