Inicio Pontevedra Tres alumnas do Campus de Pontevedra triunfan no festival iberoamericano de publicidade...

Tres alumnas do Campus de Pontevedra triunfan no festival iberoamericano de publicidade El Sol

tres-alumnas-do-campus-pontevedra-triunfan-no-festival-iberoamericano-publicidade-solUmá de Oliveira, Lidia Dosil e Tania Castelo venceron na categoría de creativos novos

A voz de FAD é o título da campaña ideada por tres alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Tania Castelo, Lidia Dosil e Umá de Oliveira, para o concurso que o Festival Iberoamericano de Comunicación Publicitaria El Sol propuña aos e ás concorrentes na súa categoría de Jóvenes Creativos. Unha campaña coa que este sábado se alzaban co Sol de Oro, o primeiro premio desta modalidade, na gala que celebrou en Bilbao “un dos festivais máis importantes e con máis percorrido que hai en España” no eido da publicidade, como salientan estas tres estudantes do grao en Publicidade e RRPP.

Máis de 2500 pezas, segundo a organización, concorren cada ano a un certame dirixido a recoñecer as mellores campañas da industria publicitaria, que desde hai dez anos conta tamén cunha categoría para novos e novas talentos, á que se presentaron neste 2017 máis de 200 proxectos. Todos eles, tiñan como partida unha proposta de traballo común, a de deseñar unha campaña para a Fundación de Ayuda a la Drogadicción (FAD), centrada na problemática do consumo de alcol en menores.

Unha proposta que parte da controversia

“Fixemos unha campaña dividida en dúas partes e na primeira o que queríamos era xerar un pouco de controversia”, relata Castelo dun proxecto no que propuñan abrir en internet un proceso de recollida de sinaturas para legalizar o consumo de alcol aos 14 anos. Proposta que se levaría a cabo a través do perfil ficticio de Fran Avilés Domínguez, cuxas iniciais coinciden coas siglas da FAD, co propósito de abrir un debate nas redes sociais. “Crearíanse perfís para visualizar o que vén sendo a realidade sobre o consumo de alcol en menores e recoller toda esa controversia”, relata dunha proposta que non desvelaría que se trata dunha campaña desta fundación ata a súa segunda fase, co propósito de recoller as reaccións da sociedade para crear con elas “a voz da propia FAD”. Deste xeito, explican, na súa proposta de campaña, “non sería unha voz en off a que dese a mensaxe, senón a propia sociedade”. Non en van, engade Oliveira, o propósito do seu proxecto era incidir en que o aumento do consumo de alcol entre menores constitúe “problema real que é responsabilidade de todos”.

Grazas a esta idea, estas tres estudantes entraron a formar parte dos 19 finalistas que conformaban a lista corta dos Premios El Sol e que as levaron a participar nas actividades que, ao abeiro deste festival, desenvolvéronse desde o pasado xoves no Palacio Euskalduna de Bilbao. Xa na tarde do sábado, chegou o momento da entrega de premios nas diferentes categorías, que levou a estas tres estudantes a recoller o seu sol de ouro de mans do presidente da FAD, Ignacio Bayón. “A experiencia da gala estivo moi ben, estabamos nunha nube da emoción”, recoñece Oliveira dun eveto no que o segundo e o terceiro premio da categoría de creadores novos foron para os proxectos achegados por alumnado da Universidad Rey Juan Carlos de Madrid e da a escola The Atomic Garden.

Premios que amplían experiencias e currículo

Poucos meses antes deste sol de ouro, estas tres alumnas lograban xa proclamarse finalistas do Hack for Good promovido polo Club de Creativos, mentres que Oliveira e Dosil lograron tamén este mesmo curso proclamarse finalistas do Festival Inspirational que promove a asociación de empresas IAB Spain. “A nivel persoal, participar neste tipo de concursos é moi gratificante e a nivel profesional serven para darte a coñecer, son un valor engadido” nos seus currículos, recoñece Dosil. “Ademais, permiten poñer en práctica os coñecementos teóricos adquiridos na careira”, engade Umá de Oliveira.

Do mesmo xeito, Castelo pon de relevo a oportunidade que a participación en festivais como El Sol lles proporciona de “abrirte un pouco ao mundo, coñecer profeisonais do sector ou simplemente a xente que está na túa mesma situación noutros centros de España”. Nese senso, as tres coinciden no positivo que, máis aló do premio, resultou poder participar, grazas a ser seleccionadas finalistas, nas diferentes charlas e talleres que completaron o programa do festival.

Eduardo Muñiz | UPont.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

691FansGóstame
300SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies