spot_img
InicioVigo e áreaRedondelaO artista e arquitecto José Romero-Amich expone en Redondela 18 lienzos dedicados...

O artista e arquitecto José Romero-Amich expone en Redondela 18 lienzos dedicados ao cine norteamericano do século XX

O Multiusos da Xunqueira acolle a exposición “Hollywood 2021” do artista e arquitecto José Romero-Amich A mostra que recolle 18 obras de películas icónicas da historia do cine estadounidense, permanecerá durante todo o mes de xullo no Multiusos da Xunqueira

A concellería de Cultura de Redondela vén de organizar unha  exposición do arquitecto vigués e artista, José Romero-Amich, que permanecerá na sala 1 do Multiusos da Xunqueira durante todo o mes de xullo. A mostra, que leva por título “Serie Hollywood 2021” percorre, a través de 18 lienzos, de 80 x 90 cm., a historia do cine norteamericano do século XX, abarcando filmes icónicos desde  1921 ata 2014. Así, todo aquel que se achegue poderá recoñecer nas súas obras, e entre outras, películas como The Kid, de Charles Chaplin, Casablanca, O Padriño, Matrix, Kill Bill, 007 contra o Dr. No, Os Paxaros, A Guerra das Galaxias, o Silencio dos Cordeiros ou a máis recente Interstellar, dirixida en 2014 por Cristopher Nolan.

O autor, José Romero-Amich, é un arquitecto vigués amante do cine e da pintura que comezou a pintar de xeito profesional en 2016 e que atopou na pandemia unha oportunidade única para tomar tempo e crear esta serie que, segundo as súas propias palabras, “nace da necesidade creadora en relación ás imaxes recoñecibles colectivamente cuxo orixe está na industria estadounidense”. “Poderíamos aventurar que detrás destas míticas fotos escóndese quizá a máis efectiva exportación sociocultural desde o dereito ou a enxeñaría romanas”, conclúe Romero-Amich.

A exposición, inaugurada o pasado venres, 2 de xullo, segundo Daniel Boullosa, concelleiro de Cultura, “está a ser un éxito rotundo. Son xa moitas e moitos veciñas e veciños os que xa se achegaron a gozar dela e quero animar a todos os que aínda non o fixeron porque, de seguro, van a quedar gratamente sorprendidos tanto pola técnica empregada como polo que representa a mostra para os amantes do cinema”.

- Publicidade -spot_img