Inicio Pontevedra Baixo Miño Tomiño celebra o seu quinto Biomercado con alimentos saudables, artesanía e unha...

Tomiño celebra o seu quinto Biomercado con alimentos saudables, artesanía e unha ampla oferta de ocio

Tomiño celebra o seu quinto Biomercado con alimentos saudables, artesanía e unha ampla oferta de ocioEste domingo 29 de setembro a Praza do Seixo e o Mercado Municipal acollerán 67 postos cos que se busca dinamizar o comercio local e fomentar a biocultura

A Praza do Seixo e o Mercado Municipal de Tomiño acollen este domingo 29 de setembro unha nova edición do Biomercado, unha cita anual xa consolidada e que chega á súa quinta edición con 67 postos dedicados a alimentación saudable, produtos ecolóxicos e naturais e a artesanía e cun amplo programa de actividades con charlas, obradoiros, contacontos, pasarrúas e música en vivo. O obxectivo é poñer en valor e dinamizar o comercio local, fomentar a produción ecolóxica, a biocultura e o mercado de proximidade. “É unha pequena mostra de que o rural ten vida e unha vida alternativa, saudable, sustentable, respectuosa co medio ambiente… un tipo de vida que a xente demanda cada vez máis”, salienta a alcaldesa Sandra González.

Este ano o Biomercado conta con importantes novidades, como unha reorganización do espazo que permitirá non só mellorar a mobilidade de todas as persoas participantes, senón tamén dividir o mercado por seccións de interese. Deste xeito, no Mercado Municipal e nos seus soportais estarán arredor de 20 postos relacionados coa alimentación en fresco e con elaborados artesanais, mentres que na Praza do Seixo distribuiranse os bloques de cosmética natural; artesanía e vellos oficios (está previsto que os “telleiros” acudan o vindeiro ano); coleccionismo, antigüidades, reciclaxe e segunda man; e comida para levar.

Este ano a organización fixo, como asegurou Chao Quintana, de Rural Consulting, “un esforzo por facer unha selección rigorosa de todos os participantes” seleccionando para os postos soamente a aquelas persoas con certificado de Artesanía de Galicia no caso dos artesáns e artesás e con rexistro sanitario no caso dos postos con produtos alimentarios. Un esforzo que tamén se reflicte no programa da xornada, “con actividades para empezar a introducir aos nenos e nenas no mundo da transformación alimentaria e dando resposta á alta demanda que tiñamos de obradoiros para adultos”.

Un amplo programa

A quinta edición do Biomercado contará cun amplo programa de actividades para todas as idades que se iniciará pola mañá coa apertura dos postos ás 11.00 h e que continuará ao longo do día (ata as 21.00 h) con diferentes actividades lúdicas e formativas, obradoiros relacionados coa cociña e a gastronomía e música en vivo.

Así, as persoas asistentes poderán aprender a cociñar rápido e san, a cultivar cogumelos en pousos de café ou a facer pan e queixo nos distintos obradoiros que haberá durante toda a mañá e a tarde. Ademais, haberá interesantes charlas sobre temas tan importantes para a vida cotiá como o colesterol ou o control do peso na infancia. Demostracións de vellos oficios, pasarrúas e contacontos con Anxo Moure e o concerto en vivo e en directo de Llorente&Tribu “para rematar cun bo sabor de boca a xornada” serán outras das actividades estrelas da xornada.

Dentro desa “aposta que o Concello fai pola compostaxe”, como explica o concelleiro de Promoción Económica, Comercio e Deportes, Francisco Campo, o Biomercado contará cun posto do proxecto Revitaliza no que os mestres composteiros resolverán dúbidas e facilitarán información sobre o programa de compostaxe que se está a levar a cabo en Tomiño. Neste mesmo posto entregarase compost feito nos centros de compostaxes do Seixo e de Goián e todas as persoas interesadas poderán anotarse para ter un composteiro na casa ou para levar compost sen peneirar en momentos de excedente.

Durante o Biomercado tamén se celebrará a actividade ‘Móllate polos ríos’, unha limpeza simultánea de ríos impulsada por Adega ao abeiro do Proxecto Ríos no que colabora Tomiño e a través do que os voluntarios e voluntarias recollerán residuos do río Cereixo. Toda a información e inscricións desta actividade en: https://tomino.gal/limpeza-simultanea-de-rios-2019/.

PROGRAMA

11,00h.  Apertura do mercado

12,00h.  Cociña rápida e san con Carol – no Mercado

12,30h.  Pasarrúas de Anxo Moure – Praza do Seixo

13,00h.  Conferencia: Que é o colesterol? – Salón de Plenos do Concello

                Contacontos, Anxo Moure – no Mercado

13,30h.  Cultivar cogumelos en posos de café – no Mercado

18,00h.  Aprende a facer pan (adultos) – no Mercado

                Aprende a facer queixo (infantil) – Prazo do Seixo

19,00h.  Conferencia control do peso na infancia – Salón de Plenos do Concello

               Aprende a facer queixo (infantil) – Praza do Seixo

19,30h.   Música ao vivo. Llorente & Tribu – Praza do Seixo

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

692FansGóstame
311SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies