spot_img
InicioBaixo MiñoTui presenta unha ambiciosa programación de verán con seis festivais internacionais

Tui presenta unha ambiciosa programación de verán con seis festivais internacionais

Tui presenta unha ambiciosa programación de verán con seis festivais internacionaisSeis festivais, cinema, música, teatro e danza conforman a programación cultural que este verán se poderá gozar en Tui

Co lema “Saímos con sentidiño” dende o próximo martes 13 de xullo e até finais de setembro poderemos gozar dunha oferta cultural diversa, variada, e internacional con todas as medidas de seguridade.  Vén recollida nun novo número da Axenda Cultural Corredoira da que se editan 12 mil exemplares. Está xa accesible en www.tui.gal.

A presentación tivo lugar esta mañá no cárcere vello a cargo de Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui; Sonsoles Vicente, concelleira de Cultura de Tui; Mario Rui Oliveira,  vereador de Cultura de Valença; Samuel Diz, de Música no Claustro; Andrea González do IKFEM; Andrea Costa, de Arraianos; Ana Rodríguez do MUMI, e Ángel Sánchez de Play Doc.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, abriu a súa intervención amosando a súa satisfacción pola presentación desta “programación cultural moi ambiciosa” nun momento no que “necesitamos recuperar canto antes a normalidade cultural, promover actuacións do ámbito cultura, porque a cultura non é so un elemento de dinamización social senón tamén económica”. Salientaba que o “compromiso das institucións coa cultura é inequívoco”, en referencia ao Concello de Tui e á Cámara de Valença. Quixo tamén o rexedor tudense enviar unha mensaxe de optimismo afirmando que “superado este difícil momento o mundo da cultura volverá recuperar o esplendor que sempre tivo”.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, lembrou na súa intervención o éxito acadado o verán pasado na programación cultural xa con todas as medidas de seguridade establecidas, que marcarán tamén os eventos previstos nos próximos meses. Salientou a concelleira de Cultura as actividades conxuntas previstas con Valença froito do intenso traballo realizado nos últimos meses. Tamén se referiu a outras propostas coma o cinema que volverá a “un escenario único” coma é o paseo fluvial, o espectáculo “Leira” de Nova Galega de Danza nominada a 7 Premios Max, o concerto de Ana Belén Rodríguez Trío, e a representación de “A contenda do río Miño” na ribeira de Caldelas con capacidade para 600 persoas que será dicía “a representación teatral máis importante e interesante da contorna” nunha produción da Companhia de Teatro de Braga e do Centro Dramático Galego.

Referiuse tamén aos festivais que se van celebrar na cidade parte deles xa afianzados coma Música no Claustro, IKFEM, Arraianos e Play Doc, e outros novidosos coma os de Artesd e Rúa e o MUMI.

O vereador de Cultura de Valença, Mario Rui Oliveira, destacou a “excelente calidade” da programación presentada esta mañá en Tui referíndose tamén ao “verán moi rico en actividades” que terán en Valença. E salientou o Festival Internacional de Artes de Rúa que neste primeiro ano brindará 12 espectáculos e 6 pasarrúas para público familiar na Eurocidade Tui-Valença entre o 23 e 25 de xullo.

Do 1 ao 7 de agosto celebrarase Música no Claustro, Festival de Música, Patrimonio e Creación, que se desenvolverá na Catedral. O seu director Samuel Diz expuxo que “chegamos a edición número quince con toda a ilusión, enerxía e retos de dinamizar, de investigar, de coñecer e de facer noso o  noso patrimonio”. Salientaba coma novidade o Foro Profesional de Instrumentos Musicais, único en España dedicado ás profesións vinculadas aos instrumentos musicais. Tamén destacaba a aposta por distintas residencias artísticas que crearán proxectos propios ex profeso para o festival.

Andrea González, directora do IKFEM, Festival de Instrumentos de Tecla da Eurocidade, salientou coma o festival que do 18 ao 22 de agosto celebrará a súa novena edición “creando unha programación que pretende simbolizar que non existen fronteiras, somos unha cultura única, moi variada, … e estamos nun espazo que simboliza precisamente esa unión de culturas”. O próximo luns presentarán o programa ao completo do que destacou será “moi ecléctico, moi variado en estilos musicais e aberto a todo o público”.

O festival Arraianos celebrará unha edición especial Xacobeo do 27 de agosto ao 5 de setembro “cunha estrutura cambiada” edición distinta coma explicaba a súa directora Andrea Costa. Avanzaba así que “as actividades cobran un papel esencial” fomentando a economía no sector da restauración do comercio local” con cheques regalo e un premio e até mil euros para consumir en Tui.

A Eurocidade Tui-Valença acollerá o I Encontro Profesional da Musica Galego Portuguesa, MUMI, co que crearán “unha sinerxia entre o que é a música galega e portuguesa” segundo Ana Rodríguez do MUMI. O 9, 10 e 11 de setembro presentaranse distintas bandas galegas e portuguesas, haberá actividades na rúa e mesas redondas nas que abordarán distintos temas que “fagan que teñamos unha industria cultural máis forte”.

Ángel Sánchez, codirector de Play Doc abriu a súa intervención destacando o “crisol de diversidade” nos proxectos presentes nesta programación. Destacou a ilusión coa que dende o festival afrontan este “ano de transición” no que van celebrar a 17ª edición de Play Doc do 22 ao 26 de setembro “coa esperanza de que o ano poidamos retornar á primavera”.   Recuperarán o espírito que inicialmente tiña o festival co carácter internacional con convidados, crítica e retrospectivas internacionais. Tamén repetirán a “hibridación do festival” coa dixitalización de certos contidos, coma fixeron o ano pasado a través de Filmin. Tamén volverán explorar diferentes espazos de Tui a través das ferramentas audiovisual, e mergullaranse de novo no arquivo fílmico local, coa relectura do mesmo propondo traballar sobre o mesmo a distintos artistas. A formación estará tamén presente nas actividades paralelas en versión presencial e en liña.

Programación

O Paseo Fluvial acollerá ás seis proxeccións de cinema previstas con capacidade para 300 espectadores, que poderán reservar a súa entrada, dende o luns da semana da proxección, en www.tui.gal, cun máximo 3 entradas por persoa.  No mes de xullo as proxección será ás 22.30 h, o martes 13 poderase ver  “Zog y los doctores voladores”, o mércores, 14 de xullo, “El viaje de Chihiro”´e o xoves “Stand by me”. Xa en agosto a cita será ás 22 h o martes 10 con “Los Goonies”, o mércores 11 con “Fiebre del sábado noche” e o xoves 12 “Abominable”

A praza de San Fernando acollerá o venres, 16 de xullo, ás 22 h o concerto de Ana Belén Rodríguez Trío dentro do programa “Música no ar” da Deputación, o venres, 13 de agosto, ás 21 h a Nova Galega de Danza co espectáculo “Leira” ao abeiro de “Propulsa” da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.  Haberá capacidade para 120 espectadores que deberán reservar previamente a praza en www.tui.gal dende o luns da semana do espectáculo.

A ribeira de Caldelas acollerá o venres, 27 de agosto, ás 22 h a representación de “A contenda dos labradores de Caldelas ou entremés famoso sobre a pesca”. Trátase unha produción da Companhia de Teatro de Braga e o Centro Dramático Galego para o Festival de Almagro, coa que se conmemora o 350 aniversario desta peza teatral que foi o primeiro texto dramático escrito en lingua galega.

- Publicidade -spot_img